Amosando publicacións coa etiqueta Joan Baez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Joan Baez. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de outubro de 2015

Babe, I'm Gonna Leave You

Escrita pola cantautora Anne Bredon e gravada por primeira vez por Joan Baez no álbum Joan Baez in Concert, Part. 1 (1962), "Babe, I'm Gonna Leave You" era un tema folk máis, con pinta de acabar formando parte do repertorio de calquera cantautor que se decantase por incluír versións nos seus discos. Por tanto, era unha canción habitual das bandas folk e seguramente unha das favoritas de Robert Plant. Malia que non está moi claro, non sería de estrañar que Plant, gran admirador de Joan Baez, lle propuxese a Jimmy Page, outro fan da cantautora estadounidense, facer unha versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", mentres preparaban o primeiro disco de Led Zeppelin, a nova banda que Page acababa de pór en marcha, e que debutou con Led Zeppelin (1969), cuxo corte 2 era a versión de "Babe, I'm Gonna Leave You".


Sería precisamente a versión de Led Zeppelin, que apareceu no álbum epónimo da banda de Jimmy Page en 1969 a que marcou as pautas do desenvolvemento do rock progresivo, co que poderiamos dicir que se inauguraba unha nova fase na evolución do rock. Ó transformala nunha canción máis achegada ós sons electrificados, "Babe, I'm Gonna Leave You" convertiuse nunha das cancións que mellor definen o estilo de Led Zeppelin.


A mesma escala harmónica que Led Zeppelin reproduciu nas súas cancións seguírona logo outros grupos coma a Electric Light Orchestra nos seus primeiros traballos e Jethro Tull, ó igual que outras bandas que fixeron do rock progresivo a súa razón de ser. Fíxemonos senón, na canción de Chicago "25 or 6 to 4" que se inclúe no álbum Chicago (1970) e cómo a influencia de Led Zeppelin, e concretamente da versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", é máis que palpable.


O mesmo se pode aplicar a "Suite Madame Blue", tema de Styx pertencente a Equinox (1975) totalmente ledzepeliano que parece fluctuar entre "Babe, I'm Gonna Leave You" e o magnífico "Starway to Heaven".


A Steve Miller Band non quedou atrás e en Book of Dreams (1977) amosaba a canción "Winter Time", parente sen dúbida das cancións anteriores coas que garda tódalas similitudes propias do xénero.


martes, 23 de decembro de 2014

Amsterdam

Unha das cidades máis fermosas de Europa é sen dúbida Ámsterdam. A famosa cidade neerlandesa pode compararse coa estadounidense Nova York na enorme cantidade de grupos e de artistas que se inspiraron nas súas rúas, e neste caso nas súas canles, como para dedicarlle algunha composición. Chama especialmente a atención a manchea delas que nos últimos anos levan o título da capital dos Países Baixos, pero se volvemos a vista atrás, ás derradeiras décadas do pasado século, podemos ver que tamén hai unhas cantas cancións chamadas "Amsterdam", así que esta é a primeira entrega dos temas sobre "Amsterdam". Unha das que non poden faltar é "Aan de Amsterdamse grachten" (Polas canles de Amsterdam), unha composición de Dick Schallies sobre un poema de Pieter Goemans de 1949 que interpretou Wim Sonneveld.

http://youtu.be/TxgcEgzOnnQ

Tamén lle dedicou unha canción o francés Jacques Brel en 1964, unha bela composición en francés que logo habería de ter versións en distintas linguas nas voces doutros artistas.

http://youtu.be/ZkZ_ihsn404

Unha das versións máis coñecidas do tema de Jacques Brel é o que gravou en inglés David Bowie na cara B de "Sorrow", single de 1973 baseada na versión de Scott Walker. A versión de Bowie tamén se coñece como "Port of Amsterdam".

http://www.rmx.com.mx/wp-content/uploads/2013/10/bowie.jpghttp://youtu.be/l_LdJX-xga8

John Lennon e Yoko Ono haberían ser os seguintes no disco experimental Wedding Album (1969), unha peza de vinte e cinco minutos, nin máis nin menos, que ocupa a cara B. A duración é lixeiramente superior a "John & Yoko", a composición da cara A.

http://youtu.be/dmz4SOZ773c

Naturalmente, tamén houbo outros músicos e cantantes neerlandeses cantaron as marabillas de Amsterdam. Maggie MacNeal atopou a plataforma ideal para promocionar a cidade dos tulipáns e das canles en Eurovisión, no ano 1980.

http://youtu.be/x8d6UmW_wRE

Joan Baez tamén gravou unha canción sobre Amsterdam no álbum Play Me Backwards (1992), malia que por unha vez non a compuxo ela, senón a cantautora Janis Ian.


Os irmáns Van Halen, de orixe neerlandesa, tamén tiveron un detalle con esta cidade e no álbum Balance (1995) a banda dedicoulle unha canción. Proximamente continuaremos cun repaso por algunhas das cancións máis actuais sobre Ámsterdam.

xoves, 19 de decembro de 2013

Adiós ríos, adiós fontes

Neste ano que xa remata conmemorouse o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a obra máis significativa de Rosalía de Castro, e tendo en conta que Rosalía é das autoras máis musicalizadas, ben merece que se lle dedique unha entrada a un dos poemas máis célebres de Cantares, "Adiós ríos, adiós fontes". Un dos primeiros en adapta-la obra rosaliana á música foi o cantautor do Bierzo Amancio Prada. En 1975, editou o segundo disco da súa carreira, Rosalía de Castro, dedicado exclusivamente á poetisa de Padrón, e pode dicirse que con el inauguraba unha discografía sobre a poesía en lingua galega que vai dende as cantigas de Afonso X e dos trobadores medievais ata cancións baseadas nos poemas de Álvaro Cunqueiro e nos de Federico García Lorca. Nin que dicir ten que Amancio Prada creou escola.


Animados pola boa acollida que tiña Amancio Prada e polo bo momento que vivía na música folk a adaptación de poemas tanto tradicionais coma de autores coñecidos, o dúo Keltia fixo unha versión en 1978 e que aparece no seu único álbum publicado Choca esos cinco.


Xa máis recente é a versión de Astarot, que lle infundiu a "Adiós ríos, adiós fontes" o seu toque rock. Pertence ó último disco, Séptimo Pecado, que viu á luz este mesmo ano 2013.

http://youtu.be/4A84pSjqcls

E a viguesa Aid fixo unha versión en clave hip hop, ó igual que con outras composicións de Rosalía. O resultado é espectacular e quedoulle así de ben.

http://youtu.be/E_NvDXB_qH8

E xa para rematar, a versión coa que Joan Baez sorprendeu ós asistentes ó concerto que celebrou en Vigo, confirmando unha vez máis a universalidade da poesía de Rosalía.

martes, 3 de decembro de 2013

Diamonds and Rust

É certo que boa parte da discografía de moitas cantautoras do anos 60 e 70 está composta de versións, pero non é menos certo dicir que as cancións orixinais que saíron da man de Marianne Faithfull, Judy Collins e Joan Baez, por citar só tres nomes, son tamén grandes composicións. No caso de Joan Baez destaca especialmente a canción que lle dá título ó album de 1975 Diamonds & Rust, unha dos temas máis persoais da compositora de Nova York. Inspirada na figura do seu bo amigo Bob Dylan, "Diamonds & Rust" conseguiu á vez, ser das cancións máis versionadas de Joan Baez e non só por cantautores, senón que esta canción chegou mesmo á órbita do heavy metal.


Pois si. Algo terá "Diamonds & Rust" para que un dos grupos máis importantes do heavy como Judas Priest se animase a facer unha versión no álbum Sin After Sin  (1977).


E desde logo, tampouco pasou desapercibida para os artistas de hip hop. Busdriver comeza cun sample de "Diamonds and Rust" a canción "Happiness" e que repite no retrouso.


A mesma fórmula repítea André Nickatina en "Upgrade Call".


Pero sen recorrer ó hip hop, podemos atopa-la influencia da canción de Joan Baez en "Foolish Games", un dos éxitos de Jewel pertencente ó álbum Pieces of You (1995) e que tamén se incluiría na banda sonora da película de Batman e Robin.

martes, 15 de marzo de 2011

The House of the Rising Sun

Seguimos con cancións tradicionais que xa forman parte da historia do pop-rock. Esta vez imos ata Estados Unidos, concretamente ao estado sureño de Luisiana cunha canción das máis fascinantes que nos deixou o século XX. A casa do Sol Nacente narra a historia dunha persoa que lle foi mal nun lugar de Nova Orleáns coñecido con ese nome. Esta canción ten a particularidade de que pode ser interpretada desde o punto de vista dun home ou dunha muller. Segundo isto, algúns críticos sinalan que a casa do Sol  Nacente podería tratarse dunha casa de apostas ou ben, dun burdel; e houbo intentos de tratar de localizar este histórico lugar en Nova Orleáns, así coma os autores da melodía e máis da letra. Isto deu lugar a toda unha serie de teorías, que conseguen envolver a historia da canción nun misterio enfeitizante.

A primeira gravación de The House of the Rising Sun correu a cargo de Roy Acuff en 1938 e a partir de aí, as versións foron continuas. Artistas tan significativos como Bob Dylan (1962), The Beatles, The Doors, Jimi Hendrix, Joan Baez, Nina Simone, Scorpions, Tracy Chapman, Toto e Sinead O' Connor, entre outros moitísimos artistas caeron no encanto desta canción. Mesmo hai unhas cantas versións en español dos anos sesenta gravadas polos colombianos The Speakers e Los Cinco Latinos, respectivamente; en España, destacaría a versión de Bruno Lomas, a de Lone Star e a do grupo de Molins de Rei  Els Dracs, que a adapatarían ao catalán como La casa del sol naixent  tamén ao final dos 60.  En 1972  Génesis de Colombia volvería a facer unha nova versión. 

A continuación, a versión de Joan Baez:

   http://www.goear.com/listen/b5670cf/the-house-of-rising-sun-joan-baez

A de Bruno Lomas, unha adaptación totalmente libre que non garda relación coa letra orixinal.

   http://www.goear.com/listen/c3932bf/la-casa-del-sol-naciente-bruno-lomas

A de Lone Star, en cambio, respecta bastante ben a letra orixinal con pequenas variacións para adapatala á música.
https://youtu.be/P3To9LgNE8s

E a de Els Dracs:

 http://www.goear.com/listen/d77330c/la-casa-del-sol-naixent-els-dracs



Pero sen dúbida, a versión máis recordada é a  de The Animals, que se incluíu na edición americana do seu disco de debut The Animals (1964), debido sen dúbida aos arreglos de órgano de Alan Price, que lle dan un toque máis envolvente ao tema se cabe.

 http://www.goear.com/listen/445a9e4/the-house-of-rising-sun-the-animals

Pero a febre por esta canción sobreviviu ás décadas dos 60 e 70 e aínda hoxe grupos punteiros como Muse e The White Stripes caeron rendidos ao encanto de The House of the Rising Sun.

http://www.goear.com/listen/30142d2/house-of-the-rising-sun-muse