Amosando publicacións coa etiqueta Aerosmith. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aerosmith. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de decembro de 2015

Walk This Way

Non era moi habitual no hard rock dos setenta mesturar o son con outros estilos máis afastados das guitarras como puidese ser o funk ou a electrónica, mais Aerosmith deu ese paso en "Walk This Way", canción pertencente a Toys in the Attic (1975), o que viña sendo o terceiro disco dos de Boston. Steven Tyler atrévese co rap nunha canción que combina á perfección o rock na súa vertente máis dura cos sons do funk, algo que anos máis tarde se volvería a ver na música de Aerosmith.


Pero a versión orixinal que aparece en Toys in the Attic quedou case no esquecemento cando o grupo de hip hop Run DMC fixo unha nova no seu álbum Raising Hell (1986) que se converteu no seu maior éxito. Coa produción dun Rick Rubin no seu mellor momento, na versión de Run DMC colabora o propio Steven Tyler, rapeando de igual forma que na versión primixenia. Run DMC demostrou que non facía falta que as bandas de hip hop inundasen as súas propias creacións con anacos de cancións alleas para triunfar, só cómpre facer unha boa versión para chegar ó máis alto, aínda que, todo hai que dicilo, o estilo de "Walk This Way" llo puxese moi doado.


Aerosmith retomou o riff de "Walk This Way" no comezo da canción "Eat the Reach", no álbum Get a Grip (1993).

martes, 15 de setembro de 2015

You Can't Catch Me

Os pioneiros do rock and roll crearon un amplo repertorio que surtiu de influencias a toda unha xeración  de músicos que fixeron do rock o gran aladid da música contemporánea. As cancións de Chuck Berry foron das preferidas por moitos mozos, que se animaron a probar sorte cunha guitarra versionándoas ó tempo que construían a base das súas propias cancións, que ó principio imitaban o estilo do músico de Missouri. En 1956 cando o rock and roll xa era unha realidade filmouse a película Rock, Rock, Rock na que participaban algunhas das estrelas do momento, como o propio Berry, que contribuíu á banda sonora con catro cancións, entre elas "You Can't Catch Me", que foi unha de tantas que marcou ás novas xeracións.


Cando os Beatles editaron Abbey Road (1969) houbo algo de controversia coa canción "Come Together", escrita por Lennon, xa que segundo a discográfica de Berry, tiña unha melodía moi parecida á da canción "You Can't Catche Me", e polo tanto os catro grandes de Liverpool virónse envoltos nunha acusación de plaxio que se resolveu, entre outras medidas, co compromiso de John Lennon de versionar "You Can't Catch Me", cousa que se produciu no álbum de versións que John Lennon publicou en 1975 co título Rock 'n' Roll.


A versión de John Lennon de "You Can't Touch Me" quedou así e pode observarse que o parecido con "Come Together" é aínda máis acusado que na versión orixinal de Chuck Berry.


Aerosmith fixo a versión máis coñecida do "Come Together". Está recollida no álbum tributo ós Beatles Sgt. Pepper's Lonely Hears Club Band (1978), onde baixo a produción de George Martin, varios artistas homenaxeaban ós de Liverpool.

mércores, 22 de abril de 2015

Cryin'

Aerosmith era xa unha banda senlleira cando irromperon os anos 90, pero con Get a Grip (1993) Steven Tyler e compaña volvían á plena actualidade pondo o rock en primeiro plano, nunha especie de segunda xuventude para o veterano grupo, que comezara a súa andaina uns vinte anos antes. Mantendo firmes os seus principios, Aerosmith fíxose cunha nova xeración de fans que descubriron a súa música coas quince cancións que compoñen o disco, especialmente cos sete singles extraídos, que dan unha idea da calidade das composicións. Unha delas é a balada rock "Cryin'", onde un desgarrador Tyler canta o que sería un dos himnos desa década.


Unha desas novas admiradoras que xurdiron ó abeiro de Get a Grip é a madrileña Belén Arjona, que no segundo álbum que publicou Infinito (2005) atrévese cunha versión en castelán de "Cryin'", á que titulou "Y lloré".

mércores, 4 de setembro de 2013

Dream On

Cando o rock derivou cara a súa vertente máis dura aló a finais dos anos 60 e comezos dos 70 non esqueceu deixarlle un reconto ás baladas, que co novo son, vestíronse dunha enerxía que as liberaba de todo o que puidese parecer sensibleiro e cursi sen deixar de cumpri-la súa función: emocionar. Un deses exemplos atopámolo no debut de Aerosmith en 1973, o álbum epónimo que contén "Dream On", talvez un dos mellores temas asinados por Steve Tyler e que non falta en ningún recompilatorio de Aerosmith.


Hai moi boas versións de "Dream On" como a de Andru Donalds ou a que fixo recentemento Anastacia. Respecto ós samples que se empregaron desta canción, hai que mencionar a Eminem, que os aproveitou para a súa canción "Sing for the Moment", do álbum The Eminem Show (2003), cuxo retrouso é o orixinal.


Tamén o rapeiro de orixe peruana Inmortal Technique serviuse do tema de Aerosmith para a súa canción "Angels and Demons", do álbum The Martyr (2011).

mércores, 20 de marzo de 2013

Remember (Walking in the Sun)

Era o ano 1964 cando un grupo de catro mozas baixo o nome de The Shangri-Las ía obter o seu primeiro grande éxito "Remember (Walking in the Sun)" baixo o auspicio do seu produtor e compositor de cabeceira George "Shadow" Morton. Comezaba así a brillante andaina das Shangri-Las, un dos grupos femininos de pop máis influentes de tódalas décadas, xa non só na música pop, senón mesmo no rock.


Unha das versións máis impactantes desta canción e posiblemente a máis recordada é a de Aerosmith en 1979. A banda de Steven Tyler, caracterizada polo seu son de hard-core, non dubidou en trasladar a este estilo a canción das Shangri-Las no álbum Night in the Ruts, que contou ademais coa participación nos coros de Mary Weiss, unha das integrantes das Shangri-Las.


Mais esta canción asinada por Morton tamén lle serviu de inspiración ó compositor sueco Jens Lekman para o seu tema "A Sweet Summer's Night on Hammer Hill" en 2006.