Amosando publicacións coa etiqueta Neneh Cherry. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Neneh Cherry. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de febreiro de 2016

Troglodyte (Cave Man)

Jimmy Castor Bunch non destacou especialmente na escena funk dos setenta, onde a enorme cantidade de grupos e cantantes que se dedicaban a este novo xénero, xeralmente en Estados Unidos, ía en aumento, pero con todo, puido asinar uns cantos singles de gran repercusión do seu momento, como é o caso de "Troglodyte (Cave Man)". Esta canción pertence ó seu segundo álbum, It's Just Begun (1972) e constituíu o seu maior éxito dunha traxectoria que se alongaría ata ben entrada a década dos oitenta. Con este single, Jimmy Castor Bunch acadou os primeiros postos nas listas de R&B estadounidenses, pero o maior triunfo de "Troglodyte (Cave Man)" foi o de ser unha das cancións favoritas dos músicos de hip hop e de electrónica, quen coas súas continuas revisións lograron que a canción de Jimmy Castor Bunch non pasase nunca de moda.


Neneh Cherry foi unha das cantantes que recorreu algunha vez a "Troglodyte (Cave Man)". O son da canción de Jimmy Castor Bunch pode atoparse en "Kisses on the Wind", canción pertencente ó álbum de debut desta artista sueca, Raw Like Sushi (1989).


Tamén Christina Aguilera nun dos seus discos máis maduros, Back to Basics (2006), bota man de "Troglodyte (Cave Man)" na canción "Back in the Day".

xoves, 3 de decembro de 2015

The Pusher

Parece que a discografía de Steppenwolf só se reduce a arquicoñecida canción "Born to Be Wild", inmortalizada na película Easy Rider e protagonista de calquera escena dominada polas motos. Pero o certo é que a banda sonora do film de Peter Fonda nútrese tamén doutro tema que forma parte do álbum epónimo de Steppenwolf co que a banda de Toronto se deu a coñecer en 1968. Falamos de "The Pusher", unha canción que escribiu o músico e compositor Hoyt Axton, e que lle cedeu a Steppenwolf antes de gravala el mesmo uns anos despois.


Nina Simone levou ó seu terreo "The Pusher" no álbum It Is Finished (1974) e esta versión soul é das escasas que se apartan do son rock que caracteriza a maioría das que se teñen feito desta canción.


Neneh Cherry baseou a súa canción "Trout" do álbum Homebrew (1992) en "The Puscher", ademais de que tamén conta co famoso sample de batería da canción de Led Zeppelin "When the Levee Breaks". Nesta canción de Neneh Cherry participa Michael Stipe, líder de REM.


Unha das últimas versións máis importantes que se fixeron de "The Pusher" é a de Blind Melon no álbum Nico (1996).


venres, 30 de decembro de 2011

It's a Man's Man's World

James Brown é un dos referentes da música soul e o R&B, ademais de estar considerado o creador do funk. Non deixaba indiferente a ninguén nos seus concertos, cargados dun ritmo electrizante. Cancións  como "I Got You (I Feel Good)" e "Get Up (I Feel Like Being a) Sex Machine" serán recordadas sempre, sobre todo porque foron popularizadas tanto no cine coma na televisión. Pero hoxe imos a ocuparnos doutro dos seus clásicos: "It's a Man's Man's World", incluído no álbum homónimo publicado en 1966. Escrita polo propio James Brown e Betty Jean Newsome, baséase nas observacións de Betty sobre as relacións entre sexos. O título é unha parodia dunha comedia de 1963 titulada "It's a Mad  Mad Mad Mad World".


As versións que se fixeron desta canción son innumerables. Artistas como Tom Jones, Seal, Joss Stone, Cher, Van Morrison e Etta James entre outros moitos artistas gravárona nalgún dos seus discos (En Espña destaca a adaptación que fixeron Los Tamara), e mesmo serviu como sampling de cancións de Alica Keys e Macy Gray. Non obstante, ímosche presentar a canción de Neneh Cherry "Woman", incluída no seu álbum de 1996 Man, que constitúe unha réplica á canción de Brown, tomando á súa base. A irmá de Eagle Eye Cherry e Titiyo gañara popularidade dous anos antes tras colaborar co músico senegalés Youssou N'Dour na canción "Seven Seconds", de contido antirracista, malia a que Neneh Cherry comezara a súa carreira profesional a comezos dos anos 80.

 http://youtu.be/z0W212af1uk

"It's a Man's Man's World" tamén serviu de base para o primeiro gran éxito de Alicia Keys "Fallin'", do seu debut Songs in A Minor, de 2001.

http://www.goear.com/listen/c7076f6/fallin-alicia-keys