Amosando publicacións coa etiqueta Talking Heads. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Talking Heads. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de marzo de 2015

Psycho Killer

A new wave comezou a xestarse a finais dos setenta cando unha serie de novos grupos decidiron facer algo diferente aproveitando a gama de novos xéneros que se crearon nesa década. Así que cunhas doses de pop, rock, funk, disco, reggae e punk as novas bandas foron perfilando un estilo ecléctico coñecido como a nova onda, unha maneira de dicir que o tempo futuro chegara. Unha desas bandas foi Talking Heads, que debutaban en 1977 con Talking Heads: 77 e xa aí se deixaba ver que David Byrne, alma máter do grupo, estaba chamado a facer grandes cousas na década seguinte. A gran canción da ópera prima de Talking Heads é, sen dúbida, "Psycho Killer", un tema que aínda hoxe fai as delicias de seguidores e artistas.


Non deixa de ser unha alegría a volta de Blur. Quince anos despois da época dourada da banda, e tras numerosos proxectos de Damon Albarn pola súa conta e uns cantos desencontros con Graham Coxon, a banda londiniense regresa por todo o alto cun novo álbum, The Magic Whip, que verá a luz o vindeiro mes de abril. De momento xa podemos escoitar o adianto, "Go Out", que ten un son que recorda moito a "Psycho Killer".

luns, 9 de febreiro de 2015

Burning Down the House

Malia que lles custou chegar, The Talking Heads acabou sendo unha banda de referencia da new wave, e o líder, David Byrne, aínda é hoxe un gurú da música que cada pouco nos sorprende con proxectos novos. A gran eclosión de The Talking Heads como fenómeno de masas produciuse cando publicaron o quinto álbum, Speaking in Tongues (1983), o primeiro no que o grupo se encargaba exclusivamente da produción. E dende logo, foi unha decisión do máis acertada, porque foi dos discos máis vendidos dese ano en todo o mundo. Ábrese co que foi o single de promoción, "Burning Down the House", unha canción que como todas as demais escribiuna Byrne, e xunto co resto da banda, púxolle música. 


No álbum de versións que Tom Jones titulou Reload (1999) atópase unha versión  espectacular que o Tigre de Gales interpreta xunto cos suecos The Cardigans. A nova versión serviu para darlle unha nova popularidade á canción de The Talking Heads.

venres, 21 de marzo de 2014

Take Me to the River

A discografía de Al Green consta de tan fantásticas cancións que sempre é difícil elixir unha. Non obstante, calquera que coñeza un pouco a traxectoria deste músico orixinario de Arkansas non dubidará en sinalar que "Take Me to the River" é un tema imprescindible, unha verdadeira xoia do soul dos anos 70 e unha das mellores cancións desa década da música en xeral. Pero sorprendentemente cando se publicou o álbum na que está incluída, Al Green Explores  Your Mind (1974), nin sequera se escolleu coma single, quedando relegada na listaxe dos temas do álbum coma unha máis, pero pouco a pouco, "Take Me to the River" foi gañando o lugar que lle correspondía.               

http://youtu.be/Pmn2KDiW-kE

O caso foi que a discográfica de Al Green cedeulle esta canción a outro músico, Syl Johnson, que si a editou como single no álbum Total Explosion (1975) e chegou ós primeiros postos das listas de Estados Unidos. Ó pertencer á mesma compañía que Al Green, Syl Johnson gravouna cos mesmos músicos, pero a principal diferenza coa versión orixinal é que a de Syl Johnson introduce unha harmónica que lle dá un novo matiz á canción.

http://youtu.be/VyUE8LXNIFM

Un ano despois aparece a primeira versión en clave rock da man de Foghat no álbum Night Shift (1976).

http://youtu.be/nXVq7VNUPx0

E en 1978 no segundo álbum de Talking Heads More Songs About Buildings and Food, aparece outra exitosa versión de "Take Me to the River".


Annie Lennox tamén a gravou para o seu álbum de versións Medusa (1995).


Pero á marxe das versións, cómpre non esquecerse do tema de Lou Reed "Teach the Gifted Children", que pecha o álbum Growing Up in Public (1980). A canción en si é todo un tributo á de Al Green cun son moi parecido, que na parte final incorpora os coros de "Take Me to the River".

xoves, 22 de marzo de 2012

Genius of Love

Algo moi semellante ó que lle aconteceu a canción de Patrice Rushen pasoulle tamén a Tom Tom Club, unha das bandas americanas que xurdiron da new wave como un proxecto alternativo dalgúns dos membros de Talking Heads, un dos grupos máis importantes da década de 1980. Tom Tom Club, que naceu á par de Talking Heads, publicou o seu álbum de debut Tom Tom Club onde está unha das súas cancións máis lembradas "Genius of Love".


Aínda que as bases da canción haberían de aparecer en numerosos traballos trala publicación do álbum de Tom Tom Club, sería na década de 1990 cando esta canción se volvería pór de moda grazas ó seu emprego como sample, primeiro, no quinto disco da diva norteamericana Mariah Carey Daydream (1995) que se presentou co single "Fantasy".


Tan só un ano despois, en 1996, o británico Mark Morrison co tema que lle daba título ó álbum Return of the Mack.