Amosando publicacións coa etiqueta ELO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ELO. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de xuño de 2015

Radio (2)

Hai anos dedicamos unha  entrada monográfica ó mundo da radio, cunhas poucas cancións que levaban no título a verba "radio", ou simplemente falaban dese importante medio de comunicación, fundamental para a difusión da música contemporánea. Cremos que vai sendo hora de retomar unha segunda parte debido ás outras boas cancións que daquela quedaran fóra e xa anunciamos que proximamente haberá unha terceira entrega. Por outra banda, non imos contar con excelentes cancións coma "Radio Nowhere" de Bruce Springsteen, que xa pasaron polo blog. Así que, sen máis, comezamos con "Mr. Radio", da Electric Light Orchestra, pertencente ó álbum epónimo que supuxo o debut da banda de Jeff Lynne en 1971.


Outro tema mítico que non pode faltar sobre un monográfico sobre a radio é a marabillosa "Do You Remember Rock 'n' Roll Radio?" de The Ramones, unha canción que mostra o apoxeo da banda no álbum producido por Phil Spector End of the Century (1980).


O guitarrista de Eagles, Joe Walsh, incluíu no seu álbum en solitario, Got Any Gum? (1987) un tema chamado "The Radio Song".


R.E.M  é unha das bandas que máis se acordaron da radio, pois teñen dúas cancións sobre ela. A última no álbum Out of Time (1991) chamada "Radio Song".

https://youtu.be/Q1LAtaxgfDk

A primeira é a canción coa que a banda de Michael Stipe comezaba a súa brillante andaina, "Radio Free Europe", single de presentación da ópera prima de R.E.M Murmur (1981).

https://youtu.be/XXUkddrnsXQ

Como tampouco hai que esquecer a canción de Hurt, "On the Radio", pertencente ó álbum Vol. II (2007).

 https://youtu.be/0ZbEuXBZE2s

xoves, 30 de abril de 2015

Fire Brigade

As orixes da Electric Light Orchestra ciméntanse sobre unha banda anterior pola que pasaron algúns dos seus máis ilustres membros. Trátase de The Move, na actualidade case relegada ó esquecemento a pesar dos intentos dos últimos anos de volver a pola en funcionamento. En calquera caso, The Move deixou para o recordo unha canción que habería de inspirar algunha que outra hoxe considerada mítica na historia do rock. Esa canción en concreto é "Fire Brigade" que se atopa no álbum epónimo con que esta banda de Birmingham se deu a coñecer en 1968.


Un dos primeiros en fixarse no engado de "Fire Brigade" foi Paul Stanley, líder de Kiss, que tomou da canción de The Move algunhas ideas para o retrouso e algúns efectos sonoros que habería de reflectir en "Firehouse", unha das primeiras cancións de Kiss, pertencente ó álbum epónimo da banda de 1974 co que a a banda facía o seu debut.


Pero tamén se fixaron en "Fire Brigade" os Sex Pistols ó escribiren unha das cancións que xa forman parte da historia. O riff de "God Save the Queen", unha das cancións máis importantes do único álbum publicado pola banda, Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (1977), está inspirado en "Fire Brigade", tal como Glen Matlock ten admitido algunha vez.

luns, 9 de marzo de 2015

Evil Woman

Jeff Lynne sempre tivo moi claro que a súa banda  tiña que transitar polos sons do rock pouco explorados, a poder ser, na procura dun punto no que converxese coa música clásica, que en principio parecía afastada dabondo dos novos estilos populares. E con todo, Lynne soubo achegarse coma ninguén, conferíndolle a Electric Light Orchestra un selo de distinción respecto ás demais bandas de rock progresivo. Coa ELO, o termo rock sinfónico acada todo o seu significado e ía asentándose con cada álbum da banda e xa era a banda máis importante deste subxénero cando editaron Face the Music (1975), o quinto disco, que contén unha marabilla como "Evil Woman".


Unha parte importante de "Evil Woman" serve de base para a canción de The Pussycat Dolls "Beep", canción pertencente a PCD (2005), e na que tamén participa Will.i.am, a voz principal de The Black Eyed Peas, como autor, produtor e intérprete.

martes, 26 de agosto de 2014

The Joker

A discografía de Steve Miller Band está chea de cancións memorables que aínda se tararean. A primeira desa longa lista chegou cando a banda xa levaba varios anos rodados e xa publicara uns cantos discos. Pero con "The Joker" Steve Miller asinou o billete co que entrar na posterioridade. Dende aquela o grupo sempre ofreceu nos seus traballos discográficos algunha canción inesquecible, coma se "The Joker" fose unha chave ó éxito. Seguramente pouco podía imaxinar Miller ó compola facendo referencia a cancións anteriores súas e doutros artistas que estaba ante un éxito imperecedeiro. Pertencente ó álbum do mesmo nome The Joker (1973), quen non algunha vez non se atopou con ela nalgún anuncio ou nalgunha película? Pois aí está a proba da súa sona.


A influencia de "The Jocker" non tardou en estenderse a outros artistas e un dos primeiros que a recibiu foi Jeff Lynne, pois "Summer and Lightning", canción da Electric Light Orchestra pertencente ó álbum Out of Blue (1977) garda algún parecido.


No ano 2000, no álbum Hot Shot, Shaggy tamén incluíu baseada en "The Jocker". Trátase da popular "Angel".


Un inciso antes de continuar con "The Jocker". Como moitos apreciaredes, a canción de Shaggy, ademais de combinar o son da de Steve Miller Band parece unha versión actualizada, ou máis ben éo, da canción de Chip Taylor "Angel of the Morning", que Juice Newton gravou no álbum Juice (1981).


Volvendo á canción de Steve Miller Band, máis recentemente foi decisiva na elaboración do tema do guitarrista de Revolverheld Kris "Diese Tagen", que gravou en 2012 en compañía de Dante Thomas.

luns, 12 de maio de 2014

Beatles Forever

The Beatles son a gran referencia para milleiros de grupos, artistas e músicos da máis diversa índole, pero poucos se mostraron tan agradecidos á súa música como para compoñerlles unha canción cun título tan elocuente coma "Beatles Forever". A ocorrencia procede da Electric Light Orchestra, cuxo son e estilo tanto lle debe ós catro fabulosos de Liverpool. A canción, composta por Jeff Lynne, ía incluírse no álbum da ELO Secret Messages (1983), que en principio estaba concibido coma un dobre LP, pero finalmente esa idea descartouse e "Beatles Forever" quedou relegada nun caixón. Non obstante, a pesar de que non apareceu no álbum, "Beatles Forever" circulou en formatos non oficiais, e por iso  chegouse a coñecer xunto o resto de cancións que a Electric Light Orchestra preparara para ese disco.

http://youtu.be/tSEEDeB4zFg

Pero como "Beatles Forever" fora un descarte, Jeff Lynne decidiu aproveitar parte do retrouso para o tema "Video!" que compuxo expresamente para a banda sonora da película Electric Dreams (1984).

http://youtu.be/7mLeo692-kQ

martes, 28 de xaneiro de 2014

Prince of Denmark's March

Un dos grandes compositores de música clásica do Reino Unido é Jeremiah Clarke, que ó redor de 1700, compuxo unha marcha dedicada ó príncipe Jorgen de Dinamarca, marido da raíña Anne de Gran Bretaña, que se convertería na súa peza máis coñecida e aprezada ó longo do tempo. Empregada especialmente en vodas, coma a de Lady Di co príncipe Charles que a puxeron de moda, "Prince of Denmark's March" é case un himno para os británicos, pero á vez tamén conseguiu deixar un pouso nunha serie de cancións contemporáneas, que en principio, non parecen ter nada que ver entre si.


Os primeiros en acudir ás notas da marcha do príncipe de Dinamarca foron, como non, os Beatles, na canción "It's All Too Much", que finalmente apareceu en Yellow Submarine (1969),a banda sonora da película do mesmo título, tras descartarse da lista de cancións do St. Peppers's. Composta por George Harrison, que tamén é o encargado de interpretala, nela empréganse trompetas cara ó final cuxa melodía trae o recordo da composición de Clarke.


Pero máis evidente é o caso do tema da Electric Light Orchestra "Boy Blue", do álbum Eldorado (1974), que comeza precisamente coa marcha.


Tamén a influencia desta marcha se pode apreciar na canción de Sting "All This Time", incluída no disco The Soul Cages (1991).


Finalmente, as trompetas volven a aparecer esta vez no tema de Chumbawamba, "Tubthumping", o seu maior éxito, pertencente ó album Tubhumper (1997).


martes, 26 de novembro de 2013

Simple Gifts

Os himnos relixiosos xogaron moitas veces un importante papel no desenvolvemento da música contemporánea. É o caso que nos ofrece "Simple Gifts", composto en 1848 por Joseph Brackett para a seita dos shakers, comunidade relixiosa á que pertencía a familia de Brackett. Precisamente, esta calidade do himno fixo que tardase anos en ser coñecida fóra do ambiente shaker.


Habería que esperar a 1944 para que a melodía de "Simple Gifts" transcendese máis aló do shakers. E habería de ser grazas a Aaron Copland, que incluiría esa mesma melodía en Appalachian Spring, unha composición para o ballet de Martha Graham.

http://youtu.be/xDRWdNn_nLk

En 1963 apareceu unha das primeiras versións que apostaban por renovar e actualizar o himno tradicional. Nese caso a versión escrita por Sydney Carter cunha nova letra baixo o título "Lord of the Dance" só fixo que o interese polo himno orixinal aumentase.

http://youtu.be/P-LCIMWH0Nc

Xa máis irreverente resulta a canción de Toy Dolls "My Girlfriend's Dad's a Vicar", que reproduce a melodía de "Simple Gifts". Coma unha boa banda de punk, Toy Dolls non podían renunciar a unha das características deste estilo. "My Girlfriend's Dad's a Vicar" pertence ó disco A Far Out Disc (1985).

http://youtu.be/oJ82ljwlMp8

Pero se hai unha banda que se sentise engaiolada por "Simple Gifts", esa é Weezer. A banda de Rivers Cuomo xa mostrou a súa admiración polo himno shaker nas primeirísimas notas de "Across The Sea", do segundo álbum da banda Pinkerton (1996).

http://youtu.be/JOJYutNUCZY

Non obstante, Weezer ían homenaxear a "Simple Gifts" nunha das grandes cancións da banda, e posiblemente, das mellores que se teñen feito na última década baseada nese himno. Trátase de "The Greatest Man That Ever Lived (Variations on a Shaker Hymn)", que tal como recolle o subtítulo remítese de forma evidente á composición de Brackett. Pertence ó álbum epónimo da banda, tamén coñecido como The Red Album (2008) pola cor predominante da portada.

http://youtu.be/VP2NRvV24E8

Mais nesta última canción de Weezer hai máis influencias que "Simple Gifts". Moitos críticos sinalan que na súa composición tamén influíu de xeito notable a canción da Electric Light Orchestra "Mr. Blue Sky", extraída do álbum Out of Blue (1977).

http://youtu.be/bjPqsDU0j2I

E por dar unha reviravolta, Jeff Lynne inspirouse en dúas cancións dos Beatles para compoñer "Mr. Blue Sky". Unha delas é "A Day in the Life" (que xa vimos un día) e outra, quizais a que máis se nota sexa "Martha My Dear", extraído do álbum epónimo de 1968 e tamén coñecido como The White Album, algo no que se inspiraron os rapaces de Weezer para algunha das portadas dos seus discos.

http://youtu.be/sA7J7TgVbGA

mércores, 19 de xuño de 2013

Don't Bring Me Down

Co álbum Discovery publicado en 1979 a Electric Light Orchestra aupouse nos primeiros postos das listas de vendas de Reino Unido e atopou o seu lugar como unha das mellores bandas de rock da música. O éxito dese disco débese a unhas cancións escritas con delicadeza e cunha enerxia desbordante que se transmite en cada nota. Discovery péchase con "Don't Bring Me Down", unha das mellores creacións de Jeff Lynne e unha das que mellor representa o son da Electric Light Orchestra.


Unha das cancións máis versionadas da ELO ó longo do tempo, tamén atopou acomodo no hip hop en forma de sample. Jungle Brothers recorre a ela no seu debut Straight out the Jungle en 1988.


Recentemente, The Hives recuperou os riff de "Don't Bring Me Down" para a súa canción "Go Right Ahead", o single co que presentaban o seu último disco Lex Hives (2012).

martes, 2 de abril de 2013

Showdown

Unha das grandes bandas de rock sinfónico que apareceron a comezos dos anos 70 é a Electric Light Orchestra. Os ingleses Roy Wood e Jeff Lynne souberon imprimirlle ó seu grupo un son propio moi recoñecible ó longo do tempo. En 1973 editaban o seu terceiro disco On the Third Day despois dunha serie de problemas internos que acabaron na saída da banda de Roy Wood. A parte positiva foi a colaboración de Marc Bolan nalgunhas das cancións do álbum, onde toca a guitarra. Na versión americana do disco, a Electric Light Orchestra incluíu "Showdown", un dos seus maiores éxitos.


A Electric Light Orchestra dérase a coñecer en todo o mundo co single "10538 Overture" onde xa mostraban as liñas principais que ían definir o seu son. Incluíuse no álbum epónimo da banda, co que debutaron a finais de 1971 e como a maioría das cancións da ELO, está asinada por Jeff Lyne.


Estas dúas cancións da Electric Light Orchestra foron imprescindibles para Paul Weller á hora de crear "The Changingman", unha das cancións do seu álbum en solitario Stanley Road (1995). O líder de The Jam combina as dúas cancións para crear unha nova canción no seu terceiro disco.

xoves, 31 de maio de 2012

Telephone Line

A comezos dos anos 70 o rock evolucionou cara un son máis épico e fastuoso e deu lugar ó chamado rock sinfónico. Bandas como Yes, Pink Floyd e Genesis foron verdadeiros estandartes deste movemento no que tamén hai que incluír a Electric Light Orcuestra, tamén coñecida como ELO,que comezou a súa andaina en 1971. Cinco anos despois a banda de Birmingham xa era toda unha icona en Europa e coa publicación do seu sexto disco A New World Record (1976) mesmo conquistou o mercado americano, grazas sobre todo ó single "Telephone Line".


O proceso evolutivo que sufriu a carreira de Green Day dende as súas orixes mostra perfectamente a madurez que acadou a banda de Billy Joe Armstrong co paso dos anos. De ser o típico grupo punk para adolescentes, transformáronse nunha banda de rock comprometida cos problemas sociais e políticos dos tempos que corren,  algo que se viu en American Idiot (2004); aínda que, iso si, a bagaxe dos primeiros tempos fai que a actitude de Armstrong pareza algo inxenua, á parte de que lembre demasiado a un falso intelectualismo. En calquera caso, musicalmente o último álbum publicado por Green Day 21st Century Breakdown (2009) é o mellor da banda californiana, cunha coidada produción a cargo de Butch Vig, que lle deu profundidade o son de Green Day. Un dos temas máis destacados é "21 Guns", cunha melodía semellante por momentos á da canción da ELO.