martes, 15 de marzo de 2011

The House of the Rising Sun

Seguimos con cancións tradicionais que xa forman parte da historia do pop-rock. Esta vez imos ata Estados Unidos, concretamente ao estado sureño de Luisiana cunha canción das máis fascinantes que nos deixou o século XX. A casa do Sol Nacente narra a historia dunha persoa que lle foi mal nun lugar de Nova Orleáns coñecido con ese nome. Esta canción ten a particularidade de que pode ser interpretada desde o punto de vista dun home ou dunha muller. Segundo isto, algúns críticos sinalan que a casa do Sol  Nacente podería tratarse dunha casa de apostas ou ben, dun burdel; e houbo intentos de tratar de localizar este histórico lugar en Nova Orleáns, así coma os autores da melodía e máis da letra. Isto deu lugar a toda unha serie de teorías, que conseguen envolver a historia da canción nun misterio enfeitizante.

A primeira gravación de The House of the Rising Sun correu a cargo de Roy Acuff en 1938 e a partir de aí, as versións foron continuas. Artistas tan significativos como Bob Dylan (1962), The Beatles, The Doors, Jimi Hendrix, Joan Baez, Nina Simone, Scorpions, Tracy Chapman, Toto e Sinead O' Connor, entre outros moitísimos artistas caeron no encanto desta canción. Mesmo hai unhas cantas versións en español dos anos sesenta gravadas polos colombianos The Speakers e Los Cinco Latinos, respectivamente; en España, destacaría a versión de Bruno Lomas, a de Lone Star e a do grupo de Molins de Rei  Els Dracs, que a adapatarían ao catalán como La casa del sol naixent  tamén ao final dos 60.  En 1972  Génesis de Colombia volvería a facer unha nova versión. 

A continuación, a versión de Joan Baez:

   http://www.goear.com/listen/b5670cf/the-house-of-rising-sun-joan-baez

A de Bruno Lomas, unha adaptación totalmente libre que non garda relación coa letra orixinal.

   http://www.goear.com/listen/c3932bf/la-casa-del-sol-naciente-bruno-lomas

A de Lone Star, en cambio, respecta bastante ben a letra orixinal con pequenas variacións para adapatala á música.
https://youtu.be/P3To9LgNE8s

E a de Els Dracs:

 http://www.goear.com/listen/d77330c/la-casa-del-sol-naixent-els-dracs



Pero sen dúbida, a versión máis recordada é a  de The Animals, que se incluíu na edición americana do seu disco de debut The Animals (1964), debido sen dúbida aos arreglos de órgano de Alan Price, que lle dan un toque máis envolvente ao tema se cabe.

 http://www.goear.com/listen/445a9e4/the-house-of-rising-sun-the-animals

Pero a febre por esta canción sobreviviu ás décadas dos 60 e 70 e aínda hoxe grupos punteiros como Muse e The White Stripes caeron rendidos ao encanto de The House of the Rising Sun.

http://www.goear.com/listen/30142d2/house-of-the-rising-sun-muse




Ningún comentario:

Publicar un comentario