Amosando publicacións coa etiqueta Aretha Franklin. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aretha Franklin. Amosar todas as publicacións

martes, 5 de xaneiro de 2016

Respect

Acompañado da banda de Steve Cropper, Booker T. & the M.G's e coa produción de Isaac Hayes, entre outros, Otis Redding presentaba Otis Blue/Otis Redding Sings Soul (1965), o seu aclamado terceiro traballo, onde xunto con versións de grandes músicos do soul, Redding firmaba varios temas propios, que axiña se converteron en clásicos como os que el mesmo interpretaba nese álbum doutros artistas. Unha desas cancións é "Respect", que logo moitos colectivos o adoptarían como un himno para as súas reivindicacións, sobre todo, trala versión de Aretha Franklin, quen popularizou se cabe aínda máis a composición de Otis Redding.


E é que a raíña do soul realizou unha versión formidable da canción de Otis Redding no álbum I Need Loved a Man the Way I Love You (1967). A versión de "Respect", ademais de ser a canción coa que se abre o disco, foi o primeiro single, disparando a sona de Aretha Franklin como unha das mellores voces femininas do soul.


Sempre se dixo que os  Beatles, grandes admiradores dos músicos de soul americanos, se inspiraron moitas veces nas súas cancións para compoñer algúns dos seus éxitos. Os primeirísimos acordes de "Drive My Car", unha das cancións de Rubber Soul (1965), remiten claramente a "Respect", aínda que logo o resto da canción non teña nada que ver nin na forma nin no fondo co clásico de Otis Redding.



luns, 3 de agosto de 2015

Angel

O álbum de Aretha Franklin Hey Now Hey (The Other Side of the Sky) (1973) traía algunhas sorpresas, como a participación da propia Aretha na produción xunto co gran Quincy Jones, pero tamén o estreno da súa filla Carolyn Franklyn coma compositora dunha das cancións do álbum, que ademais foi a escollida como single de presentación, a fermosa balada "Angel", na que tamén colaborou canda Carolyn Sonny Sanders. Malia que o disco non acadou moi boas críticas no seu conxunto, "Angel" aínda conserva un bo recordo e a voz de Aretha Franklin segue soando fresca nesta canción pese os anos transcorridos desde a súa publicación.


Simply Red gravou unha das versións máis importantes que se fixeron de "Angel" no compilatorio de grandes éxitos Greatest Hits (1996). Para a ocasión, contaron coa participación de Fugees, que no momento da gravación estaban no punto álxido da súa carreira.

martes, 9 de xuño de 2015

Spanish Harlem

No que levamos de ano xa se nos teñen ido grandes músicos que coa súa obra marcaron o devir da música contemporánea. Con poucas semanas de diferencia perdiamos a Ben E. King e a B. B. King e quedabamos sen os dous "reis" da música nunha fatal casualidade. Do primeiro forman parte da historia cancións coma "Stand By Me" e "Spanish Harlem", da que hoxe nos ocupamos. "Spanish Harlem" dálle título ó primeiro álbum en solitario de Ben E. King tras deixar The Drifters que se editou a finais de 1960. A canción está escrita por Jerry Leiber e Phil Spector e desde o momento da súa aparición como single acadou unha gran popularidade.


"Spanish Harlem" é tamén un dos temas máis versionados e resulta difícil quedar cunhas poucas versións. Sen dúbidas das mellores é a de Aretha Franklin en 1971 con lixeiras modificacións na letra, xa que onde na versión orixinal di "a red rose up in Spanish Harlem", a versión de Aretha cámbiaa por "a rose in Black 'n Spanish Harlem".


Un dos autores de "Spanish Harlem", Phil Spector, gravou a súa propia versión en 2006.


O gran éxito de OMC "How Bizarre", pertencente ó álbum do mesmo nome de 1995 basea unha parte do seu son en "Spanish Harlem".

martes, 28 de abril de 2015

Jumpin' Jack Flash

O ritmo intrépido con que nos anos sesenta as bandas publicaban os seus traballos discográficos, ás veces máis dun disco por ano, facía que cada pouco tempo saíse ó mercado un compilatorio de grandes éxitos que recollían os últimos trallazos sementados e algunha canción inédita. Por iso non sorprende que no ano 1969 os Rolling Stones fosen xa polo seu segundo grandes éxitos oficial, Through the Past, Darkly (Big Hits Vol. 2) cando apenas levaban unha década revoluncionando o rock. Como adoitaba acontecer con cada álbum dos Stones, este contou con dúas edicións: unha británica e outra estadounidense onde non sempre coinciden as mesmas cancións e a orde das que si aparecen en senllas versións é distinta. Unha das inéditas que está nas dúas versións é  "Jumpin' Jack Flash", outro clásico da banda.


Como xa pasara con "Satisfaction" e Otis Redding, "Jumpin' Jack Flash" tamén foi interpretado por outra lenda do soul, neste caso por Aretha Franklin, quen realizou unha espectacular versión no álbum epónimo de 1986. O produtor da versión non foi outro que Keith Richards.


Unha canción cun riff moi semellante a de "Jumpin' Jack Flash" é a dos Kinks "Catch Me Now I'm Falling", pertencente a Low Budget (1979).

luns, 19 de xaneiro de 2015

Chain of Fools

Lady Soul (1968), o álbum número catorce de Aretha Franklin, define á perfección á figura artística en que se convertera á cantante de Detroit, xa que entón para boa parte da critica Aretha era a raíña absoluta do soul, un posto que quizais só lle podería discutir Nina Simone. Coa produción de Jerry Wexler, que colaborara activamente nalgúns dos éxitos de Otis Redding, Aretha Franklin presentaba dez cancións nas que estaba incluída algunha sorpresa como unha versión de "People Get Ready", un dos maiores éxitos de Curtis Mayfield. Antes da publicación do álbum en xaneiro de 1968, editáronse dous singles; o primeiro foi "(You Make Me Feel Like) a Natural Woman", un tema de Carole King, Gerry Goffin e o propio Jerry Wexler; o segundo foi "Chain of Fools", unha das cancións imprescindibles de Aretha e a que hoxe nos dedicamos. Con ela abrése Lady Soul e conta coa participación de Joe South nas guitarras. O autor é o cantautor Don Covay, que lle cedeu a Aretha unha canción inmortal.


"Chain of Fools" ten un inmenso número de versións francamente boas, pero imos quedar coa adaptación que o ex líder de Golpes Bajos e antigo membro de Siniestro Total, Germán Coppini, fixo no seu segundo  álbum en solitario Flechas negras (1989). Coppini cambioulle totalmente a letra, pero coa melodía de "Chain of Fools" compuxo "Barbazul", un dos temas máis recordados xunto con "Alien divino".

venres, 1 de agosto de 2014

My Cherie Amour

Un dos diamantes que atesouraba a Tamla Motown nos anos 60 era o xovencísimo Stevie Wonder, que cunha creatividade envexable ía medrando dentro da discográfica de Detroit. A pesar de ser un compositor nato, Stevie Wonder tamén contaba coa colaboración dalgúns dos prestixiosos letristas da casa coma Sylvia Moy e Henry Cosby, que asinan xunto a Wonder algunhas das súas mellores cancións desa década. Un deles é o tema que lle dá título ó álbum My Cherie Amour (1969), un fantástico disco que conta coa sorpresa da versión de "Light My Fire" de The Doors. Mais cando se compuxera "My Cherie Amour" uns anos antes, na Motown non deberon de velo moi claro porque pospuxeron a publicación da canción, malia que finalmente déronlle o protagonismo ó titular con ela o undécimo disco de Stevie Wonder.


E como moitas outras cancións de Stevie Wonder, "My Cherie Amour" é unha das máis versionadas, pero ademais, o son que lle imprime o baixo, case como marca da casa Motown, fixo que "My Cherie Amour" estea moi presente noutras cancións de soul posteriores. Unha das que reproduce ese mesmo son é o tema de Aretha Franklin "Until You Come Back to Me", pertencente a Let Me in Your Life (1974).


Outra canción que dalgunha maneira se inspira na de Stevie Wonder é a que leva precisamente por título "Soul Inspiration", de Anita Baker, pertencente ó álbum Compositions (1990).


E Ariel Pink's Haunted Graffiti comeza a canción "Round and Round", de Before Today (2010) cunhas notas de "My Cheire Amour".

venres, 5 de abril de 2013

Call Me

Coa chegada dos anos 70 Aretha Franklin estaba disposta a demostrar que o soul e o R&B ían ocupar un lugar destacado na nova década e para iso, nada mellor que a publicación dun novo álbum que Aretha lles proporcionou ós seus milleiros de seguidores co título This Gir's in Love with You (1970) con nove cancións orixinais e a sorpresa da versión de "Let It Be" co que un ano antes os Beatles certificaban a separación do grupo. A penúltima canción dese álbum é "Call Me", unha fermosa balada asinada pola propia Aretha Franklin onde colabora a banda The Swampers.


Como moitas cancións de Aretha, "Call Me" tamén foi aproveitada polos artistas de hip hop para as súas novas creacións, tal como fixo Kanye West para o grupo Slum Village, onde colleu un sample desta canción para "Selfish", unha canción do álbum A Taste of Detroit (2004) no que tamén colabora John Legend.

venres, 2 de novembro de 2012

One Step Ahead

A raíña indiscutible do soul, a gran Aretha Franklin comezou a forxar a súa lenda dende mediados dos anos 50 e nunca deixou de figuar o seu nome nas listas de vendas. Saber rodearse dos compositores adecuados, así como a carismática personalidade de Aretha formou unha combinación que elevou o soul a cotas que en principio parecian vetadas para un estilo clásico fronte o fenómeno rock que viviu a música na segunda metade do século XX. "One Step Ahead", unha das grandes baladas de Aretha Franklin publicouse en 1965.


O retrouso de "One Step Ahead" sampleouno o rapeiro Mos Def para crear un dos mellores temas de hip-hop dos noventa "Ms Fat Boody" do álbum Black on Both Sides (1999).