xoves, 19 de xuño de 2014

Bring on the Night

Pasa a miúdo que as cancións que non se elixen como single dun álbum se esquezan con máis facilidade. Se por riba se trata dun álbum ateigado de cancións que chegan a marcar a traxectoria dunha banda, é normal que as que non foron single non se recorden tanto. Isto pode aplicarse á canción de hoxe, "Bring on the Night", pertencente ó segundo disco de The Police Reggatta de Blanc (1979), que sen ser unha mala canción, desde logo non é das que máis demandarían os fans nun hipotético concerto do trío londiniense. Con todo, "Bring on the Night" ten o encanto necesario para inspirar cancións, e por iso imos dedicarlle unha entrada. "Bring on the Night" é unha das poucas cancións de Reggatta de Blanc que está asinada unicamente por Sting e o riff da guitarra que se emprega nela fixo que estivese presente nun tema de Stevie Nicks.

http://youtu.be/Bz1mEMiNPHQ

Porque o certo é que cando a vocalista de Fleetwood Mac decidiu voar pola súa conta procurou que o seu debut estivese á altura do que facía coa banda. Así que se rodeou de músicos coma Tom Petty e os compoñentes de Eagles, Don Henley e Don Felder, ademais de elixir de produtor a Jimmy Iovine para sacar adiante Bella Donna (1981). Stevie Nicks compuxo a meirande parte das cancións, coma "Edge of Seventeen", que curiosamente na base recorda lixeiramente á canción de The Police.

http://youtu.be/Dn8-4tjPxD8

Pero ademais, "Edge of Seventeen" acabou por formar parte de "Bootylicious", unha das cancións que forman parte do terceiro disco de Destiny's Child Survivor (2001). O grupo de Beyoncé Knowles apropiouse do riff de guitarra da canción de Stevie Nicks, aínda que exactamente habería que dicir que se apropiou do da canción de The Police, non si?

http://youtu.be/Zydy7liui7g

Ningún comentario:

Publicar un comentario