Amosando publicacións coa etiqueta Vetusta Morla. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vetusta Morla. Amosar todas as publicacións

xoves, 10 de decembro de 2015

December

E por fin xa está aquí decembro, o último mes do ano e no que se produce o solsticio de inverno no hemisferio norte, acontecemento ligado tamén o tempo de Nadal. Así que coa maxia que desprende este mes era algo natural que inspirase a moitos músicos que lle dedicaron algunhas composicións, como a primeira que aparece no álbum de debut de The Waterboys. Malia que este disco epónimo editouse no verán de 1983, gravouse entre novembro e decembro de 1982, así que o "December" de The Waterboys foi un dos temas con máis sentimento do álbum.

https://youtu.be/Yk4-P8yLchw

Moi recordado é o "December" de Collective Soul que ilustra o segundo álbum da banda norteamericana Collective Soul (1995).

https://youtu.be/utYjsmDzMi0

Counting Crows tamén lle dedica unha canción a este mes co título de "A Long December",  un tema meláncolico, pero de gran beleza, pertencente a Recovering the Satellites (1996), o álbum co que pretendía conseguir o éxito do anterior no que se incluía "Mr. Jones", o gran trallazo desta banda.

https://youtu.be/jkVTgWpONnE

No álbum Maladroit  (2002) de Weezer péchase con outra canción titulada "December".

https://youtu.be/jpqoWTw7910

The Moody Blues fixeron un álbum de Nadal precisamente co título December (2003) que se estrea coa canción  "December Snow".

https://youtu.be/BXsZbSRfc1E

En 2010 DePedro presentaba o seu segundo álbum Nubes de papel que conta coa colaboración de Vetusta Morla na canción titulada "Diciembre".

https://youtu.be/HB4jW6dzvXQ

venres, 7 de agosto de 2015

Sol (4)

Hoxe volvemos cun novo monográfico sobre o sol, pero desta volta vai estar dedicado só a temas en castelán. Igual que nas entregas anteriores, esperamos que esta selección de cancións sexa do voso agrado. Os seguintes temas son unha mostra de pop e rock das últimas décadas e comezamos coa canción de La Guardia, un grupo de Granada cuxo cuarto disco, Cuando brille el sol (1990), foi dos máis exitosos da súa carreira e a canción homónima, unha das que nunca falta nos seus concertos.


Dese mesmo ano, os mexicanos Maná incluían no seu segundo álbum Falta amor (1990) a canción "Rayando el sol".

https://youtu.be/yH7WrkOSFj4

O terceiro álbum de Mikel Erentxun, Acróbatas (1998), abríase coa canción "A pleno sol", segundo single que extraeu del.

https://youtu.be/5GhhmI0tvw8

A canción que lle daba título ó primeiro álbum de La Oreja de Van Gogh, Dile al sol (1998) foi un dos singles dos donostiarras.

https://youtu.be/Ce0mualv2Fk

A banda de Guille Milkyway, La Casa Azul, editou o seu primeiro disco de longa duración co título de Tan simple como el amor (2003). Nel está a canción "El sol no brillará nunca más".


O primeiro álbum en solitario de Loquillo, Balmoral (2008) estreábase co single "Sol".


Tamén en 2008 aparecía o esperado primeiro álbum de Vetusta Morla, Un día en el mundo (2008), con cancións coma "Rey Sol".

mércores, 4 de febreiro de 2015

Tengo un trato

Hai uns días falabamos da versión que Bunbury fixo dun dos temas de Vetusta Morla por mor do programa de Radio 3 "Hoy empieza todo, versión", que é o máis parecido ó que hai décadas leva facendo a radio pública británica. O caso é que na última entrega tocoulle á banda madrileña escoller unha canción para versionar e cómpre dicir que a proposta de Pucho e compañía causou sorpresa: "Tengo un trato", da Mala Rodríguez. Esta moza gaditana revolucionou o hip hop indie en España cando se presentou co álbum Lujo ibérico (2000) e a súa canción estrela "Tengo un trato". Desde entón, cada traballo que La Mala Rodríguez edita acada mellores críticas ca o anterior, pero "Tengo un trato" segue sendo a canción pola que moita xente que non é moi fan do hip hop aínda a identifica.


E non podía ser doutra maneira que ó decantarse por un cambio de rexistro tan acusado, Vetusta Morla sorprendese a todos cunha versión tan arriscada que traslada a canción do hip hop a un estilo máis achegado ó pop. E por suposto, tamén sorprende que, con todo, quedase tan ben.


mércores, 17 de decembro de 2014

Maldita dulzura

Era complicado acadar o punto subliminal que Vetusta Morla lograra con Un día en el mundo (2009), primeiro álbum dos de Tres Cantos, pero o resultado do esperadísimo Mapas (2011) tampouco foi decepcionante precisamente. Grandes cancións como as que nos tiñan acostumados e que os fans xa tiveran ocasión de escoitar nos concertos previos á presentación do disco. Unha das que non podía faltar era "Maldita dulzura", unha preciosa balada que Vetusta Morla adoitaba interpretar en acústico, pero que na versión do álbum é algo máis eléctrica. En calquera caso, a melodía e a intensidade da letra fan que sexa unha das favoritas da discografía dos madrileños e tamén é unha das que mellor funcionan, mesmo en Hispanoamérica; de feito moitos apuntaban que quedaría moi ben nun dueto con Julieta Venegas. Non obstante, si a gravaron con Carla Morrison.


Hai un días os estudios de Radio 3 acolleron unha versión de "Maldita dulzura", interpretada polo gran Bunbury, xunto con Disco Pantera e Muni. Malia que a versión non se achega á orixinal, é certamente moi boa e non deixa de ser noticia que un artista consagrado coma Bunbury se anime cun tema dunha das bandas efervescentes do pop rock nacional. Xa por iso hai que aplaudir a Radio 3 e que esas "versiones imposibles", que parecen seguir o modelo da Radio 1 da BBC británica, continúen durante moito tempo.

luns, 14 de maio de 2012

Chicago

O cantautor americano procedente de Michigan Sufjan Stevens forma parte da nova marea de autores que encabezan a nova xeración folk con aires indies e sen deixar de lado á electrónica. Comezou a súa carreira en 2000 e cinco anos despois xa tiña no mercado o seu quinto disco titulado Illinois, (2005) onde se atopa esta fantástica canción "Chicago".


Malia a que as cancións de Sufjans Stevens aínda non contan con versións relevantes, Vetusta Morla e Christina Rosenvinge animáronse a gravar "Chicago" para conmemorar o Día da Música en 2009 por iniciativa do xornal El País, que ese ano publicaba unha serie de revisión de cancións interpretadas por artistas alternativos.



xoves, 26 de xaneiro de 2012

My Iron Lung

A mediados dos anos 90, Radiohead xa chamaba a atención polas súas propostas innovadoras de son. Cunhas letras coidadas a cargo sobre todo de Thom Yorke, o seu álbum de debut Pablo Honey (1993) foi unha agradable sorpresa no panorama musical e esa sensación acabaría por confirmarse en 1994 coa publicación do EP My Iron Lung e ó ano seguinte co segundo disco The Bends. My Iron Lung contén varias caras B de Pablo Honey e entre elas destaca a canción que lle dá título ó EP, e que posteriormente tamén incluíron en The Bends.


En 2008 a maltreita escena musical española recibiu coma un sopro de aire fresco a publicación do álbum de debut da banda madrileña Vetusta Morla. Un Día en el Mundo, producido e autoeditado polos rapaces de Vetusta Morla despois de ser rexeitados por varias compañías discográficas, contén algúns tesouros que xa foran aparecendo previamente en maquetas e en EPs.  A irrupción do éxito de Vetusta Morla fixo que se volvese a vista cara os circuitos de música independente, tan invisibles normalmente para un amplo sector do público, cando normalmente é aí onde se ofrecen traballos dunha maior calidade artística. Grupos como Lori Meyers, Standstill, We Are Standard, Love of Lesbian, Astrud e os propios Vetusta Morla representan hoxe en día o mellorciño do pop-rock en España.

Sinalouse que a canción que lle dá título ó disco é a que mellor recolle a influencia de Radiohead nesta banda. Esperamos que vos guste.

  http://www.goear.com/listen/1c0894a/un-dia-en-el-mundo-vetusta-morla

Vetusta Morla tamén gravou unha versión acústica que bautizaron como "Otro Día en el Mundo": http://youtu.be/9K5UrzaKgaY