Amosando publicacións coa etiqueta The Velvet Underground. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Velvet Underground. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de outubro de 2014

European Son

A mediados dos sesenta a cidade de Nova York alumbraba un  proxecto musical baixo a atenta mirada de Andy Warhol que habería cambiar a perspectiva do rock. Acababa de nacer The Velvet Underground, que reunía a uns músicos cun talento descomunal. Lou Reed, John Cale, Maureen Tucker e Doug Yule ían revolucionar as bases do rock experimental e da escena independente xa desde os primeiros singles, ós que á última hora tamén se sumou outra das protexidas de Warhol, Nico. Así pois, tras un par de singles, aparecía o primeiro disco, The Velvet Underground & Nico (1967), con algunhas das cancións clave na traxectoria da banda. "European Son", que pecha o álbum, é a única que está asinada polos catro membros de The Velvet Underground e está dedicada a Delmlore Schwartz, mentor literato de Lou Reed.


Baseada en "European Son", Yo La Tengo compuxeron "Moby Octopad", co ritmo menos acelerado, pero igual que o da canción de The Velvet Underground. Pertence a I Can Hear the Heart Beating as One (1997).


Pero a influencia desta canción de The Velvet Underground vai maís aló. De feito, Simple Minds gravaron unha canción co mesmo título e a pesar de que tanto a letra como a música é distinta á The Velvet Underground, o estilo é moi semellante ó da banda neiorquina. Simple Minds incluírona no álbum The Early Years: 1977-1978 co que os escoceses recuperaron as cancións dos seus comezos.


E outro tanto lle pasou a Japan, que ó igual que Simple Minds crearon unha canción co título de "European Son" nos seus comezos a finais dos 70, período que coincide co da banda de Glasgow. Non obstante, o estilo da canción de Japan está algo máis afastado do de The Velvet Underground e é máis acorde co son da new wave que se levaba na época.

luns, 11 de agosto de 2014

Set the Twilight Reeling

Incansable como bo músico de rock, Lou Reed non deixou de crear novos discos cando moitos sinalaban que nunca volvería acadar o esplendor dos seus primeiros traballos en solitario tras pechar a etapa de Velvet Underground. Se iso era así, a Reed tanto lle tiña. Afastado dos excesos que case acaban con el e centrado ademais na edición dos seus poemas, a mediados dos anos 90 Lou Reed seguía a facer boa música á marxe de modas e de se volvía estar en primeiro plano da música, como se iso lle importase algunha vez. O certo é que as cancións que ofrece en Set the Twilight Reeling (1996) conteñen aínda o mesmo selo de creatividade e de emoción que o converteron nun dos rockeiros máis admirados das últimas décadas. A canción que titula o álbum ten dúas partes ben diferenciadas, un principio acústico que se vai electrificando cara ó final, onde o tema, despois dunha parte instrumental, cambia radicalmente de ritmo. Sen dúbida, unha das mellores cancións do álbum.


Lou Reed é un referente para toda unha xeración de músicos. Pulp non é unha excepción e mesmo hai veces en que a voz e o estilo co que canta Jarvis Cocker lembra algo ó de Reed. Pódese comprobar en "Sunrise", canción de We Love Life (2001) onde as reminiscencias de "Set the Twilight Reeling" están máis que presentes.


martes, 1 de xullo de 2014

Walk on the Wild Side

Hai ocasións en que coinciden varios xenios e o resultado adoita ser un álbum memorable. Pechada definitivamente a etapa con The Velvet Underground, Lou Reed preparaba o segundo disco e a idea era facer que fose totalmente rompedor. Para iso púxose ás ordes de Mick Ronson e de David Bowie na produción. Lou Reed xa tiña compostas as cancións, unhas letras que trataban tódolos temas tabús que ata daquela só apareceran nas cancións doutros artistas de forma velada, pero que Lou Reed decidiu referirse a elas abertamente: drogas, prostitución, transexualidade, etc. é a temática pola que transcorren as cancións de Transformer (1972) e se hai unha canción que mesmo transcendeu a carreira de Lou Reed, esa é o corte 5 do álbum: "Walk on the Wild Side". O título sacouno Reed da novela de Nelson Algren de 1956,  A Walk on the Wild Side que tamén inspirou outras cancións del da mesma época.


A novela de Nelson Algren fora levada ó cine unha década antes e da banda sonora se encargou Mack David na letra e Elmer Bernstein na interpretación. Malia que en clave jazz, algúns apuntan que tamén foi decisiva ó inspirar a Lou Reed.


A canción de Lou Reed acadou tanta popularidade, especialmente coa súa melodía, que serviu para inspirar outras cancións, coma a de Boudewijn de Groot "Jimmy", do álbum Hoe sterk is de eenzame fietser (1973), cuxa parte final parece toda unha homenaxe a Lou Reed.

http://youtu.be/CY7JwcKo-LQ

O mesmo se pode aplicar para a de Rod Stewart "The Killing of Georgie", do álbum A Night on the Town (1976).

http://youtu.be/skoLCUj1SwI

E logo está a canción de Third Eye Blind "Semi-Charmed Life", pertencente ó álbum epónimo da banda publicado en 1997, onde lle dan a volta ó sentido da canción de Lou Reed. En "Semi-Charmed Lilfe" búscase o optimismo que lle falta a de Lou Reed, as luces que están ausentes na canción orixinal.

http://youtu.be/tC1NR7AL_9s

venres, 21 de marzo de 2014

Take Me to the River

A discografía de Al Green consta de tan fantásticas cancións que sempre é difícil elixir unha. Non obstante, calquera que coñeza un pouco a traxectoria deste músico orixinario de Arkansas non dubidará en sinalar que "Take Me to the River" é un tema imprescindible, unha verdadeira xoia do soul dos anos 70 e unha das mellores cancións desa década da música en xeral. Pero sorprendentemente cando se publicou o álbum na que está incluída, Al Green Explores  Your Mind (1974), nin sequera se escolleu coma single, quedando relegada na listaxe dos temas do álbum coma unha máis, pero pouco a pouco, "Take Me to the River" foi gañando o lugar que lle correspondía.               

http://youtu.be/Pmn2KDiW-kE

O caso foi que a discográfica de Al Green cedeulle esta canción a outro músico, Syl Johnson, que si a editou como single no álbum Total Explosion (1975) e chegou ós primeiros postos das listas de Estados Unidos. Ó pertencer á mesma compañía que Al Green, Syl Johnson gravouna cos mesmos músicos, pero a principal diferenza coa versión orixinal é que a de Syl Johnson introduce unha harmónica que lle dá un novo matiz á canción.

http://youtu.be/VyUE8LXNIFM

Un ano despois aparece a primeira versión en clave rock da man de Foghat no álbum Night Shift (1976).

http://youtu.be/nXVq7VNUPx0

E en 1978 no segundo álbum de Talking Heads More Songs About Buildings and Food, aparece outra exitosa versión de "Take Me to the River".


Annie Lennox tamén a gravou para o seu álbum de versións Medusa (1995).


Pero á marxe das versións, cómpre non esquecerse do tema de Lou Reed "Teach the Gifted Children", que pecha o álbum Growing Up in Public (1980). A canción en si é todo un tributo á de Al Green cun son moi parecido, que na parte final incorpora os coros de "Take Me to the River".

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Vicious

Unha das peores noticias do pasado ano de 2013 foi o falecemento de Lou Reed. A que fora unha das voces principais de The Velvet Underground e que logo sería un dos músicos máis influentes para toda unha nova xeración de artistas no mundo enteiro, soubera sobrepoñerse ó longo da vida á súa convivencia cos excesos, pero os problemas de saúde dos últimos tempos acabaron nun fatal desenlace. En calquera caso, o seu legado musical é enorme, e se xa con The Velvet Underground se fixera cun nome de peso, Lou Reed comezou unha carreira en solitario que dende o primeiro disco, deixaba ben claro que tiña moito por dicir. En 1972 publicou o segundo, Transformer, coa produción a cargo de David Bowie e Mick Ronson, onde se atopa a súa canción máis coñecida, "Walk on the Wild Side", pero o resto de cortes que compoñen o album non quedan atrás. "Vicious", co que se abre o disco, é tamén unha das grandes cancións de Lou Reed.


Os ecos de "Vicious" chegan ata un dos temas de Pereza presente no álbum Aproximaciones (2007). En "Grupis", a sombra de Lou Reed é alongada. Nesta canción, Rubén e Leiva contaron coa colaboración do guitarrista Mick Taylor.

mércores, 2 de outubro de 2013

I Found a Reason

Para moitos Loaded (1970) é o mellor disco de The Velvet Underground, a pesar de que a antiga banda de Lou Reed e John Cale deixou unha colección de cinco discos, uns cantos en directo e algún compilatorio dunha calidade extraordinaria en apenas dez anos. De Loaded as cancións máis coñecidas son "Sweet Jane" e "Rock & Roll", pero as outras son tamén excelentes como "New Age" e "I Found a Reason", a canción que hoxe vos presentamos. Ten reminiscencias do estilo doo-wap, tan habitual nas décadas anteriores, o que a fai especial na discografía de The Velvet Underground. Leva a asinatura de Lou Reed, coma tódolos demais temas do álbum.


Influentes coma sempre, The Velvet Underground tamén deixaron a súa pegada en Massive Attack A banda de rock experimental procedente de Bristol tamén lle garda un sitio á banda de Lou Reed na súa música. Concretamente, decantáronse por "I Found a Reason" para sampleala na canción "Risingson", do álbum Mezzanine (1998), pero de tal xeito que lograron un resultado moi diferente, que apenas fai pensar ó oínte na música de The Velvet Underground.

xoves, 7 de febreiro de 2013

Crimson and Clover

Tommy James and the Shondells viviron a súa etapa de esplendor tralo éxito que supuxo "Mony, Mony", aquela animada canción que tan ben conquitou ó público maila crítica. Mais se daquela todo o mundo deu en pensar que esta banda procedente de Michigan só sabía chegar á fama con cancións cun ritmo frenético, o propio Tommy James e o batería do grupo Peter Lucia Jr. demostraron que tampouco se lles daban nada mal as baladas, como o outro gran bombazo de Tommy James and the Shondells: "Crimson and Clover" é unha das cancións máis coñecidas e dálle título ó álbum de 1968.


Foi tal a repercusión de "Crimson and Clover" que mesmo os componentes da influente The Velvet Underground baseáronse nela para crear o tema instrumental "Ride into the Sun" (1969) con certas reminiscencias de "Crimson and Clover", que xa non se recollen na versión con letra que fixo uns anos despois Lou Reed.


"Crimson and Clover" é unha das cancións máis versionadas de tódolos tempos. A última que tivo certa transcendencia é a de Prince, pero seguramente a máis lembrada sexa a de Joan Jett en 1981 no disco I Love Rock 'n'  Roll.


Respecto ós samples de "Crimson and Clover", un dos primeiros foi o que aparece na canción "Black Magic" de Jarvis Cocker. O líder de Pulp incluíuna no seu álbum en solitario Jarvis (2006).


Tamén recorre a "Crimson and Clover" Tanya Stephens na súa canción "Think It Over" no disco Ruff Rider (1998). Esta artista mestúraa co ritmo reggae co que popularizou a súa carreira, malia que áinda non lle chegou á sona internacional.



Janelle Monae no seu debut The ArchAndroid (2010) tamén parece botar man de "Crimson and Clover". A influencia do tema de Tommy James déixase notar na canción "Mushrooms and Roses".



luns, 10 de setembro de 2012

Sweet Jane

A banda favorita de Andy Warhol, The Velvet Underground, deixou para a historia enormes cancións que hoxe son fundamentais na historia da música, pero unha delas trascendeu por riba de todas. "Sweet Jane", do álbum Loaded (1970), é un dos mellores temas que Lou Reed escribiu para The Velvet Underground, xusto no momento en que xa tiña pensado lanzarse en solitario. O riff das guitarras é un dos máis característicos do rock.


Tan característico que non sorprende nada atopalo noutras cancións. A máis clara corresponde a "Pretty in Pink" dos ingleses The Psychedelic Furs do disco Pretty in Pink (1986).

martes, 14 de agosto de 2012

Who Loves The Sun

"Who Loves The Sun" abre Loaded, o cuarto disco de The Velvet Underground editado en 1970, para moitos o máis importante da banda formada por Lou Reed, John Cale, Sterling Morrison e Maureen Tucker, xa que a influencia que ía exercer posteriormente na música está practicamente á altura de calquera álbum que acadase revolucionar a escena musical da súa época. E se hoxe Loaded está considerado como un disco de culto, non deixa de sorprender que só a inmortal "Sweet Jane" fose o único single, capaz de deixar na penumbra tan boas cancións. Pero o bo da música de The Velvet Underground é que sempre está por descubrir.

http://www.goear.com/listen/faf44d5/who-loves-the-sun-the-velvet-underground

Cunha clara influencia de The Velvet Underground, en 1996 debutaban os escoceses Belle & Sebastian con dous discos de estudio. En 1997 lanzaban o EP Lazy Line Painter Jane. A canción que lle dá título é unha mostra de que o son da banda de Lou Reed segue moi vivo.

http://www.goear.com/listen/9fe25c5/lazy-line-painter-jane-belle-and-sebastian

xoves, 14 de xuño de 2012

Walk and Talk

En 1970 cando The Velvet Underground xa era un grupo consolidado, publicaron o seu cuarto disco Loaded, o último no que participaría Lou Reed antes de voar en solitario e que a diferenza dos anteriores, situábase nunha liña máis comercial sen deixar de lado o espíritu subversivo co que naceran. De feito, en Loaded está incluída a canción máis coñecida de The Velvet Underground "Sweet Jane". Na edición de 1970 o disco apareceu no mercado con dez cortes tras descartar un bo feixe de cancións que se barallaban para ese traballo. Habería que esperar a 1997 para que se publicase unha edición especial con todas esas caras B e demos que quedaron gardadas nunha gabeta. Unha delas é a demo de "Walk and Talk", tema que Lou Reed adoitaba interpretar nos seus concertos.


E coma calquera canción de The Velvet Underground non habería de pasar desapercibida para outros músicos. Peter Doherty, un dos intérpretes máis brillantes de Gran Bretaña nos últimos anos malia ter unha vida privada bastante convulsa, confesou nunha entrevista a influencia desta canción nun dos temas da súa banda Babyshambles. "You Talk" está  en Shotter's  Nation (2007), segundo álbum deste breve proxecto de Doherty que non conseguiu esquecer a The Libertines, a banda coa que se deu a coñecer.

mércores, 2 de maio de 2012

Hitch Hike

O estandarte da Tamla Motown Marvin Gaye acrecentaba a súa sona como cantante de R&B emblemático cada vez que sacaba un single. "Hitch Hike", de 1962 e que aparecería no disco That Stubborn Kinda Fellow dese ano é unha boa mostra, tanto que resulta ser unha das súas cancións máis influentes. 


A primeira canción que atopamos baseada no tema de Marvin Gaye é "You Can't Do That" de The Beatles incluída en A Hard Day's Night (1964) asinada por John Lennon.


En calquera caso, "Hitch Hike" tivo as súas propias versións. A máis destacada é a de The Rolling Stones en 1965 do álbum Out of Our Heads.


O riff de guitarra que emprega Keith Richards nesta versión serviu de inspiración para outra gran canción doutra gran banda. The Velvet Underground,  o grupo de Lou Reed, John Cale e Nico auspiciado por Andy Warhol, gravou "There She Goes Again" en1967 para o disco The Velvet Underground & Nico, pero non serían os últimos. Johnny Marr, guitarrista de The Smiths, admitiu que se baseou no riff dos Stones en "Hitch Hike" para a canción "There Is a Light That Never Goes Out", que xa tivemos de visita polo blog.


Por último, queremos deixarvos a versión do tema de The Velvet Underground que gravou REM en 1983 como cara B do single "Radio Free Europe" e que aparecería no compilatorio de 1987 Dead Letter Office.