Amosando publicacións coa etiqueta Steve Miller Band. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Steve Miller Band. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de outubro de 2015

Babe, I'm Gonna Leave You

Escrita pola cantautora Anne Bredon e gravada por primeira vez por Joan Baez no álbum Joan Baez in Concert, Part. 1 (1962), "Babe, I'm Gonna Leave You" era un tema folk máis, con pinta de acabar formando parte do repertorio de calquera cantautor que se decantase por incluír versións nos seus discos. Por tanto, era unha canción habitual das bandas folk e seguramente unha das favoritas de Robert Plant. Malia que non está moi claro, non sería de estrañar que Plant, gran admirador de Joan Baez, lle propuxese a Jimmy Page, outro fan da cantautora estadounidense, facer unha versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", mentres preparaban o primeiro disco de Led Zeppelin, a nova banda que Page acababa de pór en marcha, e que debutou con Led Zeppelin (1969), cuxo corte 2 era a versión de "Babe, I'm Gonna Leave You".


Sería precisamente a versión de Led Zeppelin, que apareceu no álbum epónimo da banda de Jimmy Page en 1969 a que marcou as pautas do desenvolvemento do rock progresivo, co que poderiamos dicir que se inauguraba unha nova fase na evolución do rock. Ó transformala nunha canción máis achegada ós sons electrificados, "Babe, I'm Gonna Leave You" convertiuse nunha das cancións que mellor definen o estilo de Led Zeppelin.


A mesma escala harmónica que Led Zeppelin reproduciu nas súas cancións seguírona logo outros grupos coma a Electric Light Orchestra nos seus primeiros traballos e Jethro Tull, ó igual que outras bandas que fixeron do rock progresivo a súa razón de ser. Fíxemonos senón, na canción de Chicago "25 or 6 to 4" que se inclúe no álbum Chicago (1970) e cómo a influencia de Led Zeppelin, e concretamente da versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", é máis que palpable.


O mesmo se pode aplicar a "Suite Madame Blue", tema de Styx pertencente a Equinox (1975) totalmente ledzepeliano que parece fluctuar entre "Babe, I'm Gonna Leave You" e o magnífico "Starway to Heaven".


A Steve Miller Band non quedou atrás e en Book of Dreams (1977) amosaba a canción "Winter Time", parente sen dúbida das cancións anteriores coas que garda tódalas similitudes propias do xénero.


venres, 31 de xullo de 2015

Money (2)

Hai que ver a de boas cancións que quedaron fóra do primeiro monográfico dedicado ó diñeiro e, xa que logo, vai sendo hora de retomar unha segunda parte, constituíndo unha nova serie con novas entregas, en canto reunindo máis cancións sobre o mesmo contido que dean para novas entradas. Esperamos que as de hoxe vos deixen con bo sabor de boca. Comezamos con Patti Smith e a súa canción "Free Money", do álbum Horses (1975).

https://youtu.be/-3V1rNEmbRo

Seguimos coa Steve Miller Band e "Take the Money and Run", que titula ó álbum de 1976 da banda de San Francisco

https://youtu.be/Y7KjQrUVJ10

A finais dese mesmo ano, ABBA publicaba o álbum Arrival (1976) onde unha das canción estrelas é "Money Money Money".

https://youtu.be/uP0sC_s5EfE

Do mesmo título que a canción de ABBA, "Money Money Money", é a canción de Kevin Ayers, pertencente ó álbum Tha's What You Get Babe (1980).

https://youtu.be/etPFGcoR0Aw

Unha das cancións máis coñecidas de Donna Summer é a que titula ó álbum de 1983 She Works Hard for the Money. Un tema que mostra a realidade de moitas persoas, especialmente as mulleres, que teñen que traballar moi duro para poder chegar a fin de mes.

https://youtu.be/09ZSKE38lTU

xoves, 19 de marzo de 2015

All Right Now

Outra das bandas das que sempre nos acordamos por unha soa canción é Free. Este grupo de rock, orixinario de Londres, acadaría o seu maior éxito co terceiro disco que publicaron, Fire and Water (1970), unha colección de sete cancións na que destaca a última, o corte 3 da cara B, "All Right Now", que lles abriría as portas da posteridade. O contundente riff de guitarra que marca a canción desde o comezo dálle a entidade necesaria para facer dela un clásico do rock de todos os tempos. De aí que non sorprenda que sexa unha canción moi versionada, especialmente en concertos, nos que outros grupos as poden enlazar con cancións propias, e que nas radiofórmulas que aínda poñen rock nunca se esquecen deste tema de Free. 


The Runaways, a banda coa que se deu a coñecer Joan Jett, gravou nunha maqueta unha versión de "All Right Now", que resultou ser das primeiras que se facían da canción de Free. Data do ano 1975.


E con ese característico riff, Steve Miller Band compuxo "Rock'n Me", unha das cancións do exitoso álbum Fly Like an Eagle (1976).

martes, 7 de outubro de 2014

Fly Like an Eagle

Cada vez máis asentados coma unha das bandas de rock de referencia nos setenta, sobre todo tralo fulgurante éxito de The Jocker (1973), a publicación dun novo traballo da Steve Miller Band convertíase algo así como un pequeno acontecemento para a crítica en xeral, pero especialmente para os seguidores do grupo que agardaban expectantes as novas composicións de Steve Miller. Así que por fin, cando saíu Fly Like an Eagle (1976) puideron comprobar que a espera non fora en van. Coa creatividade de sempre,  a Steve Miller Band presentaba unha colección de temas francamente memorables, desde o primeiro tema ata o último. A canción de cabeceira coa que promocionaron o disco foi a gran "Take the Money and Run", pero outras non ían quedar atrás, coma "Fly Like an Eagle", outra das cancións máis especiais da Steve Miller Band.


A repercusión da canción que lle deu título ó noveno disco da Steve Miller Band foi grande, especialmente no mundo do hip hop. Resulta rechamante a cantidade de rapeiros que recorreron a ela, así que imos a quedar só con "Nobody Beats the Biz", o tema de Biz Markie de 1986, que foi o primeiro en samplear a canción de Steve Miller, unha máis xunto con outras doutros artistas, que ben combinadas conforman "Nobody Beats the Biz", aínda que a máis evidente é precisamente "Fly Like an Eagle". Pertence o primeiro disco deste rapeiro, Goin' Off  (1988).


Tamén tivo certa relevancia a de Vanilla Ice "Rollin' in My 5.0", do álbum Extremely Live (1991).


Pero a visibilidade de "Fly Like an Eagle" volveu na versión que Seal fixo para a película Spacejam (1996), aquela na que Michael Jordan compartía pantalla con Bugs Bunny. O éxito foi tal que moitos rescataron a versión orixinal. Por se fose pouco, Seal engadiu na súa versión parte de "Space Intro", o primeiro corte de Fly Like an Eagle, que en realidade é unha introdución instrumental de apenas dous minutos, pero independente de "Fly Like an Eagle", que é a seguinte canción no álbum da Steve Miller Band.


E para non ser menos, rematamos esta entrada con "Space Intro".

martes, 26 de agosto de 2014

The Joker

A discografía de Steve Miller Band está chea de cancións memorables que aínda se tararean. A primeira desa longa lista chegou cando a banda xa levaba varios anos rodados e xa publicara uns cantos discos. Pero con "The Joker" Steve Miller asinou o billete co que entrar na posterioridade. Dende aquela o grupo sempre ofreceu nos seus traballos discográficos algunha canción inesquecible, coma se "The Joker" fose unha chave ó éxito. Seguramente pouco podía imaxinar Miller ó compola facendo referencia a cancións anteriores súas e doutros artistas que estaba ante un éxito imperecedeiro. Pertencente ó álbum do mesmo nome The Joker (1973), quen non algunha vez non se atopou con ela nalgún anuncio ou nalgunha película? Pois aí está a proba da súa sona.


A influencia de "The Jocker" non tardou en estenderse a outros artistas e un dos primeiros que a recibiu foi Jeff Lynne, pois "Summer and Lightning", canción da Electric Light Orchestra pertencente ó álbum Out of Blue (1977) garda algún parecido.


No ano 2000, no álbum Hot Shot, Shaggy tamén incluíu baseada en "The Jocker". Trátase da popular "Angel".


Un inciso antes de continuar con "The Jocker". Como moitos apreciaredes, a canción de Shaggy, ademais de combinar o son da de Steve Miller Band parece unha versión actualizada, ou máis ben éo, da canción de Chip Taylor "Angel of the Morning", que Juice Newton gravou no álbum Juice (1981).


Volvendo á canción de Steve Miller Band, máis recentemente foi decisiva na elaboración do tema do guitarrista de Revolverheld Kris "Diese Tagen", que gravou en 2012 en compañía de Dante Thomas.

martes, 3 de xuño de 2014

Cross Road Blues

Unha das moitas cousas que lle hai que agradecer a Robert Johnson é a constante actualización de clásicos antigos do blues, que se non chegan a ser gravados ou reinterpretados polo fantástico bluesman de Mississippi, hoxe probablemente estarían relegadas o máis absoluto esquecemento. Pero se iso non fose suficiente mérito, Robert Johnson consagrouse como a figura máis importante do blues do século XX porque a súa música influíu en varias xeracións de músicos que non só versionaron as composicións de Johnson, senón que tamén lograron elaborar novas cancións a partir das súas. "Cross Road Blues" (1937) é unha desas cancións de tránsito que hoxe forman parte do gran legado que Robert Johnson nos deixou.

http://youtu.be/GsB_cGdgPTo

Algúns dos estudosos da obra de Robert Johnson sinalan que "Cross Road Blues" ciméntase nun blues de Leroy Carr e Scrapper Blackwell titulado "Straight Alky Blues" (1929).

http://youtu.be/f5n0SP8N0mM

Pero volvamos á composición de Robert Johnson. Un dos primeiros en renderlle tributo foi Elmore James, que versionou algunha das súas cancións. En concreto, "Cross Road Blues" gravouna por primeira vez en 1954 co título "Standing  at the Crossroads".

http://youtu.be/UFjt4squR-E

Pero a versión que máis repercusión tivo foi a que Cream incluíu no álbum Wheels of Fire (1968) co título de "Crossroads". A versión da banda de Eric Clapton conta coa particularidade de engadirlle un anaco da letra doutro dos clásicos de Robert Johnson "Traveling Riverside Blues".

http://youtu.be/YdwVVI4B3oY

A transcendencia da versión de Cream pode observarse nunha das grandes cancións da Steve Miller Band. En "Jet Airliner", pertencente ó álbum Book of Dreams (1977), Stevie Miller calca o riff da versión de Cream.

http://youtu.be/mGF_0AcHaGs

xoves, 16 de maio de 2013

Jungle Love

Steve Miller Band é unha das bandas máis representativas dos anos 70. Sen sufrir grandes altibaixos na carreira e facendo discos dunha gran calidade, a banda de Steve Miller soubo atopar un lugar destacado no mundo da música e a influencia que teñen moitas das súas cancións noutros grupos e artista é indiscutible. No ano 1977 publicaron o décimo álbum da súa traxectoria Book of Dreams. Poida que "Jungle Love" non sexa a canción máis famosa de Steve Miller Band, pero é unha das mellores cancións de Book of Dreams e iso que Lonnie Turner e Greg Douglass, os compositores, tiñan nun primeiro momento a idea de cederlla a Dave Mason, un dos antigos componentes de Traffic.


E agora fíxemonos no comezo de "Hey, Baby", o single co que No Doubt nos presentaba o seu quinto disco Rock Steady (2001). Parece evidente que Gwen Stefani e os demais compoñentes da banda se fixaron especialmente na canción da Steve Miller Band.


luns, 9 de xullo de 2012

Abracadabra

Steve Miller Band seguiu colleitando éxitos na década de 1980 malia que xa se consolidara como un dos grupos máis representativos da década anterior. Coa súa mestura de blues, folk e rock, Steve Miller soubo imprimirlle ó seu grupo unha marca personalizada. En 1982, publicaron Abracadabra, o vixésimo disco para esta banda de San Francisco, cuxo single de presentación dáballe título ó álbum.


A principal versión deste tema é o que fixo a banda californiana Sugar Ray en 1999 no seu álbum 14:59. A banda de Mark McGrath actualizouna e volveu a converterse nun éxito de fin de século, aínda que a orixinal nunca pasou de moda.

luns, 28 de febreiro de 2011

Serenade From The Stars

"Serenade From The Stars" é un tema da Steve Miller Band, incluído no álbum Fly Like An Eagle, do ano 1976, o décimo primeiro para a banda orixinaria de San Francisco. O éxito que tiveron desde 1967, cando lanzaron os seus primeiros singles foi notable e proba diso é que as súas cancións son das máis versionadas desde entón.

 http://www.goear.com/listen/f118f28/serenade-from-the-stars-steve-miller-band

Hai uns anos, a banda murciana M-Clan adaptou a letra ó español e publicaron unha versión no seu álbum Usar y Tirar, de 1999, á que denominaron "Llamando a La Tierra".

 http://www.goear.com/listen/3e6679a/llamando-a-la-tierra-mclan