mércores, 30 de xullo de 2014

Happy

Podería pensarse que na década dos 80 o soul quedara relegado da primeira liña musical, como un xénero en decadencia debido ó importante auxe que collera sobre todo o hip hop, pero nada máis lonxe da realidade. As grandes discográficas aínda conseguían atopar novas voces, algunhas incluso espectaculares que as convencían de seguir renovando un estilo que vivira unha época de esplendor anos antes. Nesa busca permanente aparecen grupos coma o trío de Nova Jersey Surface, dispostos a escribir unha nova páxina na histora do soul, malia que despois a andaina de Surface foi máis ben discreta. No álbum co que debutaron, Surface (1986), apuntaban boas maneiras, especialmente en "Happy", a súa canción máis coñecida de longo. A mágoa é que agora con ese título a xente pensa antes na canción de Pharrel Williams, aínda que iso é outro asunto.


A canción de Surface sufriu unha revisión uns anos máis tarde por parte de R. Kelly, que lle fixo un lavado de cara, a pesar de que non conseguiu mellorala. Co título de "Only the Loot Can Make Me Happy", aparecía no álbum R. (1998), un dos máis exitosos da carreira deste cantante, grazas sobre todo ó incluírse "I Believe I Can Fly", canción principal da película Spacejam (1996), coa que acadou sona en todo o planeta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario