Amosando publicacións coa etiqueta Tina Turner. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tina Turner. Amosar todas as publicacións

venres, 18 de setembro de 2015

Nutbush City Limits

En moitas ocasións os cantautores adoitan mostrarse agradecidos co lugar que os viu nacer e no que pasaron a infancia dedicándolle unha canción que exprese os seus sentimentos. Neste grupo de cancións, que poderiamos denominar "sobre as orixes", ten bastante relevancia a que Tina Turner lle escribiu á cidade de Nutbush, en Tenneessee, de onde é natural, co título de "Nutbush City Limits". Esta canción titulou o álbum de 1973, un dos últimos que a cantante gravou con Ike Turner, daquela marido seu e parella profesional co que conseguira un soado éxito con cancións coma "River Deep, Mountain High" e a espectacular versión de "Proud Mary", de Creedence Clearwater Revival. "Nutbush City Limits", que mestura os sons do rock cunha pequena dose de funk, foi a última gran canción do dúo.


Apenas dous anos despois da publicación de "Nightbush City Limits", Bob Seger versionouna no álbum Beautiful Loser (1975), sendo a única canción que non levaba a sinatura do músico de Michigan. O ano seguinte volveuna incluír no álbum en directo Live Bullet.


Que é unha das favoritas de Tina Turner non se pon en dúbida. Ó longo da súa carreira en solitario incluíuna no álbum en directo Tina Live in Europe (1988) e tamén no compilatorio Simply the Best (1991), aínda que desta volta Tina Turner presentou unha nova versión en clave dance.

venres, 8 de maio de 2015

Disco Inferno

A canción máis importante que The Trammps nos deixou foi sen ningún xénero de dúbida "Disco Inferno", incluído no álbum do mesmo título que se publicou en 1976. Ata aquel ano The Trammps, unha banda procedente de Filadelfia, cidade cunha gran tradición de grupos de soul, editaran tres discos con algúns singles salientables, pero ningún comparado coa canción que lle daba nome ó cuarto álbum. Boa parte do éxito acadouno logo de formar parte da banda sonora da película Saturday Night Fever, que consagrou a música disco como o estilo por excelencia da década dos setenta. 


Anos máis tarde Tina Turner gravaría unha versión de "Disco Inferno" no álbuml What's Love Go to Do with It (1993) que tamén sería a banda sonora dunha película biográfica sobre a cantante e que tamén levaría o nome do álbum.


En 1998 os británicos Baby Bumps fixeron unha revisión de "Disco Inferno" que titularon "Burning", máis baseada na versión de Tina Turner que na orixinal de The Trammps.

martes, 28 de outubro de 2014

Missing You

Outro dos artistas dun só éxito é John Waite, un cantante procedente de Lancaster que a comezos dos oitenta emprendeu unha carreira en solitario despois de probar sorte con algunhas bandas. Waite, que aínda segue editando discos, ó último hai tres anos, só conseguiu romper as listas cun trallazo que, por outra parte, ten un título dende logo nada orixinal, "Missing You", xa que hai centos de cancións, anteriores e posteriores, que se chaman así. No entanto, é posible que a meirande parte da xente ó falarlle de "Missing You" pense primeiro na canción de John Waite, que se converteu nun dos clásicos da década dos 80. Como adoita acontecer con aqueles que só conseguen unha gran canción na súa andaina, esta chegou demasiado cedo. "Missing You" pertence ó segundo disco de John Waite, No Brakes (1984).


Das versións máis temperás que se fixeron de "Missing You", destaca a que fixeron La Trampa no álbum Volver a casa (1990), onde a trasladaron ó castelán con moi boa fortuna, pois foi un dos singles do disco e hoxe considérase unha das grandes cancións da banda de Pablo Perea.


Tamén tivo moito éxito a versión de Tina Turner, talvez a máis coñecida trala orixinal, que aparece no  seu noveno disco en solitario, Wildest Dreams (1996).

venres, 1 de marzo de 2013

Smiling Faces Sometimes

Nos anos 60 e 70 a Tamla Motown podía sentirse orgullosa de contar cunha nómina de compositores envexable que conseguía que case calquera canción se convertise nun éxito nalgún dos artistas desta mítica discográfica. Unha desas estrelas da pluma era Norman Whitfield, autor dun sinfín de cancións que hoxe forman a historia da música. Xunto con Barret Strong, formou un tándem que deu á música algún dos seus mellores momentos. "Smiling Faces Sometimes" é unha desas composicións clásicas da Motown, gravada por primeira vez en 1971 por The Temptations, un dos buques insignia da discográfica.


A pesar da excelente interpretación dos Temptations, a versión non acabou de convencer a Whitfield, que tamén era o produtor habitual, e ese mesmo ano aparecía no mercado unha nova versión, esta vez coas voces de The Undisputed Truth nun disco epónimo.


Unha das versións posteriores máis destacadas é a que gravou Joan Osborne coa colaboración de Isaac Hayes no seu álbum de versións How Swett It Is (2002).


Pero volvendo unha vez máis ás primeiras versións editadas pola Motown, o seu son non pasou desapercibido e un ano despois, en 1972 The O'Jays publicaban "Back Stabbers", cuns arranxos moi semellantes ó tema de Whitfield. Incluído no álbum Back Stabbers, tamén se converteu en todo un referente.


A principal versión da canción dos O'Jays é a de Tina Turner no álbum Love Explosion (1979).


"Back Stabbers" foi sampleada nunhas cantas ocasións. Quizais a mellor canción na que se empregou como sample sexa a do trío TLC no tema "Case of the Fake People", do seu aclamado disco Crazy, Sexy, Cool (1995).

venres, 4 de marzo de 2011

Proud Mary

Creedence Cleawater Revival é unha das bandas máis importantes que xurdiron en Estados Unidos a finais dos anos 60. Liderada por John Fogerty, o seu éxito foi practicamente inmediato e a popularidade que alcanzou  fixo que as súas cancións fosen versionadas ó pouco de que se publicasen. "Proud Mary", que aparecería no álbum Bayou Country de 1969, é o seu éxito máis recoñecido.


Dous anos despois, en 1971, Tina Turner e Ike Turner fixeron unha versión, que tamén sería moi popular:


Outras bandas que tamén se atreveron a interpretar "Proud Mary", foron Status Quo e Bon Jovi. En concerto, tamén a interpretaron Elvis Presley, en 1972, e máis recentemente, Beyoncé xunto coa propia Tina Turner, en 2008, na entrega dos Grammy.

Abaixo, o cover de Bon Jovi: