Amosando publicacións coa etiqueta Annie Lennox. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Annie Lennox. Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de maio de 2015

No More I Love You's

A traxectoria de The Lover Speaks foi tan efémera que se perde na voráxine de bandas inglesas que durante os anos oitenta formaron parte da new wave. Este duo formado por David Freeman e Joseph Hughes tan só chegou a publicar un álbum epónimo en 1986, malia a eferverscente actividade daqueles anos que os levou a traballar con Dave Stewart, o cincuenta por cento de Eurythmics, dos que The Lover Speaks foron teloneiros durante unha xira. O álbum The Lover Speaks presentouse co single "No More I Love You's", pero foi acollido con bastante indeferenza por parte do público e da crítica.


No entanto, "No More I Love You's" é unha canción fermosa e o outro cincuenta por cento de Eurythmics, Annie Lennox, non se esqueceu dela ó gravala no seu álbum de versións Medusa (1995). Tanto a discográfica como Annie Lennox estaban tan convencidos de que a canción funcionaría que a elixiron como single de lanzamento. E non se equivocaron. Quen dende aquela non coñece esta sensacional versión?


E claro, ó volverse tan coñecida non sorprende que unhas décadas despois onde a creatividade non é o trazo máis relevante en parte da música máis comercial, unha canción tan susceptible de ser sampleada como "No More I Love You's" remate formando parte de novas cancións, como a de Auburn e Jason Derülo "How Did We", de 2009.


Outra é a de Razah, "I Remember", de 2010, que se basea no mesmo anaco de "No More I Love You's" que a de Auburn.

venres, 21 de marzo de 2014

Take Me to the River

A discografía de Al Green consta de tan fantásticas cancións que sempre é difícil elixir unha. Non obstante, calquera que coñeza un pouco a traxectoria deste músico orixinario de Arkansas non dubidará en sinalar que "Take Me to the River" é un tema imprescindible, unha verdadeira xoia do soul dos anos 70 e unha das mellores cancións desa década da música en xeral. Pero sorprendentemente cando se publicou o álbum na que está incluída, Al Green Explores  Your Mind (1974), nin sequera se escolleu coma single, quedando relegada na listaxe dos temas do álbum coma unha máis, pero pouco a pouco, "Take Me to the River" foi gañando o lugar que lle correspondía.               

http://youtu.be/Pmn2KDiW-kE

O caso foi que a discográfica de Al Green cedeulle esta canción a outro músico, Syl Johnson, que si a editou como single no álbum Total Explosion (1975) e chegou ós primeiros postos das listas de Estados Unidos. Ó pertencer á mesma compañía que Al Green, Syl Johnson gravouna cos mesmos músicos, pero a principal diferenza coa versión orixinal é que a de Syl Johnson introduce unha harmónica que lle dá un novo matiz á canción.

http://youtu.be/VyUE8LXNIFM

Un ano despois aparece a primeira versión en clave rock da man de Foghat no álbum Night Shift (1976).

http://youtu.be/nXVq7VNUPx0

E en 1978 no segundo álbum de Talking Heads More Songs About Buildings and Food, aparece outra exitosa versión de "Take Me to the River".


Annie Lennox tamén a gravou para o seu álbum de versións Medusa (1995).


Pero á marxe das versións, cómpre non esquecerse do tema de Lou Reed "Teach the Gifted Children", que pecha o álbum Growing Up in Public (1980). A canción en si é todo un tributo á de Al Green cun son moi parecido, que na parte final incorpora os coros de "Take Me to the River".

venres, 8 de novembro de 2013

Here Comes the Rain Again

Non se pode entender a música dos anos 80 sen prestarlle atención a Eurythmics, o dúo composto por Annie Lennox e Dave Stewart, que marcou boa parte da banda sonora desa década. O terceiro disco de Eurythmics, Touch (1984) viña precedido do éxito que supuxera "Sweet Dreams", a canción que os lanzou ó Olimpo musical, así que se esperaba que Touch estivese a un nivel parecido. Ábrese con unha das cancións máis lembradas "Here Comes the Rain Again", un tema melancólico, pero tamén dos máis fermosos que escribiu esta parella. Escolleuse como terceiro single tras "Who's That Girl?" e "Right By Your Side" e malia que o título é "Here Comes the Rain Again", moitos a coñecen por "Talk to Me", a frase que marca o retrouso.

A parte de "Talk to Me" é a favorita á hora de empregar esta canción de Eurythmics como sample. Vexamos dous exemplos. O primeiro, a cargo dos neerlandeses Alice DeeJay, na canción "Better Off Alone", un rompepistas que aparecía no disco Who Needs Guitars Anyway? no verán de 1998. Non vos soa moi actual o seu son? En efecto, David Guetta volveuna pór en circulación hai uns meses cunha nova letra, novo título, pero a mesma melodía.
 
Máis recentemente, George Nozuka tamén se inspirou no tema de Eurythmics para presentar o seu primeiro single, que leva precisamente o título de "Talk to Me", tema estrela do seu debut Believe (2007).

luns, 4 de marzo de 2013

Closer Now

No ano 2000 púxose en funcionamento en Reino Unido unha nova banda de pop rock na escena independente co nome de Keane. Composta por Tom Chaplin, Dominic Scott, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes, Keane comezou lanzando singles uns anos antes de que conquistasen ó gran público co seu primeiro álbum Hopes and Fears, de 2004. O single co que debutaron foi "Call Me What You Like", aínda que unha das mellores cancións se atopaba na cara B deste single. "Closer Now".


Curiosamente, pese a estar na cara B dun single e non estar recollida posteriormente en ningún disco, "Closer Now" conta cunha versión de nada máis e nada menos que Annie Lennox, malia que pode parecer unha canción diferente, xa que a ex componente de Eurythmics titulou de forma diferente a súa versión, que se chama "Pattern of My Life". Está incluída no recompilatorio de grandes éxitos The Annie Lennox Collection, publicado en 2009.

martes, 29 de maio de 2012

Train in Vain

Trala eclosión do punk nos anos 70 en Reino Unido coa irrupción dos revolucionarios Sex Pistols, outras bandas británicas promoveron tamén a consolidación deste fenómeno en principio marxinal dentro do rock. Xunto a mencionada banda de Johnny Rotten e Sid Vicious e Jam, a banda de Paul Weller, destaca The Clash, liderados por Mick Jones, que en 1979 publicaban o seu terceiro traballo discográfico London Calling, que contén "Train in Vain", unha xoia ó final do álbum que non aparece no tracklist. Non por iso deixa de ser un dos temas máis importante e recoñecidos da banda británica, moi influente na historia do rock.


Versionada un número considerable de veces por artistas que recoñecen a influencia de The Clash no seu son, unha das máis destacadas é a que fixo Annie Lennox no seu disco de versións  Medusa (1995) dándolle un toque soul.


Como sample aparece na canción de Garbage "Stupid Girl" do seu debut Garbage (1995). A banda do produtor Butch Vig e Shirley Manson empregaron como base o ritmo da batería de "Train in Vain".


"Train in Vain" tamén foi adaptada ó portugués pola banda de rock brasileira Ira!, que a gravaron para un concerto acústico de MTV Brasil en 2004. Titulárona "Pra Ficar Comigo".