Amosando publicacións coa etiqueta The Four Seasons. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Four Seasons. Amosar todas as publicacións

venres, 19 de febreiro de 2016

Native New Yorker

Odyssey debutou en 1977 cun álbum epónimo que habería conter o único gran éxito deste grupo de soul e música  disco, "Native New Yorker". Escrita polos produtores Sandy Linzer e Denny Randell, a canción acadou os primeiros postos das listas de música dance e de soul do Billboard, o que disparou a popularidade de Odyssey. Pero ó igual que lle acontecía a moitos grupos (e segue acontecendo), as demais cancións que este grupo foi sacando foron éxitos menores, agás a canción "Use It Up and Wear It Out", editada tres anos despois, que acadou o primeiro posto nas listas británicas. Polo demais, a andaina de Odyssey aínda continúa, pero sen repetir a boa etapa que tivo nos seus comezos.


Unha das versións máis coñecidas que se fixeron de "Native New Yorker" é a de Frank Vallie en 1977. O ex vocalista de The Four Seasons incluíuna no álbum Lay Put the Light Out.


Kluster, grupo de house e electrónica, reciclou o son de "Native New Yorker" para a produción do single "My Love", que por outra parte, non ten nada de especial.

martes, 19 de maio de 2015

Can't Take My Eyes Off You

O carisma de Frankie Valli dentro de The Four Seasons pedía a berros un espazo propio, así que o seu salto como cantante en solitario era un paso natural. Pero mentres noutras bandas con este tipo de decisións xurdían conflitos e producíase algún que outro trauma, en The Four Seasons viuse como unha etapa máis dentro da banda, de tal xeito que o título do álbum en solitario con que Valli debutou foi The 4 Seasons Present Frankie Valli Solo (1967). Por se puidese quedar algunha dúbida do apoio que Frankie Valli recibiu dos seus compañeiros, a meirande parte das cancións están asinadas polos compositores habituais da banda, Bob Crewe e Bob Gaudio, polo que a idea de que no fondo non deixa de ser outro de The Four Seasons acentúase. A carreira en solitario de Frankie Valli non puido empezar con mellor pé; o single "Can't Take My Eyes Off You" tivo unha gran acollida e é unha das máis versionadas da historia do pop.


Resulta moi difícil escoller unhas poucas versións entre tantas boas que se fixeron deste tema de Crewe e Gaudio. Unha das que máis sorprende é a que gravaron Manic Street Preachers na cara B dun dos singles do álbum Everything Must Go (1996). A versión de "Can't Take My Eyes Off You" só se editou en Australia.


Nas últimas décadas, a versión que fixo Lauryn Hill no seu álbum en solitario The Miseducation of Lauryn Hill (1998) gozou dunha gran popularidade. É unha das máis recordadas e deulle unha nova volta á canción.


Tampouco Muse se resistiu ó encanto de "Can't Take My Eyes Off You". A banda de Matt Bellamy gravouna na cara B dun dos singles do compilatorio Hullabaloo Soundtrack (2001).

https://youtu.be/HIdIOXNzlRw

martes, 17 de febreiro de 2015

The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)

Boa parte da carreira musical de Frankie Valli desenvolveuse con The Four Seasons, que lograron os seus maiores éxitos durante os sesenta e os setenta, pero iso non impediu que Valli editase uns algúns discos en solitario, sen interferir no devir do grupo. Co nome de Solo (1965), que xa deixaba claro que era un álbum paralelo ós de The Four Seasons, Frankie Valli presentaba unha colección de cancións na que se incluía "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)", tema escrito por Bob Gaudio e Bob Crewe; este último tamén se encargaría da produción. Trátase dun tema típico daqueles anos, que reproduce a estrutura lírica do pop máis en alza do momento.


Non obstante, "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)" acadaría unha maior popularidade nas voces de The Walker Brothers, nun álbum que levaba o mesmo título cá canción e que lle serviría a este trío para darse a coñecer.


A última versión coñecida de "The Sun Ain't Gonna Shine (Anymore)" é a que Keane editou en 2005.

luns, 24 de febreiro de 2014

C'mon Marianne

The Four Seasons tivo a súa época de gloria nas décadas de 1960 e de 1970, e parece que o seu éxito esmoreceu ó rematar esa período, pero para o recordo deixou cancións atemporais que souberon influír nos músicos contemporáneos e tamén nos actuais. A banda de Frankie Valli, ademais de dedicarse ós xéneros máis populares do momento, coma o pop, o rock e o rhythm & blues, distinguiuse sobre todo por ser un grupo vocal, unha fórmula que daquela parecía estar reservado só a grupos femininos, pero que levou ó estrelato a The Four Seasons en moi pouco tempo. En 1967 estrearon dous discos de cancións novas, publicados con tan só un mes de diferenza. O primeiro deles foi New Gold Hits, que contén unha dos temas memorables de The Four Seasons, "C'mon Marianne".

http://youtu.be/tqupS8x0i1c

Os acordes de "C'mon Marianne" poden apreciarse nunha canción de The Doors, concretamente no single de adianto do disco que a banda de Jim Morrison publicou a comezos de 1969 The Soft Parade, a titulado "Touch Me".

http://youtu.be/y7GKblttlMY

venres, 24 de maio de 2013

December, 1963 (Oh, What a Night)

The Four Lovers formáronse a mediados dos anos 60 pero a fama non lles habería de chegar ata unha década máis tarde cando se rebautizaran xa coma The Four Seasons e apostaran claramente polo son disco que tan de moda se puxo nos anos setenta. Unha das cancións pola que son recordados é "December, 1963 (Oh, What a Night)" do disco Who Loves You (1975) co que a formación vocal composta por Bob Gaudio e Frankie Valli se reinventaron.


Das principais versións desta canción destaca a que Claude François fixo ese mesmo ano en francés, co título "Cette anné-là" no álbum Le Vagabond.


E desta versión francesa, tomou Thomas Banglater, un dos componentes de Daft Punk, algúns samples para compór "Colossus" en 1998.


Pero volvamos á canción orixinal de The Four Seasons. O comezo reprodúcese nas primeiras notas de "I Don't Feel Like Dancin'", o single composto en parte por Elton John e que presentaba o segundo disco de Scissor Sisters Ta-Dah (2006).