Amosando publicacións coa etiqueta Rod Stewart. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rod Stewart. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de xaneiro de 2016

How Long

Paul Carrack, que nas últimas décadas desenvolveu unha notable carreira en solitario con éxitos como "Eyes of Blue" e "Satisfy My Soul", comezou a súa andaina musical en Warm Dust para pouco despois formar Ace, unha banda que debutou co álbum Five-A-Side (1974), que contén a principal canción que lle deu sona ó grupo. Trátase de "How Long" e Carrack non deixou de interpretala ó longo do tempo. O éxito da canción transcendeu ó devir da banda e ó pouco de editarse xa se estaban facendo versións dela, algunhas dunha calidade francamente boa.


Posiblemente, a máis espectacular sexa a de Bobby Womack no álbum Home Is Where The Heart Is (1976), en clave R&B.


Outra que tamén gozou dunha grande acollida foi a de Rod Stewart no famoso Tonight I'm Yours (1981),
que mesmo foi o terceiro single do álbum.


Xa en clave reggae destaca a versión de Yazz, xunto o grupo Aswad, no álbum One on One (1994).

xoves, 8 de outubro de 2015

You Make Me Feel Brand New

O terceiro álbum de The Stylistics Rockin' Roll Baby (1973) contén a fermosa balada "You Make Me Feel Brand New", un dos maiores trallazos na andaina do grupo de Filadelfia. Ó igual que nos anteriores traballos, Thom Bell encargouse da produción e o groso das cancións que forman parte do álbum compúxoas Linda Creed e o propio Bell, e unha vez máis volveu quedar probada a solvencia da parella para crear éxitos cos que catapultar a The Stylistics como unha das bandas de cabeceira do soul e o R&B dos anos setenta. "You Make Me Feel Brand New" é a mostra máis palpable da facilidade de The Stylistics para levar as baladas ó máis alto das listas de vendas, algo que xa coñecían dende "Stop, Look, Listen (to Your Heart)", a primeira canción coa que triunfaron.


Hai moi boas versións de "You Make Me Feel Brand New", pero imos quedar con dúas das nosas favoritas, a de Simply Red no álbum Home (2003), que revitalizou de novo este éxito de The Stylistics.


A outra é a de Rod Stewart e Mary J. Blige no álbum de versións do primeiro Soulbook (2009).


Trebles and Blues sampleou "You Make Me Feel Brand New" na canción "The First Time", pertencente ó album The Blue Note.

martes, 1 de xullo de 2014

Walk on the Wild Side

Hai ocasións en que coinciden varios xenios e o resultado adoita ser un álbum memorable. Pechada definitivamente a etapa con The Velvet Underground, Lou Reed preparaba o segundo disco e a idea era facer que fose totalmente rompedor. Para iso púxose ás ordes de Mick Ronson e de David Bowie na produción. Lou Reed xa tiña compostas as cancións, unhas letras que trataban tódolos temas tabús que ata daquela só apareceran nas cancións doutros artistas de forma velada, pero que Lou Reed decidiu referirse a elas abertamente: drogas, prostitución, transexualidade, etc. é a temática pola que transcorren as cancións de Transformer (1972) e se hai unha canción que mesmo transcendeu a carreira de Lou Reed, esa é o corte 5 do álbum: "Walk on the Wild Side". O título sacouno Reed da novela de Nelson Algren de 1956,  A Walk on the Wild Side que tamén inspirou outras cancións del da mesma época.


A novela de Nelson Algren fora levada ó cine unha década antes e da banda sonora se encargou Mack David na letra e Elmer Bernstein na interpretación. Malia que en clave jazz, algúns apuntan que tamén foi decisiva ó inspirar a Lou Reed.


A canción de Lou Reed acadou tanta popularidade, especialmente coa súa melodía, que serviu para inspirar outras cancións, coma a de Boudewijn de Groot "Jimmy", do álbum Hoe sterk is de eenzame fietser (1973), cuxa parte final parece toda unha homenaxe a Lou Reed.

http://youtu.be/CY7JwcKo-LQ

O mesmo se pode aplicar para a de Rod Stewart "The Killing of Georgie", do álbum A Night on the Town (1976).

http://youtu.be/skoLCUj1SwI

E logo está a canción de Third Eye Blind "Semi-Charmed Life", pertencente ó álbum epónimo da banda publicado en 1997, onde lle dan a volta ó sentido da canción de Lou Reed. En "Semi-Charmed Lilfe" búscase o optimismo que lle falta a de Lou Reed, as luces que están ausentes na canción orixinal.

http://youtu.be/tC1NR7AL_9s

venres, 25 de abril de 2014

Taj Mahal

Malia que non é moi coñecido fóra do seu país, Jorge Ben Jor é dos músicos brasileiros máis admirados. Non conforme só con que a súa música se tinguise co son da samba e da bossa nova, Jorge Ben Jor experimentou cos estilos típicos do Brasil  fusionándoos co rock e co funk, o que o levou a ser un dos artistas cunha discográfica das máis orixinais, creando un estilo propio que habería de ser moi imitado no seu país. Na escena internacional, o nome de Jorge Ben Jor recórdase sobre todo pola súa canción "Taj Mahal", que segundo o propio Jorge Ben Jor, serviulle de inspiración a Rod Stewart para crear o éxito disco "Da Ya Think I'm Sexy?" sen pedirlle permiso ó músico brasileiro. O caso é que "Taj Mahal", unha das cancións do álbum Ben (1972), non deixa de ser unha máis no amplo e recomendable repertorio de Jorge Ben Jor, un dos grandes músicos de Brasil, á altura de Caetano Veloso e Sérgio Mendes.

http://youtu.be/Ex9jWJ5V014

No álbum Blondes Have More Fun (1978), o ex-compoñente de Small Faces Rod Stewart achegábase a música disco cunha canción que fixo furor nas pistas de baile, "Da Ya Think I'm Sexy?", cuxo éxito se viu empañado cando apareceron as sombras dun posible plaxio. A base aseméllase a de Jorge Ben Jor, aínda que unha vez máis, igual falar de plaxio deliberado poida parecer unha esaxeración. En calquera caso, a cousa quedou nun acordo amistoso entre os dous músicos.

http://youtu.be/s-8QJXqjRng

"Da Ya Think I'm Sexy?" é das cancións máis versionadas de Rod Stewart, pero a xente máis nova a que mellor recorda é a de N-Trance, que no retrouso conserva a voz de Rod Stewart. Está incluída no álbum Happy Hour (1997).

http://youtu.be/fSV0D_Id8Ho