Outra das bandas das que sempre nos acordamos por unha soa canción é Free. Este grupo de rock, orixinario de Londres, acadaría o seu maior éxito co terceiro disco que publicaron, Fire and Water (1970), unha colección de sete cancións na que destaca a última, o corte 3 da cara B, "All Right Now", que lles abriría as portas da posteridade. O contundente riff de guitarra que marca a canción desde o comezo dálle a entidade necesaria para facer dela un clásico do rock de todos os tempos. De aí que non sorprenda que sexa unha canción moi versionada, especialmente en concertos, nos que outros grupos as poden enlazar con cancións propias, e que nas radiofórmulas que aínda poñen rock nunca se esquecen deste tema de Free.
The Runaways, a banda coa que se deu a coñecer Joan Jett, gravou nunha maqueta unha versión de "All Right Now", que resultou ser das primeiras que se facían da canción de Free. Data do ano 1975.
E con ese característico riff, Steve Miller Band compuxo "Rock'n Me", unha das cancións do exitoso álbum Fly Like an Eagle (1976).
Ningún comentario:
Publicar un comentario