venres, 30 de setembro de 2011

Wonderwall

Composta por Noel Gallagher, "Wonderwall" é un clásico dos anos 90; proba disto é a cantidade de versións que se teñen feito dende practicamente a súa publicación no segundo álbum de Oasis What's the Story? Morning Glory, que data de finais de 1995. Xunto co primeiro disco, Definitely, Maybe, son os traballos máis importantes da banda de Manchester.

 http://www.goear.com/listen/40b2cb9/wonderwall-oasis

Xa ó ano seguinte, en 1996, The Mike Flowers Pops realizou unha versión cun son moi orixinal, que incluíron no seu álbum A Groovy Place.

 http://www.goear.com/listen/0e30757/wonderwall-oasis-cover-the-mike-flowers-pops

A canción de Travis "Writing to Reach You" tamén se basea en "Wonderwall", xa que comeza igual. Está incluída no álbum The Man Who (1999).

http://www.goear.com/listen/5cfb680/writing-to-reach-you-travis

En 2004, Ryan Adams gravou a súa propia versión no disco Love is Hell. Esta versión non lle fixo moita a graza a Noel Gallagher, que consideraba que Ryan Adams non lle pedira permiso para publicala.

 http://www.goear.com/listen/b89151c/wonderwall-live-ryan-adams

Ese mesmo ano, Green Day publicou o seu álbum máis maduro ata ese momento, American Idiot, cuxo segundo single "Boulevard of Broken Dreams" contén unha progresión de acordes moi semellantes a "Wonderwall", ata o punto que os irmáns Gallagher a consideran un puro plaxio. En torno a esta polémica, hai quen mesturou ambas cancións para salientar as súas semellanzas. A continuación deixámosvos un remix.

 http://www.goear.com/listen/7c5e8f3/boulevard-of-broken-dreams-greenday

A continuación deixámosvos un remix: http://www.goear.com/listen/e94f2ee/boulevard-of-wonderwall-oasis-green-day

Pero quen lle ía dicir a Green Day, que Simple Plan, pupilos deles, haberían tomar algunhas notas de "Boulevard of Broken Dreams" en "Your Love is a Lie", do álbum epónimo de 2008. Cando se decaten os irmáns Gallagher...

http://youtu.be/IqgeBlUyoKo

mércores, 28 de setembro de 2011

Dancing In The Street

Seguindo na onda dos grupos femininos dos anos 60, outro que tamén foi moi destacado na Tamla Motown foi Martha and The Vandellas. En 1964 publicou o álbum Dance Party que incluía o seu maior éxito "Dancing in the Street", canción composta por Marvin Gaye e William "Mickey" Stevenson.


A primeira versión importante que se fixo deste tema da Motown débese nin máis nin menos que a banda de rock americana Van Halen, co seu consecuente cambio de estilo. Aparecía no álbum de 1982 Diver Down.


Pero a versión máis popular de todas, tanto como para esquecer que a orixinal pertence ó grupo de Martha Reeves, correu a cargo en 1985 de dous grandes da música: Mick Jagger e David Bowie para o movemento Live Aid, acto benéfico organizado por Bob Geldof (The Boomtown Rats) e Midge Ure (Ultravox) contra a fame en África.

venres, 23 de setembro de 2011

Ain't No Mountain High Enough

A canción que hoxe nos ocupa é unha das máis versionadas da discográfica Tamla Motown. Escrita en 1966 por Nickolas Ashford e Valerie Simpson, a canción tivo un enorme éxito en 1967 nas voces de Marvin Gaye e Tammi Terrell, que publicaron un disco conxunto titulado United, onde tamén estaba incluída unha versión da canción de Carson Parks "Somethin' Stupid".

 http://www.goear.com/listen/faa7c08/aint-no-mountain-high-enough-marvin-gaye-y-tammi-terrell

Das versión máis notables que se fixeron desta canción, destaca a que levou a cabo Diana Ross xunto as voces de The Temptations en 1968, nun álbum titulado Diana Ross & The Supremes Join The Temptations, que reunía a dous grupos emblemáticos da discográfica Tamla Motown.


Habería que esperar a 2006 para que despois de innumerables versións, unha canción baseada no tema de Ashford e Simpson a volvese pór de actualidade. O título é "Tears Dry On Their Own" e pertence ó álbum Back To Black da recentemente desaparecida Amy Winehouse.


Curiosamente, a protexida de Amy Winehouse, Dionne Bromfield, versionou "Ain't No Mountain High Enough" no seu disco de debut Introducing Dionne Bromfield, publicado en 2009.


xoves, 15 de setembro de 2011

Walking On A Dream

O ano 2009 estreábase coa aparición na escena musical dun dúo australiano baixo o nome de Empire Of The Sun, igual que a novela de J. G. Ballard. Os seus componentes, Luke Steele e Nick Littlemore publicaran o seu álbum de dedut a finais de 2008, Walking On A Dream, cun estilo que revolucionaba o electropop e que seguía a estela de MGMT, outro dúo, neste caso procedente de Nova York, que en 2008 recibira a louvanza da crítica. A canción que lle daba título ó album foi elixido como primeiro single.


Tamén en 2009 facía o seu debut no panorama musical un mozo procedente de Wembley, Gary Baker, que gravou o seu álbum nos estudos que empregaba habitualmente Frank Sinatra. Co nome artístico de Gary Go, o álbum homónimo contiña éxitos coma "Wonderful", "Brooklyn" e "Open Arms", que profetizan unha traxectoria máis que interesante para este intérprete.
Malia a que o seu estilo non ten moito que ver co de Empire Of The Sun, Gary Go interpretou algúns temas dos australianos en versión acústica, que non quedaron nada mal.

martes, 13 de setembro de 2011

We Used To Know

En 1968 fundouse en Blackpool, Gran Bretaña, unha das bandas de rock progresivo máis importantes de todos os tempos. Estamos a falar de Jethro Tull, a banda de Ian Anderson, que lle debe o nome ó inventor da primeira máquina agrícola sementeira que tanto contribuiu á Revolución Industrial. Sacaron o seu primeiro álbum ese mesmo ano This Was cun éxito relativo que se confirmaría ó ano seguinte coa publicación do álbum Stand Up, onde estaba recollida a canción "We Used To Know".


Na xira de presentación deste segundo traballo, Jethro Tull levaban de teloneiros unha banda estadounidense que se estaba dando a coñecer, Eagles, que a comezos de 1977 publicou o álbum Hotel California, onde a canción que lle dá nome ó disco ten unha melodía moi similar á de Jethro Tull. De feito, Ian Anderson deixou caer ocasionalmente que se trataba dun posible plaxio, aínda que non foi máis alá desas insinuacións. Nin que dicir ten que "Hotel California" é a canción máis emblemática de Eagles e se converteu nun clásico do rock.

 http://www.goear.com/listen/739fd16/hotel-california-the-eagles

xoves, 8 de setembro de 2011

Killing Me Softly With His Song

A finais da década de 1960, Lori Lieberman, unha moza californiana, compuxo un poema titulado "Killing Me Softly With His Blues" tras asistir a un concerto de Don McLean. Nese concerto, Lori quedara impresionada coa interpretación que o cantante do famoso "American Pie" fixo do tema "Empty Chairs". O poema non pasou inadvertido para os compositores Charles Fox e Norman Gimbel, que se basearon nel para escribir en 1971 o que posteriormente sería unha canción mítica. A propia Lori Lieberman, que daquela trataba de abrirse paso no mundo da música e acababa de firmar un contrato con Capitol Records, foi a encargada de pórlle voz á versión que Fox e Gimbel fixeron do seu poema. En 1972, aparecía no mercado o disco homónimo de Lori Lieberman onde estaba recollido "Killing Me Softly With His Song", que gravara un ano antes.


Pero sería en 1973, ó incluir a cantante de soul Roberta Flack unha versión deste tema no seu álbum que levaba precisamente o título de Killing Me Softly, cando esta canción acadaría a popularidade de que goza. Roberta Flack conseguiu varios Grammys con este tema e de feito, hoxe en día, moita xente pensa que a versión orixinal é dela.


E coma toda canción cun éxito sen precedentes, comezaron tamén a circular novas versións nas décadas posteriores. Frank Sinatra, Carly Simon, Toni Braxton e máis recentemente Alicia Keys son claros exemplos. Mais talvez a versión máis popular tras a de Roberta Flack sexa a dos Fugees, con Lauryn Hill á cabeza xunto con Wyclef Jean, no seu álbum de 1996 The Score.


En español, tamén se levaron a cabo versións de "Killing Me Softly". En México, destaca a versión de Pandora, que titularon "Matándome Suavemente Con Su Canción", no seu álbum Ilegal (1992).

 http://www.goear.com/listen/4891f05/matandome-suavemente-pandora

En España, a versión máis libre correspondeulle ó xenial Tino Casal no seu derradeiro álbum Histeria (1989), co título "Tal Como Soy".

 http://www.goear.com/listen/d818da6/tal-como-soy-tino-casal

martes, 6 de setembro de 2011

He's So Fine

A década de 1960 viviu unha eclosión de grupos musicais compostos por mulleres que co paso do tempo, fixo que se convertise nun dos sinais de identidade desa época. Xunto co éxito rotundo de The Supremes e a aposta do produtor Phil Spector por The Ronettes, hai que engadir tamén a The Chiffons, que en 1963 acadarían o primeiro posto nas listas de venda de Estados Unidos coa canción composta por Ronald Mack "He's So Fine".


En principio, alleo a este éxito, a comezos da década seguinte, o ex beatle George Harrison debutaba en solitario co seu álbum All Things Must Pass, que tiña como primeiro tema estrela "My Sweet Lord", unha das cancións máis recoñecidas de todos os tempos. Pero co que non contaba o bo de Harrison era cunha demanda de plaxio presentada pola compañía de The Chiffons, que, despois de innumerables dores de cabeza do ex beatle, rematou cunha sentenza que o obrigaba a pagar dúas terceiras partes das vendas xeradas por "My Sweet Lord" a Ronald Mack.

 http://www.goear.com/listen/113ebf2/my-sweet-lord-george-harrison

A banda de Baiona Niño y Pistola, moi influenciada polos Beatles, quixo facerlle a súa particular homenaxe a George Harrison e a "My Sweet Lord" no seu tema "I Shall Overcome", do seu álbum Culebra (2008).

 http://www.goear.com/listen/9f7b8de/i-shall-overcome-nino-y-pistola