Amosando publicacións coa etiqueta Jimi Hendrix. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jimi Hendrix. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de xullo de 2015

All Along the Watchtower

Como un dos cantautores máis prolíficos da historia da música, Bob Dylan xa daba mostra dunha enorme creatividade desde os seus comezos. Por se fose pouco, tralo accidente de moto que sufriu no verán de 1966  que o tivo un tempo afastado da escena, Dylan aproveitou para seguir compondo novos temas que logo se concretarían nun álbum de seis cancións, titulado John Wesley Harding (1967), que suporía a volta do cantautor á primeira liña trala longa convalecencia. Ademais con John Wesley Harding, Bob Dylan retomaba o folk dos primeiros traballos, deixando de lado o rock máis eléctrico que caracterizaba os seus últimos discos e que tanta controversia levantara entre os seus seguidores. "All Along the Watchtower" foi o segundo single de John Wesley Harding, unha fabulosa peza folk rock con trazos dos seus últimos discos.


Como practicamente toda a discografía de Bob Dylan, "All Along the Watchtower" é unha canción moi versionada, aínda que a versión máis importante é a que fixo Jimi Hendrix no álbum Electric Ladyland (1968), aínda hoxe insuperable na opinión de moitos críticos.


O rapeiro Devlin fixo unha revisión moi libre da canción de Dylan, levándoa ó seu terreo. Sampleando a de Jimi Hendrix, esta nova versión co nome de "Watchtower" pertence ó álbum A Moving Picture (2013) e esta interpretada canda Ed Sheeran, que colabora con Devlin neste primeiro single do álbum do rapeiro inglés.

mércores, 1 de abril de 2015

Bleeding Heart

Aínda cando o rock and roll lograra situarse como un xénero musical de primeira orde nos sesenta, as novas composicións de blues seguían a ser fonte de inspiración para os rockeiros, que se seguían fixando sobre todo nesa arte de tocar a guitarra que todos os músicos de blues parecían posuír. Nese contexto, Elmore James, digno herdeiro de Robert Johnson, era unha especie de mestre para as novas xeracións rock, pois cada single que sacaba tiña case o mesmo eco que calquera outro cos novos sons. Na ampla discografía deste músico de Chicago brilla con luz propia "Bleeding Heart" (1965), single póstumo de Elmore James, que o gravara dous anos antes do seu pasamento. Tiveron que pasar outros dous anos para que se publicase, pero a influencia de Elmore James seguía moi viva entre os seus admiradores.


E un deses admiradores tan devotos de Elmore James foi o gran Jimi Hendrix, que adoitaba interpretar algunha das súas composición nos concertos, co que a sona de James medrou considerablemente. No álbum póstumo de Hendrix Valleys of Neptune (2010) recóllese unha versión de "Bleeding Heart" que xa aparecera no compilatorio Blues (1994).

martes, 22 de xullo de 2014

Rolllin' Stone

A cidade de Chicago foi un dos centros máis importantes do blues antes de que a eclosión do rock and roll estallase a finais dos anos 40. Desa cidade saíu un dos mellores músicos de blues de tódolos tempos; nin mais nin menos que o gran Muddy Waters, cuxa música, ía inspirar a milleiros de novos artistas e axudaría a crear precisamente ese novo son coñecido como rock. No ano 1950 publicou catro singles que hoxe forman parte da historia da música; o segundo deles é o sensacional "Rollin' Stone", unha digna herdeira doutras cancións de blues míticas, ás que Waters reinventou nese single sen perde-las raíces orixinarias. Baseado no tema de Robert Petway "Catfish Blues", Waters deulle un pulo extraordinario á súa propia versión.

http://youtu.be/sVmEMv8rcCA

A canción de Robert Petway data de 1941 e toma o título de "Catfish Blues" da letra de "Kansas City Blues", un blues de 1928 composto por Jim Jackson que merece un capítulo á parte.

http://youtu.be/E9z7eCCRAtY

Pero tendo sempre de referencia a Muddy Waters, Jimi Hendrix gravou unha versión de "Catfish Blues" utilizando fragmentos de "Rollin' Stone" nunha homenaxe a Waters en 1967 que se incluíron nos discos Blues e BBC Sessions.

http://youtu.be/aHHQHwXStzM

Tamén un ano despois Johnny Winter réndelle tributo a Waters cunha canción titulada precisamente "Tribute to Muddy" que recrea parte de "Rollin' Stone". Pertence ó álbum The Progressive Blues Experiment (1968).

http://youtu.be/-X0fY0tQjgc

martes, 25 de febreiro de 2014

Foxy Lady

Tras cativar ó público nas numerosas actuacións nos clubes da cidade de Nova York, Jimi Hendrix entrou nun estudio de gravación coa súa banda, the Jimi Hendrix Experience, para inmortalizar o seu poderoso talento coa guitarra. Era o ano 1966 e na primavera do ano seguinte aparecía o debut discográfico Are You Experience (1967), unha colección de cancións revolucionarias polo seu son e que aventuraban unha andaina brillante para o músico de Seattle. Unha desas cancións que non pasaron desapercibidas foi "Foxy Lady", que ofrece un dos riffs de guitarra máis coñecidos e recoñecidos de Hendrix e que foi imitado nunhas cantas cancións posteriores por algúns dos admiradores máis declarados de Jimi Hendrix.


 O ano seguinte, sen ir máis lonxe, aparecían dúas cancións que reproducían ese riff característico. Unha delas corresponde ó músico neerlandés Boudewijn de Groot na canción "Tegenland" pertencente ó álbum Picknick (1968) e da que desgrazadamente non conseguimos atopar ningunha ligazón. A outra é "Mandrake Root", que aparece no debut discográfico de Deep Purple Shades of Deep Purple.


Os ourensáns Los Suaves réndenlle un sentido tributo ó guitarrista de Seattle con este sensacional "Hendrix" no álbum  Santa Compaña (1994). Por se quedase algunha dúbida sobre o personaxe á quen se dedica a canción, "Hendrix" constrúese sobre a base de "Foxy Lady", creando así unha especie de nova versión na que o autor orixinal está presente en cada nota.

xoves, 17 de outubro de 2013

Jimi Thing

Jimi Hendrix deixounos moi pronto, pero o seu descomunal talento coa guitarra foi o suficientemente notable para que transcendese máis aló da súa curta vida. A influencia de Hendrix foi tal que é raro que non haxa artistas e bandas de rock que non o citen como un dos seus referentes. Mesmo algúns non se conforman só con homenaxealo versionando algúns dos seus temas, senón que compoñen novas cancións que teñen moi presente o espíritu de Jimi Hendrix. Un exemplo témolo con Los Suaves e a canción "Hendrix", cos riffs  de "Foxy Lady" (verémolo proximamente). Outro tamén moi chamativo e ó que hoxe lle dedicamos a entrada é o de Dave Matthews Band e a canción "Jimi Thing", do álbum Under the Table and Dreaming (1994), onde cos elementos de dúas canción de Hendrix, Dave Matthews consegue co seu toque persoal mostra-la admiración que sente por este guitarrista de lenda.


As cancións que serviron de referencia para "Jimi Thing" son "Spanish Castle Magic", do álbum de finais de 1967 Axis: Bold as Love.


A segunda canción é a mítica "The Wind Cries Mary", do primeiro álbum de Jimi Hendrix Are You Experienced. Foi o primeiro longa duración que se editou do guitarrista ese ano.


E curiosamente, os acordes de "Jimi Thing" atoparon acomodo na canción de John Mayer "Why Georgia", do álbum Room for Squares (2001), co que Mayer debutou no panorama musical. Vese ás claras que Dave Matthews Band é un dos seus referentes e en "Why Georgia" apréciase significativamente.


xoves, 4 de abril de 2013

Sing a Simple Song

O funk débelle a Sly and the Stone Family o seu desenvolvemento como xénero musical á altura dos demais.  Nunha idade temperá para este son, Sly and the Stone Family derónlle a relevancia necesaria tras combinar a psicodelia co soul acadando un estilo que ía marcar a centos de bandas posteriores, tanto de funk coma do movemento hip-hop. Co cuarto disco desta formación Stand!  (1969) confirmaron que as súas intencións  de apostar polo funk ían máis en serio ca nunca. "Sing a Simple Song" é unha das cancións máis versionadas dese álbum e tamén das que deixou unha fonda pegada.


A influencia desta canción non tardou moito en callar noutros artistas, coma no xenial Jimi Hendrix, que en 1970, moi pouco tempo despois da publicación do disco de Sly and the Stone Family, editou "We Gotta Live Together" en compaña de Band of Gypsys, que recolle o melloriño do son de Sly and the Stone Family.


Mais dende Hendrix moitos outros artistas empregaron "Sing a Simple Song" como sample nalgún tema propio.Un dos casos máis significativos e que tivo maior trascendencia é o da banda virtual Gorillaz, comandada por Damon Albarn, que en 2001 se acordaron da batería de "Sing a Simple Song" para ao remix da canción "19-2000", incluída no álbum epónimo co que debutaban.

venres, 15 de febreiro de 2013

Third Stone from the Sun

A comezos dos 60 debutaba na axitada escena musical un mozo que ía revoluciona-lo rock co seu xeito de toca-la guitarra. Facía a súa aparición Jimi Hendrix, un dos primeiros talentos musicais que viu nacer a cidade de Seattle. O seu primeiro LP Are You Experienced (1967) editado coa súa banda The Jimi Hendrix Experience é toda unha lección de guitarra moderna que se atopa en cada unha das cancións dese disco, algunhas auténticas xoias do rock. Unha na que é máis evidente o bo facer de Hendrix á guitarra é "Third Stone from the Sun".


E precisamente o talento de Hendrix que se reflicte nesta canción, recoñéceno outros artistas que basean as súas propias composicións nos riff de guitarra de "Third Stone from the Sun", como é o caso de The Allman Brothers Band, un grupo de rock instrumental que en 1970 gravou este "Mountain Jam".

martes, 21 de agosto de 2012

Sunshine of Your Love

"Sunshine of  Your Love", unha das cancións incluídas no segundo disco de Cream Disraeli Gears (1968) tornouse dende o seu lanzamento como un dos referentes do supergrupo formado por Eric Clapton, Jack Bruce e Ginger Baker. O seu potente riff de guitarra executado por Clapton é deses que non pasa desapercibido e queda gravado na memoria permanentemente. Non foron poucos os guitarristas que se resistiron a reproducilo e mesmo no ano da súa aparición Jimi Hendrix marcou unha versión instrumental deste tema nalgúns dos seus concertos que o confirmaba, xunto a Clapton, como un dos mellores guitarristas de todos os tempos.


Ésta é a versión de Jimi Hendrix, que habería de aparecer no álbum póstumo Experience Vol 1(1971), un disco en directo co mellor do músico de Seattle.

http://www.goear.com/listen/0f35c19/sunshine-of-your-love-jimi-hendrix

Tamén de 1968 é a versión de Ella Fitzgerald, que se incluiu no seu álbum en directo que titulou exactamente como a canción de Cream Sunshine of Your Love, e que contén diversas versións de temas dos 60.

http://www.goear.com/listen/33bc537/sunshine-of-your-love-ella-fitzgerald

O riff de "Sunshine of Your Love" sampleouse nunhas cantas ocasións. Como xa vimos, Robby Krieger, o guitarrista de The Doors sinalou que se basearan nel en "Hello, I Love You", pero habería de estar máis explícito noutros temas como o de Blood, Sweat & Tears en "Blues Part II", do seu álbum epónimo publicado tamén en 1968.

http://www.goear.com/listen/3e60922/blues-part-ii-blood-sweat-tears

Outra banda de Nova York de jazz fusion como Mahavishnu Orchestra tamén empregou "Sunshine of Your Love" no seu tema "Dream" do álbum en directo de 1973 Between Nothingness and Eternity.

http://www.goear.com/listen/d56c7f0/dream-2125-mahavishnu-orchestra