Amosando publicacións coa etiqueta La Casa Azul. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La Casa Azul. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de agosto de 2015

Sol (4)

Hoxe volvemos cun novo monográfico sobre o sol, pero desta volta vai estar dedicado só a temas en castelán. Igual que nas entregas anteriores, esperamos que esta selección de cancións sexa do voso agrado. Os seguintes temas son unha mostra de pop e rock das últimas décadas e comezamos coa canción de La Guardia, un grupo de Granada cuxo cuarto disco, Cuando brille el sol (1990), foi dos máis exitosos da súa carreira e a canción homónima, unha das que nunca falta nos seus concertos.


Dese mesmo ano, os mexicanos Maná incluían no seu segundo álbum Falta amor (1990) a canción "Rayando el sol".

https://youtu.be/yH7WrkOSFj4

O terceiro álbum de Mikel Erentxun, Acróbatas (1998), abríase coa canción "A pleno sol", segundo single que extraeu del.

https://youtu.be/5GhhmI0tvw8

A canción que lle daba título ó primeiro álbum de La Oreja de Van Gogh, Dile al sol (1998) foi un dos singles dos donostiarras.

https://youtu.be/Ce0mualv2Fk

A banda de Guille Milkyway, La Casa Azul, editou o seu primeiro disco de longa duración co título de Tan simple como el amor (2003). Nel está a canción "El sol no brillará nunca más".


O primeiro álbum en solitario de Loquillo, Balmoral (2008) estreábase co single "Sol".


Tamén en 2008 aparecía o esperado primeiro álbum de Vetusta Morla, Un día en el mundo (2008), con cancións coma "Rey Sol".

luns, 20 de xaneiro de 2014

Cerca de Shibuya

O estilo "bubblegum" que envolveu o pop a mediados dos anos 60 sempre foi visto con recelo pola crítica máis feroz. Letras sinxeliñas, melodía que se mete na cabeza e non sae, unha produción non moi complicada... pero en todo hai categorías, e non hai que confundir temas pop que apostan por un estilo moi apegado ó "bubblegum" sen renunciar á calidade coas cancións típicas do verán. E por se aínda queda algunha dúbida en onde está a diferenza, só hai que botar unha ollada (ou mellor dito un oído) ós traballos musicais que Guille Milkyway elaborou no seu proxecto La Casa Azul. No ano 2000 vía a luz o primeiro disco El Sonido Efervescente de La Casa Azul onde se atopa unha pequena marabilla como "Cerca de Shibuya", que fixo as delicias de crítica e público cansos da superficialidade que con frecuencia acompaña ó pop. Porque xa se sabe, sinxeleza non sempre é sinónimo de simpleza.

http://youtu.be/X4exRA4E-I4

Fixástevos nas primeirísimas notas coas que comeza "Cerca de Shibuya"? Moitos acordámonos dela ó escoitar a canción de La Oreja de Van Gogh "20 de Enero", que empeza dunha maneira moi similar, aínda que logo non se pareza en nada. "20 de Enero" pertence ó terceiro disco dos donostiarras Lo que te conté mientras te hacías la dormida (2003).

http://youtu.be/_AUgO4HF1Iw

luns, 1 de xullo de 2013

Love so Fine

Nos anos 60 moitos compositores que cedían as súas cancións a terceiros decidiron interpretar eles mesmos as súas propias creacións. Algúns tiveron éxito e a súa andaina transcorreu paralelamente como compositores e cantantes, mentres que outros tiveron que conformarse co éxito a través doutros artistas, xa que por uns motivos ou outros, a súas traxectorias detrás do micrófono non obtivo os resultados desexados. Nun destes últimos casos temos a Roger Nichols, que en 1968 probou sorte cun proxecto chamado Roger Nichols & the Small Circle of Friends, que finalmente non acabou de callar. Non obstante, o único disco que publicou reeditouse en Xapón en1995 tras gravalo de novo e na pasada década volveu reelanzarse a versión orixinal en dúas ocasións, en 2007 e 2008, a última con material extra. A canción que máis sona lle deu a este proxecto é "Love so Fine".


A mellor proba de que esta canción segue viva, está no segundo disco de La Casa Azul Tan simple como el amor (2003). A banda de Guille Milkyway, que recupera o son bubblegum no indie da escena española, revive a Roger Nichols na canción "C'est fini".