The Byrds pasou á historia como unha das bandas dos 60 que mellor souberon versionar ós artistas contemporáneos coma Bob Dylan, pero tamén sería inxusto recoñecer que Jim McGuinn e Gene Clark, ademais de excelentes músicos, tamén sabían compór cancións propias cun selo de lonxevidade que triunfaron noutras voces distintas a de The Byrds. É o caso de "You Showed Me", de 1964, que por algún motivo, talvez debido a que The Byrds parecían estar especializados en éxitos alleos, non tivo demasiada repercusión e nin chegou a incluírse nos primeiros discos de longa duración da banda anxelina.
Non obstante, "You Showed Me" gravárona The Turtles no álbum The Turtles Present the Battle of the Bands (1968) e a aceptación da nova versión foi máxima por parte do público e da crítica, tanto que está considerada como unha das mellores cancións de The Turtles. E que a diferencia da orixinal, pois? The Turtles ralentizaron o ritmo, déronlle menos revolucións e aí posiblemente estea o segredo que fai que aínda hoxe moita xente prefira a versión de The Turtles á de The Byrds.
A sona que acadou "You Showed Me" tamén lle valeu para estar detrás doutras cancións coma na do grupo de hip hop De La Soul "Transmitting Live From Mars (Interlude)", pertencente ó álbum 3 Feet High and Rising (1989).
Tamén U2 introduciu algúns acordes de "You Showed Me" no tema "The Playboy Mansion", unha das cancións de Pop (1997).
O último en acordarse de "You Showed Me" para compór unha nova canción foi Kanye West, na canción "Gorgeous", no exitoso My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).
Ningún comentario:
Publicar un comentario