Amosando publicacións coa etiqueta Fleetwood Mac. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fleetwood Mac. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de setembro de 2015

Second Hand News

Como un dos principais álbums de Fleetwood Mac, Rumours (1977) está composto por once marabillosas cancións sen desperdicio que marcaron o pop rock dos setenta. Ademais conta cunha alta participación de todos os membros, que se involucraron en distinta medida na elaboración de cada tema. Hoxe eliximos "Second Hand News", que abre o disco, malia non saír como single. Está composta na súa totalidade por Lindsey Buckingham, quen tamén se encarga de interpretala. Nela mestúranse os aires celtas con certa querencia polo son disco, xa que no momento de compoñela Buckingham fixouse sobre todo na canción de Bee Gees "Jive Talkin'", á que xa lle dedicaremos unha entrada proximamente. 


Kid Rock escolleu "Second Hand News" como base da súa canción "Wasting Time", pertencente a Devil Without a Cause (1998), co que o músico de Detroit abandona os derroteiros do hip hop máis ortodoxo para ir introducíndose paseniñamente no rock, estilo que caracteriza os seus últimos traballos.

mércores, 11 de marzo de 2015

Gold Dust Woman

A nova etapa que se abrira en Fleetwood Mac coa chegada de Lindsey Buckingham, Christine McVie e Stevie Nicks non tiña volta de folla. Instalados nun son máis preto do pop e co blues esquecido, as cousas non lle ían mal comercialmente, algo que se confirmou con Rumours (1977), un dos discos máis vendidos da banda. Este xiro radical de estilo débese sobre todo ás dúas mozas, responsables da composición de case tódalos novos temas. Cada unha delas soubo reflectir en cadansúa canción a súa personalidade. "Gold Dust Woman" é un dos temas de Stevie Nicks de Rumours que recolle moitos dos motivos que logo se haberían de reproducir noutras das súas cancións. 


É ben sabido a admiración que as composicións de Stevie Nicks, espertan desde sempre en Courtney Love. No banda sonora de  The Crow: City of Angels (1996) Hole versiona"Gold Dust Woman".

venres, 9 de xaneiro de 2015

Shake Your Moneymaker

O outro día fixámonos na influencia que a versión de "Shake Your Moneymaker" de Paul Butterfield tivo na canción de The Doors "Break On Through (On the Other Side)" e quedaramos en volver sobre este blues que pertence á lista das cincocentas cancións que formaron ó rock. A versión orixinal de "Shake Your Moneymaker" é de Elmore James, que a compuxo meses antes de gravala en 1961. Desde entón, moitos foron os artistas que fixeron versións dela, xa fose nun estudio de gravación ou nuns concertos, e algúns coma  a do citado Paul Butterfield tiveron unha gran aceptación. Pero a canción de Elmore James é o resultado da variación doutros blues anteriores, que converxeron harmoniosamente en "Shake Your Moneymaker", algo por outra parte é bastante habitual no xénero do blues.


Quizais a influencia máis clara proceda do tema de Mississippi John Hurt "Got the Blues, Can't Be Satisfied" (1928), que parece ser fundamental na melodía de "Shake Your Moneymaker".


Outras voces apuntan que de xeito non tan evidente coma a canción de Mississippi John Hurt, outros temas tamén tiveron moito que ver na elaboración de "Shake Your Moneymaker". Un deles é o de Charlie Patton "Shake It and Break It" (1929).


Tamén se sinala que o de Bukka White "Shake 'Em on Down" (1937) é outro deles.


Cunha temática similar, "Roll Your Moneymaker" (1958) de Shakey Jake Harris é a última canción que puido inspirar a Elmore James para o seu tema. De feito, ata pode dicirse que son versións dunha mesma canción. No de Shakey Jake Harris participa Willie Dixon á guitarra.


Das versións de "Shake Your Moneymaker" non podemos esquecernos da que Fleetwood Mac incluíu no seu debut Fleetwood Mac (1967) cando Peter Green aínda formaba parte da banda e os derroteiros do grupo transitaban polo blues.

venres, 14 de novembro de 2014

Seven Wonders

Xunto con Rumours (1977) e Tusk (1979), Tango in the Night (1987) é o disco máis coñecido para o gran público de Fleetwood Mac. O éxito debeuse sen dúbida ó repertorio que a banda seleccionou e a unha boa escolla dos singles, pois hai que recoñecer que Stevie Nicks, Christine McVie e Lindsey Buckingham estaban nun gran momento compositivo e saíulles un álbum redondo. O segundo single, "Seven Wonders", é das cancións máis populares de Fleetwood Mac, unha das composicións que Stevie Nicks achegou ó álbum, aínda que o mérito non é todo dela, xa que é unha das escasas cancións que veñen asinadas ademais por algúen que non pertence á banda. Neste caso, Stevie Nicks escribiuna xunto a compositora de Texas Sandy Stewart, que se encargou principalmente da letra e a gravou nunha maqueta para que Stevie Nicks a xulgase e fixese as modificacións pertinentes. 


Parece que as bases de "Seven Wonders" aproveitounas pouco despois Stevie Nicks para unha das cancións do seu disco en solitario The Other Side of the Mirror (1989). O son de "Juliet" está tomado dunha remestura de "Seven Wonders", polo que é difícil indentificar unha canción con outra, á parte da voz de Nicks, naturalmente.


Outra cousa é a canción de Pictureplane "Goth Star", pertencente a Dark Rift (2009) onde toma directamente o son de "Seven Wonders" para darlle entidade ó seu propio tema. 


E igual que fixo Pictureplane, Classixx tamén samplea "Seven Wonders" en "Hanging Gardens", canción que titula o álbum de debut deste dúo de música electrónica que se publicou en 2013.

xoves, 19 de xuño de 2014

Bring on the Night

Pasa a miúdo que as cancións que non se elixen como single dun álbum se esquezan con máis facilidade. Se por riba se trata dun álbum ateigado de cancións que chegan a marcar a traxectoria dunha banda, é normal que as que non foron single non se recorden tanto. Isto pode aplicarse á canción de hoxe, "Bring on the Night", pertencente ó segundo disco de The Police Reggatta de Blanc (1979), que sen ser unha mala canción, desde logo non é das que máis demandarían os fans nun hipotético concerto do trío londiniense. Con todo, "Bring on the Night" ten o encanto necesario para inspirar cancións, e por iso imos dedicarlle unha entrada. "Bring on the Night" é unha das poucas cancións de Reggatta de Blanc que está asinada unicamente por Sting e o riff da guitarra que se emprega nela fixo que estivese presente nun tema de Stevie Nicks.

http://youtu.be/Bz1mEMiNPHQ

Porque o certo é que cando a vocalista de Fleetwood Mac decidiu voar pola súa conta procurou que o seu debut estivese á altura do que facía coa banda. Así que se rodeou de músicos coma Tom Petty e os compoñentes de Eagles, Don Henley e Don Felder, ademais de elixir de produtor a Jimmy Iovine para sacar adiante Bella Donna (1981). Stevie Nicks compuxo a meirande parte das cancións, coma "Edge of Seventeen", que curiosamente na base recorda lixeiramente á canción de The Police.

http://youtu.be/Dn8-4tjPxD8

Pero ademais, "Edge of Seventeen" acabou por formar parte de "Bootylicious", unha das cancións que forman parte do terceiro disco de Destiny's Child Survivor (2001). O grupo de Beyoncé Knowles apropiouse do riff de guitarra da canción de Stevie Nicks, aínda que exactamente habería que dicir que se apropiou do da canción de The Police, non si?

http://youtu.be/Zydy7liui7g

xoves, 23 de xaneiro de 2014

Go Your Own Way

Boa parte do álbum Rumours (1977), un dos máis exitosos na carreira de Fleetwood Mac, está alimentado polas constantes tensións que vivían os integrantes do grupo. Os problemas na vida privada cada vez estaban máis presentes no traballo de composición e gravación dese álbum e ameazaban o futuro da banda. Con todo, a vertente profesional predominou a situación e Rumours deixou constancia dun dos períodos máis complicados polos que pasou Fleetwood Mac en forma dunhas excelentes cancións. Posiblemente, a máis representativa sexa "Go Your Own Way", escrita por Lindsey Buckingham en torno a súa conflitiva relación con Stevie Nicks. "Go Your Own Way" escolleuse como single de promoción e pronto se situou como un dos máis vendidos en todo o mundo.


Nos últimos anos, algúns artistas non dubidaron en empregar "Go Your Own Way" nalgunha das súas composicións, e como acostuma nestes casos, ningunha desas cancións novas consegue facerlle sombra á orixinal. O último Karl Wolf, que co mesmo título, fixo unha especie de versión en 2013, acompañado de Reema Major.


Aínda que das versións máis sorprendentes de "Go Your Own Way" é sen dúbida a de Biffy Clyro en 2004 en clave garage rock.





martes, 5 de novembro de 2013

Boom Boom

A importancia que o blues tivo para o rock mantívose durante boa parte dos anos 60, cando xa o rock estaba chegando á plena consagración. Non obstante, os novos músicos que participaban na evolución deste estilo tiñan moi presentes ós vellos músicos de blues, que pola súa banda, seguían dedicándose á súa paixón seguindo as pautas clásicas, pero sen perder de vista o novo devir que estaba tomando a música feita por guitarras. John Lee Hooker era xa case unha lenda cando en 1962 cando publicou o seu terceiro álbum de longa duración Burnin' que contén unha canción que hoxe é todo un clásico do blues "Boom Boom" e que, ademais das versións que se teñen feito, infuíu no estilo musical dalgúns dos grandes grupos que naceron nesa década.

http://youtu.be/X70VMrH3yBg

Nos comezos de Fleetwood Mac, o blues dominaba o estilo das cancións da banda. Peter Green, daquela o principal compositor, escribiu "Oh Well", un dos primeiros singles que viu a luz. Editado en 1969, "Oh Well" contén dúas partes ben diferenciadas. Na cara A aparece a "Part 1", cun son herdado precisamente dos mellores músicos de blues e onde a influencia de Hooker déixase notar. "Oh Well, Part 2" é un tema instrumental sen máis acompañamento que unha guitarra acústica. En calquera caso, ofrecémosvos ás dúas.

http://youtu.be/b19PcuJsQbA

Centrémonos de novo na primeira parte de "Oh Well" porque o seu son tamén ía ser decisiva na composición doutro dos grandes temas con que Led Zeppelin nos ten obsequiado na súa carreira. "Black Dog", do álbum Led Zeppelin IV (1971) comeza cuns versos e un son inspirados no tema de Fleetwood Mac.

http://youtu.be/52NTaShUqVw

venres, 16 de agosto de 2013

Rhiannon

Con moita frecuencia, a literatura ten un poder inmenso para inspirar cancións. Son milleiros ás letras baseadas nalgunha historia escrita previamente, que cobran unha forma nova como cancións contemporáneas. Un exemplo é "Rhiannon", do álbum epónimo de Fleetwood Mac. Stevie Nicks escribiuna tras ler unha novela de Mary Leader, titulada "Triad", que á vez se basea nalgunhas lendas medievais galesas. Foi un momento importante, xa que había pouco tempo que Nicks se acababa de unir a Fleetwood Mac e o grupo estaba en pleno proceso de refundación e esta foi unha das primeiras contribucións que Stevie Nicks lle fixo ó proxecto.


A historia mitolóxica de Rhiannon engaiolou de tal xeito a Steve Nicks que uns anos despois volveu escribir sobre ela noutra canción de Fleetwood Mac. Foi no emblemático disco Tusk (1980) e chámase "Angel", curiosamente un título que Fleetwood Mac xa tiña no seu repertorio anterior á chegada de Steve Nicks.


Pero volvendo a "Rhiannon" e mais en concreto ó seu son, veremos que se reproduce tamén na canción de Hole "Starbelly", do álbum Pretty on the Inside (1991). Pódese dicir que en realidade é un fragmento de "Rhiannon" conservando á voz de Stevie Nicks ó que Courtney Love e as súas colegas só se limitaron a engadirlle unhas cantas guitarras eléctricas, algo que non só reducen á canción de Fleetwood Mac, xa que tamén o combinan co riff de guitarra de "Cinnamon Girl", o tema de Neil Young pertencente a Everybody Knows This Is Nowhere (1969).

xoves, 18 de abril de 2013

Albatross

A primeira etapa de Fleetwood Mac está marcada por un maior apego da banda ó blues e ó rock, coa guitarra de Peter Green como protagonista indiscutible de case tódalas composicións. A súa forma de tocar serviulle de modelo a moitos guitarristas que non dubidaron en imitar a Peter Green. Deses primeiros anos da formación, destaca "Albatross", unha canción instrumental asinada polo propio Green, que viu a luz en 1968 como single independente que sería recompilado un ano máis tarde no disco English Rose (1969), o primeiro álbum de "grandes éxitos" da banda que ata o momento, só publicara dous discos de longa duración, os dous editados un ano antes.


A popularidade que acadou "Albatross" no ano 1968 conquistou tanto a John Lennon coma a Paul McCartney, que se inspiraron no son desta canción para compór "Sun King", un dos temas de Abbey Road (1969).



luns, 31 de decembro de 2012

Man of the World

Dos singles que Fleetwood Mac ten publicado sen incluílos finalmente nun álbum destaca "Man of the World", que viu a luz en 1969, á espera de que a banda de Mick Fleetwood, Jeremy Spencer e Peter Green gravasen o terceiro álbum de larga duración da banda Then Play On, que sairía á venda ese mesmo ano. "Man of the World" está asinada por Peter Green.


O quinto álbum de Lightning Seeds Tilt (1999), a banda comandada por Ian Broudie, contén o tema "I Wish I Was in Love" cuxas bases se asentan na canción de Fleetwood Mac. De "I Wish I Was in Love" fixo unha versión Scarboro Aquarium Club, que vos pomos agora ante a imposibilidade de atopar a versión orixinal.

venres, 20 de xullo de 2012

Everywhere

Despois do exitoso Rumours (1977) Fleetwood Mac non acadaría de novo un éxito semellante ata dez anos máis tarde coa publicación de Tango in the Night (1987), unha colección na que estaban incluídos algúns dos temas máis coñecidos e recordados de Fleetwood Mac. "Seven Wonders" , "Big Love", "Little Lies" e "Everywhere" son algunhas das xoias que lograron que Tango in the Night fose un dos grandes discos dos anos 80. "Everywhere", asinado por Christine McVie, foi o segundo single tras "Family Man".


Versionada e sampleada en diversas ocasións, quizais sexa o tema de Cut Copy "Take Me Over", do álbum Zonoscope (2010) a que mellor lle faga xustiza. Considerada a canción máis pop do disco polo guitarrista Tim Hoey está á altura dos mellores temas de música electrónica desta banda australiana.

xoves, 16 de febreiro de 2012

Annabel Lee

En 1987  Radio Futura, unha das bandas que logrou sobrevivir á Movida e se convertiu en todo un referente do pop-rock en España, publicou o seu cuarto traballo discográfico La Canción de Juan Perro. Un dos singles que se publican é "Annabel Lee", unha adaptación bastante fiel do poema homónimo de Edgar Allan Poe e que constitúe a única canción que non leva a firma de Santiago Auserón. O videoclip, realizado polo programa de televisión La Bola de Cristal, reflicte a mesma atmosfera que impregna o poema e representa talvez, a mellor homenaxe a Poe da música española.


En 2004 apareceu o disco Arde La Calle. Un Tributo a Radio Futura onde as principais voces do pop-rock en España versionaban as cancións dos irmán Auserón e compañía. "Annabel Lee" tocoulle a outro grande, Bunbury, ex líder de Héroes del Silencio.


 http://youtu.be/-H--oC39y2U

Curiosamente, en maio de 2011, Stevie Nicks publicou un novo álbum en solitario, In Your Dreams, que contiña a súa propia adaptación do poema de Poe. A música está composta por Stevie Nicks e Waddy Wachtel.

 http://youtu.be/chlD_LDYlHQ

martes, 14 de febreiro de 2012

Dreams

En febreiro de 1977 Fleetwood Mac publicou Rumours, o segundo álbum trala incorporación de Lindsey Buckingham e Stevie Nicks e que supuxo un achegamento a un son máis comercial. Mais o prezo que tivo que pagar a banda angloamericana polo éxito masivo que estaban a colleitar trala extensa xira do álbum anterior foi moi caro. As relacións persoais entre os membros da banda comezaron a deteriorarse dunha maneira notable e nese ambiente gravouse Rumours, que co tempo sería un dos traballos máis recordados de Fleetwood Mac, grazas entre outras cancións a "Dreams", unha canción de Stevie Nicks que reflicte moi ben o momento que estaban atravesando.


En 1998 publicouse un álbum de tributo a Fleetwood Mac onde outros artistas interpretaban os seus éxitos. Unha das versións máis destacadas é a da banda irlandesa The Corrs que souberon darlle o seu persoal toque folk a "Dreams". Legacy: A Tribute to Fleetwood Mac's Rumours recolle o mellorciño desta banda.

 http://www.goear.com/listen/db43e0d/dreams-the-corrs

"Dreams" foi versionada tamén por outros moitos artistas que, ou ben publicaban álbums con versións das súas cancións favoritas, ou ben aproveitaban para enlazar esta canción con outras propias no transcurso dun concerto. Destacamos a versión que The Morning Benders realizaron para o seu traballo de versións The Bedroom Covers de 2008.

 http://www.goear.com/listen/439dcf8/dreams-fleetwood-mac-cover-the-morning-benders

mércores, 4 de xaneiro de 2012

All Your Love (I Miss Loving)

Otis Rush é un cantante de blues procedente de Filadelfia que, coa seu particular xeito de toca-la guitarra, creou o que se deu en chamar o West Side Chicago blues e que influiu de maneira decisiva en artistas posteriores coma Eric Clapton, quen versionou algún das súas cancións. "All Your Love" é unha das súas composicións máis recoñecidas.  Saiu como single en 1958 co sello Cobra e nos músicos de sesión que interviñeron na gravación destaca Ike Turner á guitarra.  Foi versionada en numerosas ocasións; as máis importantes foron a de Aerosmith en 1977, Gary Moore en 1990 e a máis recente a dos veteranos Steve Miller Band en 2010.


Á parte destas versións, que elevaron as composicións de Rush á categoría de clásicos do blues, "All Your Love" tamén é moi recordada pola influencia que tivo noutras cancións que o tempo convertiu en imprescindibles de calquera repertorio de música moderna, malia a que a referencia a Rush non sempre foi moi recoñecida. A primeira delas refírese a popularísima "Black Magic Woman", escrita por Peter Green, un dos fundadores de Fleetwood Mac e que apareceu no álbum de 1968 English Rose, dous anos antes de que Fleetwood Mac pechase a súa primeira etapa marcada polo blues e incorporase como vocalista a Stevie Nicks, que se acabaría convertendo na voz que caracterizase toda a carreira posterior de Fleetwood Mac.


"Black Magic Woman" non suporía un éxito masivo para Fleetwood Mac, entre outras cousas porque dous anos despois o guitarrista mexicano Carlos Santana faría unha espectacular versión que o catapultaría á fama, ata o punto de asociar a canción como orixinal súa. O mérito de Santana débese a que a nova versión está combinada con "Gypsy Queen", unha canción de 1966 do músico húngaro Gábor Szabó, mesturada con ritmos latinos e sons procedentes do jazz. O efecto resultante é unha amálgama de estilos diversos que crean unha peza única. Inclúese no álbum Abraxas (1970).

  http://www.goear.com/listen/3bc99b3/black-magic-woman-santana

Pero volvamos de novo á canción de Rush. "All Your Love" aínda serviría de base en 2009 para unha nova composición de toda unha lenda da música folk. E é que, nin máis nin menos que Bob Dylan, fonte inagotable de inspiracións para outros artistas e que tamén soubo aproveitar as melodías da música tradicional, publicaba ese mesmo ano o álbum Together Through Life que incluia a canción "Beyond Here Lies Nothin'" cun parecido sospeitoso a "All Your Love".

 http://www.goear.com/listen/2fac486/beyond-here-lies-nothing-bob-dylan