Amosando publicacións coa etiqueta Mike Oldfield. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mike Oldfield. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de xaneiro de 2016

Arrival

Malia que o cuarto álbum de ABBA  Arrival (1976) contén algunhas das cancións máis memorables do grupo sueco, a canción que lle dá título é unha composición instrumental, algo non mi frecuente no repertorio de ABBA e polo tanto, case máis ben unha das cancións máis facilmente esquecibles destes suecos. E non obstante, "Arrival", sen ser nada doutro mundo, é das cancións de ABBA máis versionadas. O motivo, desde logo, haino que buscar no seu carácter instrumental, algo sempre moi valorado á hora de facer versións, pois as posibilidades de "moldear" a canción orixinal son moi amplas, aínda que moitas veces, como lle sucede a "Arrival", non sempre se aproveitan moi ben.


Mike Oldfield realizou unha versión  de "Arrival", xa que a versión orixinal ten un aire folk que se adapta ben ó estilo deste músico. O novo "Arrival" inclúese no álbum QE2 (1980).


Pero como moitos temas instrumentais, algúns artistas sentiron a tentación de escribirlles unha letra para poder cantalos. No caso de "Arrival" apareceron dúas versións en francés con distinta letra o mesmo ano, en 1977. Unha delas é a de Michèle Torr titulada "J'aime".


A outra é a de Petula Clark co título "La Vallée", que, como a de Michèle Torr, carece de calquera tipo de innovación e ofrécenos unha balada moi do gusto da época.


Máis rompedora é a canión de Scooter "Roll Baby Roll", pertencente ó álbum The Stadium Techno Experience (2003), que coas bases de "Arrival" conforma un tema techno na liña do estilo deste grupo alemán.

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Wonderful Land

Coma se lle encargasen a banda sonora dunha película do Oeste, The Shadows editaba en 1962 "Wonderful Land", un single cun son que evocaba o cine de indios e de vaqueiros, tan de moda naqueles anos. O tema, totalmente instrumental, afondaba unha vez máis no gusto de Jerry Lordan por esta temática, xa que dous anos antes compuxera tamén para The Shadows "Apache", outra canción intrumental cuxo título indica perfectamente o contido. Mais se alguén puidese pensar que a aposta de The Shadows por outro single que reiteraba un estilo de música que xa probaran antes era un erro, cómpre indicarlle que non leva razón, pois "Wonderful Land" acadou sen grandes dificultades o primeiro posto das listas británicas.


Mike Oldfield gravou unha das versións máis coñecidas en QE2 (1980), prescindindo para a ocasión dese son western propio da orixinal e introducindo unha guitarra eléctrica, co que lle dá unha dimensión nova ó tema de The Shadows.


Non obstante, a versión que fixeron conxuntamente Hank Marvin e Mark Knopfler no ano 1993 achégase bastante máis á orixinal que a de Mike Oldfield. Pertence a Heartbeat (1993), un álbum producido por Jeff Lynne, alma máter da Electric Light Orchestra.

luns, 7 de xullo de 2014

Recuerdos de la Alhambra

A música clásica española viviu un período de gloria durante o século XIX. Toda unha pléiade de grandes compositores e músicos proporcionoulle o mundo algunhas das mellores pezas musicais que aínda hoxe están vixentes no repertorio das orquestras sinfónicas de tódolos países. Nomes coma Joaquín Rodrigo, Isaac Albéniz e Enrique Granados e outros coma os de Manuel de Falla,  Manuel Quiroga Losada, Francisco Tárrega, Pablo Sarasate e tantos outros lémbrannos que ata daquela nunca a guitarra e o violín cobraron tanta importancia nas composicións musicais. Hoxe imos quedar coa peza de Francisco Tárrega "Recuerdos de la Alhambra" (1896), unha das máis importantes deste guitarrista valenciano coñecido coma o Sarasate da guitarra. Inspirada nos relatos de Washington Irving sobre a  Alhambra, "Recuerdos de la Alhambra" é unha peza memorable pertencente a unha xeración de compositores única.


Mike Oldfield encargouse da banda sonora da película The Killing Fields (1984), coma xa fixera anteriormente para outros filmes. Neste caso, o tema principal é "Étude", unha peza instrumental que revisa a maxistral composición de Francisco Tárrega.

mércores, 30 de outubro de 2013

In High Places

Malia os anos que Mike Oldfield levaba de traxectoria, cun brillante debut na discográfica Virgin con Tubular Bells, a sona que acadou o músico e compositor inglés con "Moonlight Shadow" situaban a Oldfield no punto de vista de practicamente todo o universo musical. Así que dende o exitoso lanzamento dese single, as demais cancións do álbum Crises (1983) foron analizadas en función do que deparara "Moonlight Shadow". Se ben é verdade que os seguintes singles, así coma o primeiro, "Mistake", non lle fixeron sombra á popularidade da canción estrela, hai que recoñecer que en canto á calidade, estaban á mesma altura, cando non a superaban claramente. Unha das xoias dese disco é "In High Places".

http://youtu.be/oIWZ4dqKmJs

Kanye West tomou prestada á canción para ensamblar "Dark Fantasy", unha das mellores cancións que atopamos no seu excelente traballo My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

http://youtu.be/A5e3ZL5IEcg

martes, 12 de febreiro de 2013

When the Levee Breaks

Hai certas cancións que se poden considerar verdadeiros xermolos doutras que, con posterioridade, son moito máis recoñecidas, pero sen esas notas ou eses acordes da canción primitiva apenas chegarían a ser o que son. Xa temos visto aquí algúns exemplos e hoxe imos ver un máis. "When the Levee Breaks" é un blues de 1929, un mais da época, creado polo matrimonio Joe McCoy e Memphis Minnie.


A repercusión desta canción chegaría da man da versión que en 1971 farían os sempre presentes rapaces de Led Zeppelin. John Bonham, o batería da banda, imprimiulle un son que, aparte das demais versións que se fixeron a partir desta, serviría de sample para moitas outras cancións que, nalgúns casos, non gardan nin sequera unha pequena relación co xénero do blues nin do rock. Está incluída no disco Led Zeppelin IV.


Pois deixando de lado con pesar as versións de "When the Levee Breaks", algunhas tan boas como a de Perfect Circle, imos quedar con algunhas das cancións baseadas nese son de batería da versión inconfundible de Led Zeppelin, aínda que non imos incluír a de Neneh Cherry, que veremos noutra entrada. Empezamos entón coa do proxecto de Michael Cretu, Enigma, tamén empregou o mesmo son para o seu gran éxito dese anos "Return to Innocence", no álbum The Cross of Changes, algo que repeterían en 1999 coa canción "Gravity of Love".


De 1994 tamén é a canción de Mike Oldfield "Magellan", do álbum The Songs of Distant Earth sen renunciar o toque celta tan característico da música deste compositor. 


Björk tamén se basea na versión de Led Zeppelin en "Army of Me", do disco Post (1995). Por suposto, a lista destas cancións é moitísimo máis ampla, mais estes exemplos son algúns dos máis interesantes.

venres, 25 de xaneiro de 2013

Moonlight Shadow

Viamos hai uns días como ás veces algúns artistas teñen unha melodía ou un ritmo que lles serve para crear varias cancións, pero desta arte non só Van Morrison é un mestre e co tempo iremos vendo outros exemplos. Hoxe por exemplo, imos dedicarlle unha entrada a Mike Oldfield, o formidable compositor inglés que catapultou o selo discográfico Virgin nos anos 70 grazas ó seu debut Tubular Bells (1973) e que formou parte da banda sonora do filme "O Exorcista". Dez anos despois deste éxito, Mike Oldfield lanzou unha das cancións coa que logrou maior sona: "Moonlight Shadow" coa voz da cantante Maggie Reilly, colaboradora habitual dos temas con letra de Oldfield. A canción aparece no álbum Crises (1983) e é unha das máis versionadas deste artista, que tamén conta desde remesturas para as discotecas.


Antes de pasar ó outro tema de Mike Oldfield baseado en "Moonlight Shadow" imos repasar algunhas desas versións de que falabamos antes. Moitas bandas de metal e hard core sentiron unha especial inclinación por "Moonlight Shadow" e non dubidaron en dotar destes sons a este tema. Personalmente quedamos coa de Mägo de Oz, cara B do single "Y Ahora Voy a Salir (Ranxeira)" interpretado xunto con Patricia Tapia en 2007.


"Moonlight Shadow" tamén foi gravada noutros idiomas ademais do inglés. En castelán destaca a da cantante arxentina Marcela Morelo en 2009 no álbum Otro Plan.


E agora imos xa con "Man in the Rain", que reproduce á batería de "Moonlight Shadow". Está no disco de 1998 Tubular Bells III e está interpretada por Cara Dillon.

http://www.goear.com/listen/3e2039f/man-in-the-rain-mike-oldfield

E iso que Mike Oldfield xa ensaiara anos antes parte de "Man in the Rain" noutra canción cuxo resultado habería ser distinto. Trátase de "Heaven's Open", canción que titulaba o álbum de 1991.

http://youtu.be/Q-FilJ5sx2E