Amosando publicacións coa etiqueta Joss Stone. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Joss Stone. Amosar todas as publicacións

venres, 30 de outubro de 2015

Some Kind of Wonderful

A traxectoria de Soul Brothers Six e mais concretamente do seu líder John Ellison sempre estará vinculada ó single que publicaron en 1967 "Some Kind of Wonderful", unha marabillosa canción soul cun ritmo bailable que xa parecía preconizar os novos tempos en que o funk ía vivir unha espléndida etapa. No entanto, ter asinado esta gran canción non fixo que a carreira de Soul Brothers Six despegara e apenas estiveron dez anos máis en activo sen conseguir obter un éxito semellante. Nin sequera cando "Some Kind of Wonderful" comezou a ser versionada con regularidade e a ser máis coñecida serviu para que puidesen coller impulso.


Grand Funk Railroad recuperou "Some Kind of Wonderful" nunha nova versión algo máis afastada do soul e moi próxima ó blues rock e o funk no álbum All the Girls in the World Beware !!! (1974). A partir desta última versión a popularidade de "Some Kind of Wonderful" foi moito maior.


Das moitas versións que se fixeron de "Some Kind of Wonderful", sobresae especialmente a de Joss Stone no seu álbum de debut The Soul Sessions (2003) devolvéndolle o estilo soul inicial e os aires funk que xa axitaban a versión orixinal.


Moitos trazos procedentes da versión de Grand Funk Railroad pódense apreciar na canción de Red Hot Chili Peppers "Hump de Bump", pertencente a Stadium Arcadium (2006), aínda que non "Some Kind of Wonderful" non é a única inspiración funk que se atopa neste single da banda californiana.


A outra canción que tamén influíu na elaboración de "Hump de Bump" é o tema de The Commodores "(Can I) Get a Witness", do álbum Movin' On (1975).

mércores, 5 de novembro de 2014

Right to Be Wrong

Joss Stone comezou no mundo da música debutando cun álbum de versións de temas soul titulado The Soul Sessions (2003) no que, ante todo, se presentaba disposta a reivindicar un xénero que nos albores da década dos 2000 estaba relegado. É a mesma fórmula coa que antes outros artistas iniciaban a súa andaina, un primeiro álbum con cancións versionadas para tomarlle pulso ó panorama musical e calibrar as posibilidades de éxito. Posto que con The Soul Sessions foille ben, ó ano seguinte aparecía Mind, Body and Soul (2004) onde Joss Stone estreaba as súas propias cancións e demostraba tamén que podía ser unha compositora prolífica, pois dos quince temas que compoñen o disco, participou na elaboración de todos agás de un. A cifra de vendas de Mind, Body and Soul foi aínda maior có de The Soul Sessions, polo que o público aplaudía a aparición dunha nova voz que renovaba o soul. Grazas a cancións coma "You Had Me" e "Right to Be Wrong", que hoxe vos presentamos, Joss Stone revelouse coma unha das cantantes inglesas, xunto con Amy Winehouse, que devolvían o soul a un lugar privilexiado na música do novo século.


Malia que non son moi frecuentes as versións das cancións de Joss Stone, pode presumir da que Alejandra Guzmán fixo de "Right to Be Wrong". A rockeira mexicana, filla de Enrique Guzmán, que seguiu perfeccionando o rock latino igual que o pai, pero nunha vertente feminina, sorprendía en Lipstick (2004) cunha versión en castelán que reproducía fielmente a letra orixinal. Co título "Tengo derecho a estar mal", chegou a coñecerse varios meses antes que a orixinal de Joss Stone, xa que o álbum de Alejandra Guzmán publicouse en marzo, mentres que o de Joss Stone non saíu ata o mes de setembro.

mércores, 10 de setembro de 2014

The High Road

Gnarls Barkley arrasou no verán de 2006 con "Crazy", unha canción que nos serviu para coñecer os dous músicos que formaran este proxecto, Cee-Lo Green e Danger Mouse. Dous anos despois publicaron un novo álbum, pero o número de vendas non se achegou nin moito menos ó que conseguiran co debut, xa que a pesar das boas cancións que contiña, ningunha se podería considerar un trallazo como o que supuxo "Crazy". Pouco despois, o dúo puña o punto final a Gnarls Barkley e cada un tomou o seu camiño. Sen tempo para darlle voltas a ese fracaso, Danger Mouse puña en marcha en 2009 un novo proxecto xunto co vocalista de The Shins, James Mercer, con nome de Broken Bells. Ese mesmo ano debutaban cun álbum epónimo que sorprendía á crítica pola alta calidade das composicións e a produción exquisita de Danger Mouse. O primeiro single, "The High Road", resultou ser unha agradable carta de presentación.


En 2012, Joss Stone publicou o álbum de versións The Soul Sessions Vol. 2, segunda parte do disco co que debutara en 2003 no que a artista británica interpreta algunhas cancións soul. Pero o mérito de Joss Stone con este tipo de discos é que consegue versionar en clave soul outras composicións alleas a este xénero sen que desentonen na nova versión. Así de ben lle quedou "The High Road".

venres, 27 de xullo de 2012

Fell in Love with a Girl

A irrupción de The White Stripes no panorama musical en 1997 actualizou o son garage e moi pronto se confirmou que o seu líder Jack White era un xenio con moitas cousas que ofrecer á música. Ó lado da súa compañeira Meg, a andaina de The White Stripes púxose en marca en 1999 co seu debut homónimo e tras a boa acollida que recibiron, os seus seguintes traballos estiveron rodeados dunha gran expectación. En 2001 publicaban o seu terceiro disco White Blood Cells que contiña "Fell in Love with a Girl", unha das cancións máis lembradas do dúo.


Tan só dous anos despois, o soul vía o nacemento dunha nova estrela na voz dunha novísima Joss Stone, unha moza cuxo estilo facía lembrar os mellores momentos de Janis Joplin. O seu debut The Soul Sessions era unha brazada de versións da música soul dos anos 60 e 70, mais a sorpresa estaba na adaptación ó soul do tema de Jack White, aínda que dende unha voz feminina, polo que se convertiu en "Fell in Love with a Boy".  A nova versión está tan lograda que se mestura de xeito natural entre o resto das cancións.