Amosando publicacións coa etiqueta Kanye West. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kanye West. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de xaneiro de 2016

P.Y.T (Pretty Young Things)

No fabuloso álbum de Michael Jackson, Thriller (1982) cada unha das nove cancións que o compoñen  ten o seu encanto propio, aínda que algunhas cancións posúen unha luz propia moito máis intensa ca outras. Nesas últimas podemos encandrar o corte 8, "P.Y.T (Pretty Young Things)", un tema composto por Quincy Jones e James Ingram e que saíu como sexto single dun traballo que culminaba unha etapa dourada na carreira de Michael Jackson. E con todo, "P.Y.T (Pretty Young Things)" é unha das cancións máis versionadas de Thriller, ademais de sentar as bases doutras tantas cancións que a empregaron de fonte para a súa elaboración.


Unha delas é a de Monica "All Eyez on Me", do álbum do mesmo título, editado en 2002, onde a cantante estadounidense interpola partes da canción de Michael Jackson para darlle contido ó seu tema.


Outra que tamén rende tributo a "P.Y.T (Pretty Young Things)" é "Good Life", canción que se inclúe no álbum de Kanye West Graduation (2007), pero desta volta o rapeiro optou só por empregar a melodía dos teclados.

luns, 5 de outubro de 2015

Kid Charlemagne

Como moitas bandas de rock progresivo dos setenta, Steely Dan procurou buscar un son propio que distinguise a súa música da que facían os seus contemporáneos e logrouno a través do jazz, un xénero que non era moi frecuente atopar en consonancia co rock. Ademais, a banda composta por Walter Becker e Donald Fagen engadiulle a súa proposta os ritmos do funk que nalquel momento parecían que ían tomar a mesma relevancia que o rock. Así que coas doses adecuadas de cada xénero, a fórmula de Steely Dan resultaba única e gozaba do aplauso da crítica. No quinto álbum de Steely Dan, The Royal Scam (1976), está "Kid Charlemagne", single de presentación, no que participa nas percusións o famosísimo batería Bernard "Pretty" Purdie. 


Kanye West recorreu a esta canción de Steely Dan para crear "Champion", un dos trece temas de Graduation (2007).

luns, 16 de marzo de 2015

Heartless

Que o talento de Kanye West é tan grande coma o seu ego é algo que saben os que levan tempo seguindo a traxectoria deste artista, que dotou ó  hip hop dunha estética próxima ó glamour. Antes de que West firmase o seu mellor traballo discográfico en 2010 con My Beautiful Dark Twisted Fantasy, xa deixara constancia de que era un rapeiro feito dunha pasta diferente nos catro anteriores discos. Cada vez máis achegado á perfección, en 808 & Heartbreak (2008) xa se notan algunhas claves que ía extrapolar nos seguintes álbums e que Kanye West se encargaría de ir pulindo entre disco e disco. Unha das cancións máis destacadas de 808 & Heartbreak é "Heartless", unha das poucas totalmente orixinais que non precisou de elementos alleos para a súa composición.


Tampouco deixa de ter o seu aquel que unha das cancións máis orixinais de Kanye West sexa das máis versionadas, sobre todo por grupos e artistas afastados do hip hop. Un dos mellores exemplos é a versión  pop rock de The Fray, que se atopa na reedición do álbum epónimo da banda de Denver, publicado en 2009.

mércores, 8 de outubro de 2014

Avril 14th

Richard D. James é dos músicos de música electrónica que adoitan agocharse baixo varios pseudónimos para traballar en distintos proxectos. Aphex Twin é quizais co que colleu máis sona, a pesar do paréntese de cino anos que se tomou trala publicación do cuarto disco no afastado 1996. Pero nese lustro estivo preparando un dobre álbum que vería a luz en 2001 co título Drukqs. Agora que Aphex Twin volve á actualidade cun novo traballo, Syro (2014), vale a pena rescatar unha das cancións de Drukqs que máis relevancia tivo, e non precisamente polo ton electrónico, xa que se trata dunha balada instrumental a piano que logrou engaiolar mesmo a Kanye West. Trátase naturalmente de "Avril 14th", unha canción que non chega ós dous minutos de duración, pero cunha fermosa melodía.


Como xa comentabamos antes, a curta duración de "Avril 14th" foi suficiente para que Kanye West ensamblase unha das cancións máis bonitas de My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010). Acompañado de John Legend, "Blame Game" nin sequera foi elixido como single para promocionar o álbum, pero non cabe dúbida de que é unha das mellores cancións dese fantástico disco.

xoves, 8 de maio de 2014

You Showed Me

The Byrds pasou á historia como unha das bandas dos 60 que mellor souberon versionar ós artistas contemporáneos coma Bob Dylan, pero tamén sería inxusto recoñecer que Jim McGuinn e Gene Clark, ademais de excelentes músicos, tamén sabían compór cancións propias cun selo de lonxevidade que triunfaron noutras voces distintas a de The Byrds. É o caso de "You Showed Me", de 1964, que por algún motivo, talvez debido a que The Byrds parecían estar especializados en éxitos alleos, non tivo demasiada repercusión e nin chegou a incluírse nos primeiros discos de longa duración da banda anxelina.


Non obstante, "You Showed Me" gravárona The Turtles no álbum The Turtles Present the Battle of the Bands (1968) e a aceptación da nova versión foi máxima por parte do público e da crítica, tanto que está considerada como unha das mellores cancións de The Turtles. E que a diferencia da orixinal, pois? The Turtles ralentizaron o ritmo, déronlle menos revolucións e aí posiblemente estea o segredo que fai que aínda hoxe moita xente prefira a versión de The Turtles á de The Byrds.


A sona que acadou "You Showed Me" tamén lle valeu para estar detrás doutras cancións coma na do grupo de hip hop De La Soul "Transmitting Live From Mars (Interlude)", pertencente ó álbum 3 Feet High and Rising (1989).


Tamén U2 introduciu algúns acordes de "You Showed Me" no tema "The Playboy Mansion", unha das cancións de Pop (1997).


O último en acordarse de "You Showed Me" para compór unha nova canción foi Kanye West, na canción "Gorgeous", no exitoso My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

xoves, 30 de xaneiro de 2014

Iron Man

"Iron Man" é posiblemente a canción máis recoñecible de Black Sabbath, polo seu riff de guitarra e unhas notas que prenden na memoria cunha gran facilidade. Foi o segundo single extraído de Paranoid (1970), un álbum cunhas boas cancións que hoxe pertencen ó colectivo do heavy métal e na que "Iron Man" destaca de forma significativa. Pensemos que daquela o heavy estaba en pleno proceso de ebulición e cada vez ocupaba un espazo maior nas listas de vendas. Black Sabbath, que comezara a súa andaina apenas dous anos antes e xa contaba con dous discos publicados, era unha boa mostra dos novos ventos que sopraban no rock e que haberían de marcar a primeira metade da década dos 70. Con todo, a banda de Ozzy Osbourne aínda segue activa, dando guerra de vez en cando, e confirmando ese vello dito que di que os rockeiro nunca morren.


Hai versións de "Iron Man" para escoller, pero imos quedar con dúas que máis que versionalas, empregan os acordes de guitarra e a melodía para as súas propias creacións. Os primeiros son os rapaces alemáns de Tanzwut, banda de rock industrial, que no disco de debut Tanzwut (1999) incluían este "Eisenmann", na que homenaxeaban a canción de Black Sabbath.


A segunda canción é "Hell of a Life", de Kanye West, incluída nun dos mellores traballos deste artista de hip hop. Nin máis nin menos que pertence a My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

mércores, 30 de outubro de 2013

In High Places

Malia os anos que Mike Oldfield levaba de traxectoria, cun brillante debut na discográfica Virgin con Tubular Bells, a sona que acadou o músico e compositor inglés con "Moonlight Shadow" situaban a Oldfield no punto de vista de practicamente todo o universo musical. Así que dende o exitoso lanzamento dese single, as demais cancións do álbum Crises (1983) foron analizadas en función do que deparara "Moonlight Shadow". Se ben é verdade que os seguintes singles, así coma o primeiro, "Mistake", non lle fixeron sombra á popularidade da canción estrela, hai que recoñecer que en canto á calidade, estaban á mesma altura, cando non a superaban claramente. Unha das xoias dese disco é "In High Places".

http://youtu.be/oIWZ4dqKmJs

Kanye West tomou prestada á canción para ensamblar "Dark Fantasy", unha das mellores cancións que atopamos no seu excelente traballo My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

http://youtu.be/A5e3ZL5IEcg

luns, 13 de maio de 2013

Cola Bottle Baby

Edwin Birdsong é un dos pioneiros do funk  que aó polos primeiros anos da década de 1970 apostou por un novo son que ameazaba con acabar co dominio que o rock tiña na música contemporánea e que se convertería en referente para xeracións posteriores. En 1979 editou o seu cuarto disco Edwin Birdsong que contén unha das cancións máis recoñecibles deste músico californanio: "Cola Bottle Baby".

http://www.goear.com/listen/f72d81e/cola-bottle-baby-edwin-birdsong

A mellor música electrónica de finais do século XX centrouse practicamente en Francia, onde comezaron a parecer unha serie de dúos que revolucionaron este estilo que trala eclosión dos anos 80 semellaba xa esgotado. Os principais responsables de dinamizar de novo a electrónica e a música house son dous mozos parisinos Thomas Bangalter e Guy-Manuel de Homem-Cristo, que baixo o nome de Daft Punk e caracterizados sempre cuns cascos que lles cobren a cabeza, fixeron que moitos ollos volvesen a ter en conta os estilos destinados á pista de baile. Agora que volveron á actualidade cun novo disco, non está de máis revisar o que está considerado o seu mellor traballo discográfico Discovery (2001), que contén temas como "Harder, Better, Faster, Stronger", baseado no tema de Edwin Birdsong, ó que lle deben en boa parte o son con que Daft Punk se fixeron famosos.

http://www.goear.com/listen/d5b9589/harder-better-faster-stronger-daft-punk

A importancia que adquiriu a música de Daft Punk reflíctese ás veces no estilo hip hop, un bo medidor para comprobar a popularidade de determinadas cancións. Kanye West, posiblemente o mellor artista de hip hop dende hai uns anos, sampleou a canción de Daft Punk (e case se podería dicir que de paso tamén a de Edwin Birdsong) para crear este sensacional "Stronger" no álbum Graduation (2007).

http://www.goear.com/listen/927a6ce/stronger-kanye-west


venres, 5 de abril de 2013

Call Me

Coa chegada dos anos 70 Aretha Franklin estaba disposta a demostrar que o soul e o R&B ían ocupar un lugar destacado na nova década e para iso, nada mellor que a publicación dun novo álbum que Aretha lles proporcionou ós seus milleiros de seguidores co título This Gir's in Love with You (1970) con nove cancións orixinais e a sorpresa da versión de "Let It Be" co que un ano antes os Beatles certificaban a separación do grupo. A penúltima canción dese álbum é "Call Me", unha fermosa balada asinada pola propia Aretha Franklin onde colabora a banda The Swampers.


Como moitas cancións de Aretha, "Call Me" tamén foi aproveitada polos artistas de hip hop para as súas novas creacións, tal como fixo Kanye West para o grupo Slum Village, onde colleu un sample desta canción para "Selfish", unha canción do álbum A Taste of Detroit (2004) no que tamén colabora John Legend.

luns, 10 de decembro de 2012

21st Century Schizoid Man

O rock progresivo viviu unha época de esplendor a finais dos 60 e comezos dos 70 da man dunha serie de bandas que procuraron levar o son rock a uns límites inimaxinables. Unha desas bandas foi King Crimson, formada polos irmáns Giles, Michael e Peter, que xunto cos seus compañeiros Robert Fripp, Greg Lake e Ian McDonald, lograron un virtuosismo moi difícil de acadar. En 1976 publicaron o seu cuarto disco A Young Persons Guide que contén "21st Century Schizoid Man", un tema onde as guitarras son as grandes protagonistas. Leva a asinatura de Peter Sinfield, letrista habitual de King Crimson.


Kanye West, o mellor cantante de hip-hop dos últimos tempos, incluíu un sample deste tema na súa canción "Power" do álbum My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010), toda unha obra mestra deste xénero. Hai que engadir que un dos grandes méritos de Kanye West é o pouco uso que fai de samples nas súas  propias creacións, algo que non repercute de maneira negativa na súa traxectoria.