xoves, 14 de xuño de 2012

Walk and Talk

En 1970 cando The Velvet Underground xa era un grupo consolidado, publicaron o seu cuarto disco Loaded, o último no que participaría Lou Reed antes de voar en solitario e que a diferenza dos anteriores, situábase nunha liña máis comercial sen deixar de lado o espíritu subversivo co que naceran. De feito, en Loaded está incluída a canción máis coñecida de The Velvet Underground "Sweet Jane". Na edición de 1970 o disco apareceu no mercado con dez cortes tras descartar un bo feixe de cancións que se barallaban para ese traballo. Habería que esperar a 1997 para que se publicase unha edición especial con todas esas caras B e demos que quedaron gardadas nunha gabeta. Unha delas é a demo de "Walk and Talk", tema que Lou Reed adoitaba interpretar nos seus concertos.


E coma calquera canción de The Velvet Underground non habería de pasar desapercibida para outros músicos. Peter Doherty, un dos intérpretes máis brillantes de Gran Bretaña nos últimos anos malia ter unha vida privada bastante convulsa, confesou nunha entrevista a influencia desta canción nun dos temas da súa banda Babyshambles. "You Talk" está  en Shotter's  Nation (2007), segundo álbum deste breve proxecto de Doherty que non conseguiu esquecer a The Libertines, a banda coa que se deu a coñecer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario