Amosando publicacións coa etiqueta James Brown. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta James Brown. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de decembro de 2015

Fame

Despois da intensa experiencia futurista que supuxo Ziggy Stardust para o glam rock, a evolución musical de David Bowie transitou cara a camiños máis convencionais, aínda que sempre buscando unha nova volta de porca, que se traduciu nunha serie de novos discos que nin moito menos se poden considerar menores dentro da extensa produción do Duque Branco. O seguinte paso, entón, foi ocuparse da música soul e do funk, que vivían unha época de esplendor e unha vez máis, Bowie demostra a súa mestría para desenvolverse en calquera tipo de xénero musical e asinar varios traballos discográficos con nota. Un deles é Young Americans (1975), noveno álbum deste camaleónico artista, que se pecha coa canción "Fame", cuxo riff de guitarra creouno Carlos Alomar, músico que traballara na banda de James Brown.



"Fame" é unha marabillosa canción funk que fascinou mesmo ó rei do soul e gran pope do funk James Brown, quen mesmo a finais dese mesmo ano de 1975, editou o single "Hot, (I Need to Be Loved, Loved, Loved)", que reproduce o riff que Alomar creara para a canción de Bowie.

xoves, 16 de xullo de 2015

It's Only Make Believe

A finais dos anos cincuenta o pop melódico con trazos de rockabilly e country atopou unha forma de canalizarse nas voces de novos solistas que foron labrando un nome e que tivo en Elvis Presley o seu maior exponente. Pero xunto ó rei do rock brillan tamén outros artistas coma Conway Twitty, menos coñecidos para o gran público, pero que no seu momento colleitaron varios éxitos, especialmente en Estados Unidos, nutrida canteira de este tipo de artistas. Conway Twitty presentouse co álbum Conway Twitty Sings (1958), onde se inclúe o medio tempo "It's Only Make Believe".


James Brown, que admiraba o traballo de Conway Twitty, inspirouse no retrouso de "It's Only Make Believe" para compór "Lost Someone", single que editou en 1961, que ten o mesmo estilo có de Twitty.


 Cat Power fixo unha versión de "Lost Someone" no álbum Jukebox (2008). Malia que mantén o mesmo ritmo da orixinal, áchase de menos o poderío vocal que atesoura Brown.

xoves, 27 de novembro de 2014

Devils Haircut

O prestixio de Beck como músico aumentou despois da publicación de Mellow Gold (1994) e foi sen dúbida na década dos noventa onde a súa discografía viviu a etapa de maior esplendor, unha reputación que aínda se mantén na actualidade, pois os seus últimos traballos conservan esa chispa que xa se lle adiviñaba en Mellow Gold. Odelay (1996) continuou a boa estela do álbum anterior e é dos máis aplaudidos polos fans e pola crítica especializada. Trátase dun disco ecléctico, no que Beck recolle unha morea de estilos nas trece cancións que o compoñen. Quizais o máis rechamante sexa a influencia que exerceu para este traballo a banda de Van Morrison, Them, que está presente en varias cancións, como en "Jack-Ass", como xa tivemos ocasión de ver. Outra que tamén tirou do repertorio de Them é o segundo single, "Devils Haircut", das máis aclamadas do álbum e que, ademais de Them, Beck aproveita para recuperar unha das cancións do gran batería Pretty Purdie.

http://youtu.be/N3ZsKeX2_7A

Bernard "Pretty" Purdie lograra inculcar protagonismo á bateria, un instrumento fundamental no son, pero que sempre quedaba relegado na presenza doutros. Como xa vimos, creou unha secuencia que despois aparecería en cancións doutros músicos. Pero en "Devils Haircut" Beck rescata unha das cancións de Pretty Purdie, "Soul Drums", do álbum do mesmo título que publicou en 1967.

http://youtu.be/23ihawJKZcE

Them contribúe con dúas cancións para a elaboración de "Devils Haircut". As dúas pertencen ó segundo álbum, Them Again (1966). Unha delas é a versión que os norirlandeses fixeron do tema de James Brown "Out of Sight".

http://youtu.be/GLUYz-cbq5Y

Por certo, a versión orixinal de "Out of Sight" gravouna James Brown en 1964 con son de rhytm&blues.

http://youtu.be/xaOmCHMzXa8

A outra canción de Them é "I Can Only Give You Everything", un tema composto por Mike Coulter e Tommy Scott.

http://youtu.be/VH0G1o8xbt4

mércores, 24 de xullo de 2013

Funky Drummer

Case non hai canción de James Brown que non sexa a nai dunha serie de novos temas inspirados nas notas, nas melodías ou nos riffs saídos da mente do brillante rei do funk. "Funky Drummer" é talvez unha desas cancións que mellor representen ese fenómeno que non adoita acontencer con tódolos artistas do tamaño de James Brown. Editado como single en 1970, habería que esperar a 1986 para velo recollido no recompilatorio In Jungle Groove, "Funky Drummer" está na orixe dalgunhas das cancións que vos ofrecemos hoxe e mesmo se podería dicir que lle saíron netos.


Dúas das últimos cancións que apareceron a raíz do tema de James Brown son os seguintes: "Instrumental nº 2 " de My Bloody Valentine do EP  1988-1990 da banda que sacaron en 2012.


O seguinte é o de Sinéad O'Connor "I Am Stretched on Your Grave" no álbum  I Do Not Want What I Haven't Got que a irlandesa publicou en 1990.


Pero onde de verdade tivo relevancia esta canción de James Brown foi no mundo do hip hop. Concretamente Public Enemy recorreu a el nalgunhas ocasións, pero imos quedar con "Security of the First World" incluída no disco It Takes a Nation of Million to Hold Us Back (1988).


E é que esta canción de Public Enemy está na base dun dos grandes éxitos de Madonna. "Justify My Love", que aparecía no recompilatorio The Immaculate Collection (1990), producido entre outros, por Lenny Kravitz.


E por se fose pouco, a canción de Madonna serviu de sample para outras. A influencia desta canción é significativa no tema de Enigma "Mea Culpa (Part II)" do exitoso disco MCMXC a. D. (1990).


martes, 2 de xullo de 2013

Think (About It)

A James Brown non só lle interesaba a súa propia carreira. Ó longo dos anos o gran cantante tamén apadriñou a outros artistas ós que lles compuña e lles producía os seus traballos. A influencia de Brown quedaba patente nos resultado final e normalmente iso supuña un auténtico trampolín á fama para os novos artistas. Lyn Collins é unha das intérpretes que máis lle debe ó rei do funk e iso que a súa traxectoria foi bastante breve, só dous discos publicados. Pero a voráxine que supuxo "Think (About It)", tema que lle daba título ó primeiro disco da texana (1972), patentou unha canción lendaria que está na orixe de diversas cancións. En certo modo, foi un éxito máis do propio James Brown.

http://www.goear.com/listen/3a82372/think-about-it-lyn-collins-

O primeiro exemplo de que "Think (About It) ía ser un tema inmortal atopámolo algo máis de dez anos despois da súa publicación. En 1987 Roxanne Shante publicaba o álbum Bad Sister onde está incluída a canción "Go On Girl".

http://youtu.be/z6QOpP2Ut5s

Na música hip hop hai unha lista bastante grande de cancións baseadas no tema de Lyn Collins. Unha das maís coñecidas é a canción de Janet Jackson "Alright" do álbum Janet Jackson's Rhythm Nation 1814 (1990).

http://www.goear.com/listen/ddec889/alright-janet-jackson

Tamén de 1990 é a canción de Today "I Got the Feeling", que reproduce o mesmo sample. Incluída no álbum New Formula.

http://youtu.be/Y5lAnSaOHnM

Mais a canción que máis repercusión tivo foi a de Rob Base & DJ E-Z Rock que, a partir de "Think (About It)" crearon outro tema fundamental na música hip hop. "It TakesTwo", do álbum do mesmo título publicado en 1988 tamén foi fundamental.

http://www.goear.com/listen/44b5a47/it-takes-two-rob-base-and-dj-e-z-rock

Iso reflíctese por exemplo no proxecto de Will Smith DJ Jazzy Jeff and The Fresh Prince en "I Wanna Rock" do álbum Code Red (1993).

http://youtu.be/GR7gW7CGBuo

En España, os encargados de introducir o famoso sample de Lyn Collins foron Alaska y Dinarama coa canción "Me habló la televisión", do disco Fan Fatal (1989). Poderiamos seguir pondo máis cancións, pero as elexidas xa son unha mostra máis que suficiente do que chegou a significar "Think (About  It)" a finais dos 80.

http://youtu.be/FL7Z7SqcgK4

mércores, 3 de outubro de 2012

Hot Pants

James Brown ía aumentando a súa lenda con cada single que sacaba. A comezos dos 70, con máis de quince anos no escenario e tras sonados éxitos como "It's a Man's Man's  Man's World" e "I Got You (I Feel Good)", entre outros nos anos 60, Brown decidiu que o cambio de década non ía supoñer un cambio de gustos musicais nos seus fans e polo tanto, seguiu ó pé do cañón enriquecendo a incipiente música funk, que sen dúbida, estaba a atopar o seu oco no mercado discográfico nesa nova década que comezaba. No verán de 1971, James Brown editou o single "Hot Pants", co seu inconfundible estilo de cantar.


A versión máis coñecida deste tema de James Brown gravouna ó ano seguinte Bobby Byrd co título "Hot Pants - I'm Coming, I'm Coming, I'm Coming" coa produción do propio James Brown. O máis significativo da versión de Byrd é o son da batería que introduciu na canción.


A muller de Byrd, a cantante Vicki Anderson, gravou unha canción que servía de réplica a "Hot Pants - I'm Coming, I'm Coming, I'm Coming" titulada "I'm Too Tough For Mr. Big Stuff (Hot Pants)".

http://youtu.be/cLjoJH8ddfs

O son da batería da versión de Bobby Byrd reprodúcese unhas décadas máis tarde na canción dos pioneiros do brit pop Stone Roses "Fools Gold", un single que a banda de Ian Brown editou en 1989 e que se recolleu no recompilatorio de 1992 Turns into Stone.

http://www.goear.com/listen/ac94a57/fools-gold-the-stone-roses

A canción de Stone Roses, ó igual que o tema orixinal de James Brown, non tardou en ser sampleado, pero non só por rapeiros. O grupo pop Bananarama empregou "Fools Gold" na súa propia canción "Only Your Love", do álbum Pop Life (1990).

http://youtu.be/0pqBEiZmBGY

venres, 30 de decembro de 2011

It's a Man's Man's World

James Brown é un dos referentes da música soul e o R&B, ademais de estar considerado o creador do funk. Non deixaba indiferente a ninguén nos seus concertos, cargados dun ritmo electrizante. Cancións  como "I Got You (I Feel Good)" e "Get Up (I Feel Like Being a) Sex Machine" serán recordadas sempre, sobre todo porque foron popularizadas tanto no cine coma na televisión. Pero hoxe imos a ocuparnos doutro dos seus clásicos: "It's a Man's Man's World", incluído no álbum homónimo publicado en 1966. Escrita polo propio James Brown e Betty Jean Newsome, baséase nas observacións de Betty sobre as relacións entre sexos. O título é unha parodia dunha comedia de 1963 titulada "It's a Mad  Mad Mad Mad World".


As versións que se fixeron desta canción son innumerables. Artistas como Tom Jones, Seal, Joss Stone, Cher, Van Morrison e Etta James entre outros moitos artistas gravárona nalgún dos seus discos (En Espña destaca a adaptación que fixeron Los Tamara), e mesmo serviu como sampling de cancións de Alica Keys e Macy Gray. Non obstante, ímosche presentar a canción de Neneh Cherry "Woman", incluída no seu álbum de 1996 Man, que constitúe unha réplica á canción de Brown, tomando á súa base. A irmá de Eagle Eye Cherry e Titiyo gañara popularidade dous anos antes tras colaborar co músico senegalés Youssou N'Dour na canción "Seven Seconds", de contido antirracista, malia a que Neneh Cherry comezara a súa carreira profesional a comezos dos anos 80.

 http://youtu.be/z0W212af1uk

"It's a Man's Man's World" tamén serviu de base para o primeiro gran éxito de Alicia Keys "Fallin'", do seu debut Songs in A Minor, de 2001.

http://www.goear.com/listen/c7076f6/fallin-alicia-keys