Amosando publicacións coa etiqueta Supertramp. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Supertramp. Amosar todas as publicacións

mércores, 26 de agosto de 2015

Give a Little Bit

No quinto álbum de Supertramp, Even in the Quitest Moments... (1977), atópanse algunhas das composicións máis memorables da banda de Rick Davies e Roger Hodgson, mantendo dese modo o nivel que xa mostraran nos seus anteriores traballos. Xunto con "Fool's Overture", "Lover Boy" e "Downstream", por citar só unhas poucas, brilla de maneira notable "Give a Little Bit", primeira canción do álbum e single de promoción que se situou nos primeiros postos das listas internacionais. A vixencia de "Give a Little Bit" segue aínda intacta case corenta anos máis tarde, pois é un reclamo habitual no mundo do cine e da publicidade, o que permite que Supertramp siga sendo unha das bandas dos setenta máis recoñecidas da actualidade e os seus membros sigan ofrecendo concertos por todo o planeta.


O álbum de Goo Goo Dolls Let Love In (2006) conta cunha versión de "Give a Little Bit", posiblemente a máis famosa que se fixo desta canción de Supertramp. Que é unha das favoritas de Goo Goo Dolls ninguén o cuestiona, pois xa incluíran unha versión no álbum en concerto Live in Buffalo: July 4th, 2004.

luns, 6 de maio de 2013

Breakfrast in America

A música rock dos anos 70 non se chegaría a entender sen unha serie de bandas que ó longo desa década foron labrando a súa traxectoria. Unha delas cuxo nome vai ligado a esa época é Supertramp, que con cada disco que ía editando superábase. O sexto disco, Breakfast in America (1979) é posiblemente dos mellorciños que o grupo de Roger Hodgson sacou o mercado, aínda que para moitos o éxito do álbum está sobre todo no número de exemplares vendidos en todo o mundo, pois desde logo, Breakfast in America contén algunha das cancións máis populares de Supertramp, como "Logical Song", "Take the Long Way Home" e a que lle dá título ó disco "Breakfast in America", unha canción que Hodgson escribiu na súa xuventude e que rescatou para o sexto disco do álbumn coa colaboración do seu colega Rick Davies.

http://www.goear.com/listen/c03ad0f/breakfast-in-america-supertramp

Moitos anos máis tarde, Gym Class Heroes, o grupo que montou Travie McCoy e Matt McGinley, renovou a canción (aínda que para outros simplemente a estragou), ó incorporala como parte de "Cupid's Chokehold", tema no que participa o vocalista de Fall Out Boy, Patrick Stump, e que pertence ó álbum The Papercut Chronicles (2005).


Os artistas de hip-hop tamén se teñen fixado no estilo particular de Supertramp para engadilo ás súas creacións, e "Breakfast in America" aparece sampleada nalgúns temas, como no de Drake "Stunt Hard".

venres, 22 de febreiro de 2013

It's Raining, It's Pouring

É indudable a contribución que as nanas e as cancións infantís en xeral  teñen feito nalgunha ocasión o mundo do pop e do rock. O caso máis recente puidemos velo hai tan só uns meses coa publicación de "Candy", un tema asinado por Gary Barlow para o seu ex compañeiro de Take That Robbie Williams, cuxo ritmo evoca ós sons propios da música infantil. Por iso, a entrada de hoxe vai dedicada a unha desas nanas que máis presente está nalgunhas das cancións que máis éxito tiveron no seu momento. Trátase de "It's Raining, It's Pouring", unha nana tradicional inglesa que se publicou por primeira vez en 1939.


Os primeiros en facer unha versión de "It's Raining, It's Pouring" foron Peter, Paul and Mary en 1962, que a mesturaron coas melodías doutras cancións.


Mais se a versión de Peter, Paul and Mary mantén aínda ese componente infantil das nanas, as seguintes cancións que nalgún momento fan referencia a esta nana tentan afastarse en certa medida desa esencia de nana, aínda que non en tódolos casos. Por exemplo, en "No More Tears (Enough Is Enough)", a famosa canción que Donna Summer e Barbra Streisand editaron en 1979 só o comezo pode levarnos a engano polo ritmo lento das primeiras notas.


O portorriqueño José Feliciano tamén cantou unha parte desta nana noretrouso do seu tema "Listen to the Falling Rain" en 1969.


En 1978 outro artista como Tom Waits lle dedicou unha parte dunha canción súa a esta nana. Concretamente, "A Sweet Little Bullet From a Pretty Blue Gun", do disco Blue Valentine.


A última gran canción que reproduce o son de "It's Raining, It's Pouring" empregando un coro infantil é "It's Raining Again", de Supetramp, incluída no álbum ...Famous Last Words (1982).