Amosando publicacións coa etiqueta Pearl Jam. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pearl Jam. Amosar todas as publicacións

luns, 7 de decembro de 2015

Save It for Later

The Beat é outra banda inglesa que eclosionou a finais dos setenta ó ábeiro da new wave e o post punk e que ata o de agora ficaba nun completo esquecemento, pero visto a época de revival na que estamos inmersos, volveron cun novo álbum este mesmo ano despois de que nos anteriores aparecesen diversos compilatorios con algunha canción inédita e incluso un álbum en directo. Así que a reunión do grupo con material do trinque era só cuestión de tempo. Para celebralo, recuperamos unha das cancións primitivas de The Beat e das máis lembradas, "Save It for Later", que se inclúe no terceiro álbum, Special Beat Service (1982), co que a banda se despediu por unha longa tempada, felizmente rematada neste ano que supón a volta definitiva de The Beat.


"Save It for Later" é sen dúbida unha das cancións favoritas da discografía de The Beat para outros músicos. Ademais de que moitos a teñen versionado, parece que Eddie Vedder se inpirou nela para compoñer "Better Man", unha das excelentes cancións do terceiro álbum de Pearl Jam  Vitalogy (1994). Ámbalas cancións están tan ligadas entre si que nos concertos Pearl Jam adoita a facer un medley coas dúas, que ás veces tamén se extende a "Daughter".

xoves, 11 de xuño de 2015

Last Kiss

Case máis famoso polo seu peiteado ca pola súa traxectoria musical, Wayne Cochran triunfou cunha canción que conseguiría ser un éxito tamén noutras versións. Trátase do single que editou en 1961 "Last Kiss", que relata unha historia melodramática con tráxico final, o que en principio parecía garantir o éxito, xa que desde os cincuenta estaban moi de moda este tipo de relatos. No entanto, o resultado non foi o agardado por Cochran, que disposto a que a súa canción deixase pegada, volveuna gravar dous anos despois cunha nova discográfica. 


A de 1963 é a seguinte:https://youtu.be/3uXKzuJWBy8

A partir desa segunda reedición "Last Kiss" colleu un novo pulo e ó ano seguinte J. Frank Wilson and the Cavaliers fixeron unha versión que acabou titulando o álbum de 1964 do grupo texano. A nova versión tivo incluso máis éxito que a de Wayne Cochran.


A última gran versión que se fixo de "Last Kiss" é a de Pearl Jam no dobre disco compilatorio da banda de Seattle,  Lost Dogs (2003). A idea de versionala foi unha decisión de Eddie Vedder e finalmente elixiuse como single para promocionar o compilatorio, no que se tornou nunha moi boa acollida por parte dos fans.

mércores, 9 de xullo de 2014

Black

O poder que ía acadar o grunge a comezos dos anos 90 xestouse grazas á escena musical da cidade de Seattle, onde unhas cantas bandas ían acabar dominando o panorama internacional. Xunto con Green River, Mudhoney, Candlebox e Soundgarden, por citar algúns dos máis representativos, Pearl Jam acabou por atopar un oco destacado, levando unha corrente marxinal do rock cara a unha popularidade desorbitada que arrasou nas listas de vendas, mérito sobre todo da banda veciña Nirvana, pero ó que Pearl Jam tamén contribuíu. No verán de 1991 debutaban co seu primeiro longa duración titulado Ten, froito de moitos anos de traballo que resumían en once cancións que se axustaban os patróns do grunge, á vez que se asentaban as bases deste estilo en medio mundo. Con guitarras contundentes que expresaban a rabia por unha situación existencial sen saída, en Ten tamén hai espazo para algún tema medio lento, en forma de balada, capaz de pór a carne de galiña, sen necesidade de caer no adozamento máis empalagoso. "Black", un remanso de paz no medio dunha tormenta, se se pode definir así o álbum enteiro, é unha das cancións máis aclamadas da banda de Eddie Vedder.


O dúo sueco de música electrónica The Knife ofrecen no segundo disco Deep Cuts (2003) a canción "Behind the Bushes", un tema instrumental coa melodía de "Black".

luns, 8 de outubro de 2012

Beyond the Threshold

Hüsker Dü editou en 1984 o segundo disco da súa carreira Zen Arcade que afondaba nun son aínda pouco definido daquela como a mestura entre o hardcore e o punk, e do que Hüsker Dü personalizou de tal xeito que se converteu en todo un referente para todos aqueles grupos e artistas que decidiron seguir a mesma liña, especialmente as bandas de grunge que apenas uns cantos anos máis tarde ían converter o rock máis duro na tendencia musical do momento. Bob Mould, o cantante e guitarrista de Hüsker Dü, asina "Beyond the Threshold", un dos temas máis contundentes de Zen Arcade.

http://youtu.be/vaeR-7USY9U

A influencia de Hüsker Dü queda ben patente no son de Pearl Jam. Unha das cancións máis potentes da banda de Eddie Vedder "Spin the Black Circle" do terceiro álbum dos de Seattle Vitalogy (1994) bebe directamente da canción de Hüsker Dü.

http://www.goear.com/listen/3352d4c/spin-the-black-circle-pearl-jam

martes, 24 de xullo de 2012

Going to California

Posiblemente Led Zeppelin IV, o cuarto álbum de Led Zeppelin sexa o máis importante da banda de Jimmy Page e Robert Plant. Editado en 1971, as oito cancións que o compoñen forman un conxunto que serviu de base para consolidar o hard rock como unha das correntes estrela da música na década que se estreaba. "Stairway to Heaven", "Black Dog" e "Four Sticks" son algunhas desas cancións míticas que non poden faltar en ningún repertorio dos míticos Led Zeppelin; o mesmo se podería dicir de "Going to California", unha das cancións máis folk do álbum, que combina á perfección a guitarra acústica de Page coa mandolina de John Paul Jones, nunha das primeiras veces en que vemos a utilización deste instrumento nunha canción rock e do que Rod Stewart botou man en "Maggie May" tamén en 1971.


Malia que "Going to California" non se considera unha das cancións máis representativas de Led Zeppelin, seguramente por tratarse máis ben dunha balada folk, Pearl Jam, unha das bandas punteiras do grunge que revolucionou as listas de éxito nos 90, baseouse en "Going to California" para crear "Given to Fly", que aparece no quinto álbum da banda de Eddie Vedder Yield (1998) baixo a produción de Brendan  O'Brien.

venres, 6 de xullo de 2012

Five to One

Outra das grandes bandas de rock que viu truncada a súa traxectoria moi cedo pola morte repentina do seu carismático líder é The Doors. E é que a banda de Jim Morrison, cuxa actividade musical non chegou tan sequera a unha década de vida, figura con letras maiúsculas no desenvolvemento do rock psicodélico e o seu legado proxecta unha sombra moi ampla en calquera faceta musical. Pódese dicir que o paso de The Doors pola historia do rock foi breve, pero moi, moi intensa. Un dos discos que serviron para enaltecer a Jim Morrison é o terceiro na conta particular de The Doors Waiting for the Sun (1968), que se pechaba con "Five to One".


Á marxe das versións, "Five to One" ten un riff bastante marcado que influíu de maneira notoria en cancións posteriores de grupos que tiveron a The Doors como fonte de inspiración. Un deles foi Kiss, que se basearon nese son de "Five to One" no seu tema "She" do álbum Dressed to Kill (1975).


Tamén se di que a partir do son da canción de Kiss, Eddie Vedder e Stone Gossard compuxeron o riff  do tema  "Alive", do álbum Ten (1991), o debut de Pearl Jam; e tamén un dos momentos decisivos para a irrupción do grunge en todo o mundo.


Xa para ir rematando, a moi poucos se lles escapou que "Waiting for the Rapture" do derradeiro álbum de estudio de Oasis Dig Out Your Soul (2008) lembra demasiado a "Five to One", algo que tampouco sorprende gran cousa, pois xa estamos acostumados a que as influencias musicais de Noel Gallagher paséanse ás veces polos temas de Oasis cunha evidencia máis que notoria. En fin, que todo sexa por non esquecer nunca a bandas tan grandes como The Doors ou The Who, etc, que tanto fixeron pola música contemporánea e que nunca deberían estar condenados ó esquecemento das xeracións máis novas.