Amosando publicacións coa etiqueta Nina Simone. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nina Simone. Amosar todas as publicacións

xoves, 3 de decembro de 2015

The Pusher

Parece que a discografía de Steppenwolf só se reduce a arquicoñecida canción "Born to Be Wild", inmortalizada na película Easy Rider e protagonista de calquera escena dominada polas motos. Pero o certo é que a banda sonora do film de Peter Fonda nútrese tamén doutro tema que forma parte do álbum epónimo de Steppenwolf co que a banda de Toronto se deu a coñecer en 1968. Falamos de "The Pusher", unha canción que escribiu o músico e compositor Hoyt Axton, e que lle cedeu a Steppenwolf antes de gravala el mesmo uns anos despois.


Nina Simone levou ó seu terreo "The Pusher" no álbum It Is Finished (1974) e esta versión soul é das escasas que se apartan do son rock que caracteriza a maioría das que se teñen feito desta canción.


Neneh Cherry baseou a súa canción "Trout" do álbum Homebrew (1992) en "The Puscher", ademais de que tamén conta co famoso sample de batería da canción de Led Zeppelin "When the Levee Breaks". Nesta canción de Neneh Cherry participa Michael Stipe, líder de REM.


Unha das últimas versións máis importantes que se fixeron de "The Pusher" é a de Blind Melon no álbum Nico (1996).


xoves, 29 de novembro de 2012

Feeling Good

Nos anos 60 os musicais gozaron dunha popularidade absoluta con cancións que transcenderon máis aló deste xénero escenográfico para incorporarse á música popular. Algunhas cancións acadaron tal éxito que mesmo funcionan de xeito independente da obra musical da que forman parte. Algo así é o que lle pasou o musical The Roar of the Greasepaint - The Smell of the Crowd, de 1965 que nos deixou unha gran canción composta por Anthony Newley e Leslie Bricusse, titulado "Feeling Good" e cantada polo protagonista do musical Cy Grant.


Ese mesmo ano apareceu unha versión de "Feeling Good" na voz de Nina Simone para o seu álbum de versións I Put a Spell on You, que axudou de maneira notable a popularizar esta canción no imaxinario colectivo.


"Feeling Good" é un dos temas máis versionados de todos. Artistas como Sammy Davis Jr, Traffic, Sheryl Crow, Eels e Michael Bublé, entre moitos outros, interpretárona nalgún momento nalgún dos seus traballos discográficos. Un dos últimos grupos en sumarse a esta lisa é Muse. A banda de Matt Bellamy gravouna no álbum Origin of Symmetry (2001) e con esta nova versión demostrouse que "Feeling Good" é un clásico disposto a perpetuarse neste novo século.


mércores, 7 de novembro de 2012

I Put a Spell on You

Unha desas cancións inesquecibles que marcaron unha época e que nunca pasarán de moda é "I Put a Spell on You". O seu creador, Screamin' Jay Hawkins, un cantante de soul e rhythm & blues, posiblemente non se imaxinou a repercusión que esta canción ía ter non só para aqueles artistas que fixeron do soul o seu estilo predilecto, senón tamén para os rockeiros, que non dubidaron en incorporar o son das súas guitarras ás notas de "I Put a Spell on You". Incluída no disco de Screamin' Jay Hawkins At Home with Screamin' Jay Hawkins (1956), a canción pasou totalmente desapercibida, pero precisamente serían os artistas que a acabaron versionando quen colocarían esta excelente canción nos anais da música.


Unha das primeiras versións que colocaron a canción máis famosa de Sreamin' Jay Hawkins nas listas de vendas foi a de Nina Simone en 1965. Unha das grandes damas do soul redescubriuna para o gran público nun momento fundamental na historia da música.


Pero unha das versións máis lembradas é a de Creedence Clearwater Revival do álbum epónimo da banda dos irmáns Fogerty publicado en 1968. Malia que foron os integrantes de The Animals, Alan Price, por un lado, e Eric Burdon por outro, dos primeiros en empregar a electricidade neste tema, en 1968 a versión de Creedence Clearwater Revival supuxo toda unha revolución.


E que dicir do aire glam que o líder de Roxy Music, Bryan Ferry lle deu a súa versión.


Mesmo a dj Sonique se animou a lanzala en versión electrónica para as pistas de baile nunha proba máis da atemporalidade deste tema, que conta tamén con excelentes versións de Joe Cocker, She & Him e a que gravou Joss Stone con Jeff Becker, todas recomendables. Alguén lle pode pedir máis a unha canción?


E para rematar, o tema de Frank Sinatra "The World We Knew (Over and Over), un tema tradicional ó que Sinatra lle engadiu os acordes de "I Put a Spell on You". Foi publicada en 1967 no álbum do mesmo título.

xoves, 12 de xullo de 2012

Don't Let Me Be Misunderstood

Dificilmente podería imaxinar o trío de compositores formado por Gloria Caldwell, Sol Marcus e Bennie Benjamin cando escribiron "Don't Let Me Be Misunderstood" para Nina Simone que acababan de asinar unha das cancións máis grandes de tódolos tempos. Un tema soul que trascendeu a música rock e se fixo indispendable en calquera colección de música contemporánea; un clásico con maiúsculas. Nina Simone gravouna en 1964 no álbum Broadway -Blues -Ballads, que contén algunhas das mellores cancións desta dama do soul e do blues.


Que este tema se fixese tan popular débese a The Animals. A banda de Eric Burdon incluíu unha versión no seu terceiro disco "americano" Animal Tracks (1965) que conquistou o planeta enteiro.


E dende os anos 60 as versións de "Don't Let Me Be Misunderstood", tanto baseadas na de Nina Simone como na de The Animals, non fixeron máis que agromar ata os nosos días. Joe Cooker, Gary Moore, Elvis Costello, Cyndi Lauper, etc. que se renderon ó encanto que desprende este tema. Mais unha das versións máis curiosas é a de Santa Esmeralda, que en plena época disco souberon adaptala ó estilo do momento en 1977.


Tamén moita xente adoita indicar que a versión de The Animals inspirou o riff de guitarra que Bruce Springsteen emprega en "Badlands", un dos temas que compoñen Darkness on the Edge of Town (1978). En calquera caso, un dos grandes temas do Boss.

http://youtu.be/TF1jH6Cv0tk

E si, incriblemente tamén serviu ó movemento hip-hop como sample. Lil Wayne empregouna no tema "Don´t Get It" en Tha Carter III (2008). Sen dúbida o hip-hop sabe reciclar calquera tipo de melodías.