Ademais de bo músico, a Prince tamén se caracteriza a súa faceta coma mecenas de artistas, especialmente femininas, que co seu apoio explícito vían respaldada unha carreira que seguramente pasaría desapercibida en caso contrario. Recórdase especialmente a Martika, unha compositora que chegou ó máis alto a finais dos 80 e comezos dos 90. Iso si, sempre é conveniente precisar e matizar que antes de traballar con Prince, Martika soubera atraer ela soíña a atención de todo o mundo co segundo single do álbum epónimo co que debutou en 1988. Escrita con Michael Jay, "Toy Soldiers" está a camiño entre unha balada e un tema de rock que se visibiliza sobre todo no retrouso. A canción logrou colocarse nos primeiros postos das listas de vendas de medio mundo en 1989.
Como é costume en moitos artistas anglosaxóns, Martika gravou o seu gran éxito en castelán co obxectivo de achegarse ó público latino e como normalmente sucede nesas situacións, non tivo unha gran acollida, pero sempre é de agradecer o esforzo dos músicos por gravar nunha lingua que non sempre dominan.
O mundo do hip hop tampouco se esqueceu de "Toy Soldiers". A canción máis importante que se fixo nestes últimos anos modificando a canción de Martika é a de Eminem "Like Toy Soldiers", recollida no álbum Encore (2004).
Ningún comentario:
Publicar un comentario