mércores, 9 de xullo de 2014

Black

O poder que ía acadar o grunge a comezos dos anos 90 xestouse grazas á escena musical da cidade de Seattle, onde unhas cantas bandas ían acabar dominando o panorama internacional. Xunto con Green River, Mudhoney, Candlebox e Soundgarden, por citar algúns dos máis representativos, Pearl Jam acabou por atopar un oco destacado, levando unha corrente marxinal do rock cara a unha popularidade desorbitada que arrasou nas listas de vendas, mérito sobre todo da banda veciña Nirvana, pero ó que Pearl Jam tamén contribuíu. No verán de 1991 debutaban co seu primeiro longa duración titulado Ten, froito de moitos anos de traballo que resumían en once cancións que se axustaban os patróns do grunge, á vez que se asentaban as bases deste estilo en medio mundo. Con guitarras contundentes que expresaban a rabia por unha situación existencial sen saída, en Ten tamén hai espazo para algún tema medio lento, en forma de balada, capaz de pór a carne de galiña, sen necesidade de caer no adozamento máis empalagoso. "Black", un remanso de paz no medio dunha tormenta, se se pode definir así o álbum enteiro, é unha das cancións máis aclamadas da banda de Eddie Vedder.


O dúo sueco de música electrónica The Knife ofrecen no segundo disco Deep Cuts (2003) a canción "Behind the Bushes", un tema instrumental coa melodía de "Black".

Ningún comentario:

Publicar un comentario