Amosando publicacións coa etiqueta Small Faces. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Small Faces. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de maio de 2015

Itchycoo Park

Outra das grandes bandas británicas dos sesenta é Small Faces formada por Stevie Marriot, Ronnie Lane, Kenney Jones e Jimmy Winston. Small Faces é un dos grupos máis representativos do movemento mod e malia ós poucos anos que estivo en activo durante a súa primeira etapa  antes de que algúns dos seus membros formasen logo Faces, deixaron unha fonda pegada cos seis discos editados durante os anos 1966 e 1969. No cuarto álbum, publicado xa a finais de 1967, There Are But Four Small Faces, recóllese a canción "Itchycoo Park", editada como single uns meses antes e que acadou os primeiros postos das listas británicas. 


Na reedición do álbum de M People Bizarre Fruit (1994), que se publicou un ano despois, o grupo dance incluíu unha versión de "Itchycoo Park" en clave house, que hoxe é considerada por moitos como a mellor que se ten feito desta canción de Small Faces. Certo ou non, o caso é que é totalmente diferente.

luns, 23 de decembro de 2013

Gloria in Excelsis Deo

Vanse achegando unhas datas sinaladas no calendario coma é o tempo de Nadal. Dende tempos pretéritos é unha gran festa onde a música é un dos elementos que non poden faltar nesta celebración. Na tradición, contamos coas panxoliñas, de corte popular, e tamén con himnos e cantos gregorianos, de corte máis culto, que normalmente estaban reservados para a liturxia relixiosa que conmemora o nacemento de Xesús. Algunhas pezas coma o "Gloria in Excelsis Deo", un dos máis antigos, intérpretase de maneira continuada en Nadal e por tanto, é dos máis coñecidos. Conta cun sinfín de versións que van desde os coros ata a elaboración de orquestras sinfónicas. Con el, aproveitamos para desexarvos un Feliz Nadal.


E o caso é que este himno inspirou un dos temas do segundo disco de Small Faces From the Beginning (1967). "My Mind's Eye" foi un dos singles que editaron meses antes da saída do álbum, concretamente en novembro de 1966, semanas antes do Nadal, e iso que daquela aínda non existía esa teima tan forte que lles dá agora ós artistas de obsequiar os seus fans con cancións sobre o Nadal.

mércores, 17 de xullo de 2013

You Still Believe in Me

Con Pet Sounds, o álbum de maio de 1966, os Beach Boys confirmaban que eran algo máis ca unha banda para pórlle banda sonora a cada verán, con letras facilonas e ritmos pegadizos. E é que o grupo de Brian Wilson levaban algún tempo facendo unhas canción innovadoras polo seu son psicodélico, sempre combinado coas melodías vocais dos componentes. "You Still Believe in Me", o segundo corte do álbum, é un fermosa balada de apenas dous minutos e medio, que nos presenta a cara máis romántica dos mozos da praia, afastados desa imaxe característica que relaciona os Beach Boys coas praias californianas e o surf. Leva o selo de Brian Wilson, ó que axudou Tony Asher coas letras.


Na mesma liña e con ecos de "You Still Believe in Me", Small Faces gravaron "Just Passing" na cara B do single "I Can't Make It", que publicaron en 1967. Tamén ten en común coa canción de The Beach Boys a súa brevidade.

martes, 23 de abril de 2013

Everybody Needs Somebody

Xunto con Jerry Wexler e Bert Berns, Solomon Burke escribiu unha das mellores cancións soul que se coñecen: "Everybody Needs Somebody". Cun ritmo moi bailable e optimista, non tardou moito en ser versionada por algúns dos principais artistas do momento. Era o ano 1964 e Solomon Burke xa colleitara uns cantos éxitos como cantante de gospel aínda que a fama chegoulle tras fichar pola discográfica Atlantic, coa que editou numerosos singles desde o comezo dos 60, mais "Everybody Needs Somebody"  é talvez o máis recordado.


A lista de versións é moi ampla e destacan de maneira significativa a dos Stones, así como a de Wilson Pickett e a de Dusty Springfield, pero imos quedar cunha canción baseada en "Everybody Needs Somebody". Trátase dun dos primeiros éxitos de Small Faces, "Watcha Gonna Do About It", tema co que se deron a coñecer en 1965 e que pertence ó disco epónimo da banda pola que pasaron Rod Stewart e Ronnie Wood.

xoves, 15 de marzo de 2012

You Need Love

Willie Dixon, un afamado compositor dos anos 60, escribiu "You Need Love", unha marabillosa canción que lle entregou a Muddy Waters, un consagrado cantante de blues que a gravou en 1962 e publicouna como cara B do seu single "You Shook Me".


A primeira versión que se ten deste tema débese á banda inglesa Small Faces, que a gravaron co título de "You Need Loving" para o seu álbum homónimo e de debut de 1966.


Pero o encanto da música de Muddy Waters non só atrapou a Small Faces, senón que un dos grandes grupos de rock de tódolos tempos, Led Zeppelin, ía tomalo como un dos seus referentes principais, de tal xeito que Robert Plant, que estaba prendado da versión orixinal de Waters, compuxo "Whole Lotta Love" xunto co resto dos seus compañeiros para o álbum Led Zeppelin II (1969).

 http://www.goear.com/listen/37b003d/whole-lotta-love-led-zeppelin

Malia ás acusacións de plaxio que anos máis tarde ensombrecerían a canción de Led Zeppelin, "Whole Lotta Love" foi todo un éxito que fixo esquecer tanto a versión de Waters coma a de Small Faces e, unha vez máis, proba disto é a enorme cantidade de versións que se fixeron do tema de Led Zeppelin. Unha das últimas máis populares da man de Carlos Santana en 2010. Pero á marxe dos covers, "Whole Lotta Love" tamén serviu de sample para outras cancións. Quen lle ía dicir a Willie Dixon que a súa primitiva creación ía inspirar a tantos grupos. Como exemplo, deixámosvos un deses samples, concretamente a canción de  The Prodigy "Rhythm Of Life", que apareceu na cara B do single "One Love", presentación do seu segundo álbum de estudio Music for the Jilted Generation (1994).

 http://youtu.be/0KUG8LGkvpE