Amosando publicacións coa etiqueta Lorde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lorde. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de xullo de 2015

Something Stupid

A Carson Parks non lle ía demasiado ben a súa aventura na música a comezos dos sesenta. Pasou por unhas poucas bandas, intentou facer un dúo co seu irmán e tamén probou en solitario, pero de ningunha desas maneiras acababa por conseguir unha ansiada estabilidade. Ó pouco de casar con Gaile Foote, Parks preparou as cancións precisas para compór un álbum e gravounas coa súa dona, baixo o nome artístico Carson & Gaile. Así, en 1966 vía a luz San Antonio Rose, o traballado disco do matrimonio. En realidade, San Antonio Rose non contén ninguha canción memorable, pero unha delas, "Something Stupid", chamou a atención de Frank Sinatra, que non tardou moito en gravala acompañado da súa filla Nancy.


A versión de Frank Sinatra e de Nancy, publicada no álbum The World Knew (1967), acaparou unha enorme popularidade borrando case por completo a versión orixinal de Carson e Gaile. Certo é que anos despois, Robbie Williams decidiu facer unha nova versión ó lado da actriz Nicole Kidman, tamén moi exitosa, pero que apenas achega nada novo á da familia Sinatra.


Resulta curioso como ás veces as escalas melódicas unen cancións de estilos totalmente diferentes. A canción de The Replacements "Swinging Party", pertencente a Tim (1985), contén certas reminiscencias de "Something Stupid" nalgún dos tramos da canción.


O parecido é máis evidente, se cabe, na versión que Lorde realizou de "Swinging Party" en 2013, na cara B do single "Tennis Court".

venres, 9 de maio de 2014

Tennis Court

Que sorpresa supuxo o ano pasado a aparición de Lorde no panorama internacional! Esta rapariga de Nova Zelandia deixou coa boca aberta a todos co seu primeiro álbum de longa duración Pure Heroine (2013), que contén unha colección de dez cancións cunha factura maxistral que o situaron como un dos mellores traballos discográficos do pasado ano na voz dunha debutante. Lorde xa anticipara parte do potencial co que nos habería sorprender en Pure Heroine con dous EPs que apareceran meses antes da publicación do álbum, pero non sería ata a aparición deste cando os focos mediáticos se viraron cara ela, demostrando unha vez máis que non é necesario amosar cacha para triunfar no mundo da música, algo que por desgraza, non parecen aprender outras artistas pop. "Tennis Court", canción que abre Pure Heroine e segundo single extraído tras "Royals", está influenciada por dúas cancións segundo os críticos, que agora veremos.

http://youtu.be/D8Ymd-OCucs

A primeira que sinalou a crítica emparéntaa con "The District Sleeps Alone Tonight", unha das cancións que se atopan no único álbum publicado de The Postal Service, o efímero grupo paralelo de Ben Gibbard á marxe de Death Cab for Cutie. Desde logo parece evidente a influencia de The Postal Service, malia que as similitudes entre ámbalas dúas cancións son un tanto subxectivas. Quizais onde máis preto está a canción de Lorde da de The Postal Service sexa na segunda parte desta última, onde o ritmo se acelera, achegándoa ó ritmo da de Lorde.

http://youtu.be/0FqmJy8HzQI

Máis parecido si parece ter coa canción de The XX "Together", que gravaron para a banda sonora da nova película de The Great Gatsby (2013), sobre todo no que respecta na base, pero en calquera caso hai que subliñar que non se trata nada máis que dunha coincidencia, xa que tanto a canción de Lorde coma a de The XX se editaron practicamente nas mesmas datas, con tan só un mes de diferenza

http://youtu.be/yoj2I6ZJLx8

luns, 21 de maio de 2012

Everybody Wants to Rule the World

A nova ola británica de comezos dos anos 80 deixounos bandas realmente impresionantes cun son innovador capaz de perpetuarse no tempo. Tears for Fears, a banda de Roland Orzabal e Curt Smith, foi unha delas, xa que non se entendería a música dos 80 sen cancións tan boas como "Shout" e este fantástico "Everybody Wants to Rule the World", quizais o mellor tema de todos. Está incluído no segundo disco de Tears for Fears Songs from the Big Chair (1985).


A década de 1990 foi a da eclosión das chamadas boy bands, grupos de rapaces guapos que cantaban cun son totalmente prefabricado onde a música é case o de menos; e se ben as orixes deste fenómeno pódense situar á par do comezo do pop, é nesta década cando o seu poder na música se volve máis forte, grazas sobre todo ó éxito que tiveron a finais dos 80 New Kids on the Block e posteriormente Take That e Backstreet Boys. En tódolos países as discográficas buscaron grupos máis ou menos parecidos a estes últimos que tiveron  o seu momento de gloria, aínda que, como era de esperar, foron totalmente efémeros. España non se librou disto e a mediados de década apareceron Buen Color e Providence, bandas das que hoxe ninguén se acorda. Non obstante, Providence debutaron co single "Sigue Así", claramente inspirado no tema de Tears for Fears, recollido no seu disco Providence de 1997.

  http://youtu.be/1neP4swx7i0

Imposible non facerse eco da extraordinaria versión que Lorde fixo de "Everybody Wants to Rule the World" en 2014 para a banda sonora da película Os Xogos da Fame.

https://youtu.be/DaVA6sgOpws