Amosando publicacións coa etiqueta The Byrds. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Byrds. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de febreiro de 2016

You Don't Miss Your Water

O debut de William Bell no mundo da música soul non puido comezar con mellor pé. Certo que "You Don't Miss Your Water", o single co que seu a coñecer e que foi o principal valedor do álbum The Soul of a Bell (1961), non acadou unhas posicións moi altas nas listas de vendas, pero o encanto que agromaba das súas notas conquistou a músicos de distinta índole que a levaron ós seus respectivos terreos ó faceren novas versións. O primeiro foi o gran Otis Redding, colega de William Bell no selo Stax, quen no álbum Otis Blue (1965) se encargou de espallala ata aqueles lugares ós que a versión orixinal non chegara. A partir de aí, as versións que se fixeron de "You Don't Miss Your Water" foron constantes.

https://youtu.be/tcI5cheyff4

Trala versión de Otis Redding, a canción "You Don't Miss Your Water" saltou a outros eidos fóra do soul e adentrouse no rock da man de grupos como The Byrds, que a incluíron no álbum Sweetheart of the Rodeo (1968).

https://youtu.be/PjnYibBHMzk

Un grande do rock and roll coma Jerry Lee Lewis fixo unha versión en clave blues no álbum The Killer Rocks On (1972).

https://youtu.be/5nF52tbH2tM

A versión orixinal de William Bell deixou algún trazo de inspiración na canción de Bruce Hornsby and the Range "Mandolin Rain", pertencente ó álbum The Way It Is (1986).

luns, 21 de decembro de 2015

Eight Miles High

Pois non, lonxe do que moita xente cre The Byrds non era só unha gran banda que se dedicaba a facer versións doutras cancións de éxito, tamén compuñan as súa propia música cun moi bo resultado. Moitas das cancións orixinais da banda inglesa son verdadeiros clásicos dos sesenta que influenciaron a música doutros artistas que os versionaron, pondo esas versións á mesma altura que as versións que facían The Byrds. Especial repercusión tivo "Eight Miles High", canción do álbum Fifth Dimension (1966), en cuxos tres minutos e medio se concentra toda a creatividade de Gene Clark, Jim McGuinn e David Crosby, que xa se revelaban como grandes compositores. "Eight Miles High" é unha fantástica canción psicodélica, moi marcada pola influencia de Ravi Shankar, que se manifesta sobre todo na melodía da guitarra.


Sería imposible quedar con todas as versións fabulosas que se fixeron de "Eight Miles High", a cargo de Roxy Music, Crowded House e Hüsker Dü por citar só uns poucos exemplos. No entanto, preferimos quedar coa canción de Bruce Springsteen "Life Itself", pertencente a Working on a Dream (2009), que comparte coa de The Byrds algúns acordes, coma se "Eight Miles High" servise de inspiración ó Boss.

luns, 12 de xaneiro de 2015

Here Without You

En plena voráxine da Invasión Británica formáronse uns cantos grupos estadounidenses que ó abeiro dos novos sons, ían moverse entre o folk e a psicodelia. Un dos máis representativos foi The Byrds, con Gene Clark e David Crosby á cabeza, que se presentaron en 1965 con Mr. Tambourine Man, un álbum de doce cancións onde algunhas eran versións de temas de Bob Dylan, como a que lle dá título ó disco; xa daquela o bardo do folk era unha referencia indiscutible no seu país e os novos adoitaban fixarse nas súas cancións, que normalmente garantían un éxito doado. Pero ademais diso, The Byrds presentaban composicións propias  como "Here Without You", o corte cinco, escrito por Gene Clark, que se habería converter nunha das cancións máis importantes de The Byrds.


Ó ano seguinte da publicación de Mr. Tambourine Man e de Turn! Turn! Turn!, a continuación do debut, The Byrds publicaron Fifth Dimension (1966), onde avanzaban na súa proposta de combinar folk e rock psicodélico. Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é "Eight Miles High" e algúns críticos sinalan que os primeiros acordes do comezo son unha revisión dos de "Here Without You".

xoves, 8 de maio de 2014

You Showed Me

The Byrds pasou á historia como unha das bandas dos 60 que mellor souberon versionar ós artistas contemporáneos coma Bob Dylan, pero tamén sería inxusto recoñecer que Jim McGuinn e Gene Clark, ademais de excelentes músicos, tamén sabían compór cancións propias cun selo de lonxevidade que triunfaron noutras voces distintas a de The Byrds. É o caso de "You Showed Me", de 1964, que por algún motivo, talvez debido a que The Byrds parecían estar especializados en éxitos alleos, non tivo demasiada repercusión e nin chegou a incluírse nos primeiros discos de longa duración da banda anxelina.


Non obstante, "You Showed Me" gravárona The Turtles no álbum The Turtles Present the Battle of the Bands (1968) e a aceptación da nova versión foi máxima por parte do público e da crítica, tanto que está considerada como unha das mellores cancións de The Turtles. E que a diferencia da orixinal, pois? The Turtles ralentizaron o ritmo, déronlle menos revolucións e aí posiblemente estea o segredo que fai que aínda hoxe moita xente prefira a versión de The Turtles á de The Byrds.


A sona que acadou "You Showed Me" tamén lle valeu para estar detrás doutras cancións coma na do grupo de hip hop De La Soul "Transmitting Live From Mars (Interlude)", pertencente ó álbum 3 Feet High and Rising (1989).


Tamén U2 introduciu algúns acordes de "You Showed Me" no tema "The Playboy Mansion", unha das cancións de Pop (1997).


O último en acordarse de "You Showed Me" para compór unha nova canción foi Kanye West, na canción "Gorgeous", no exitoso My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

venres, 18 de outubro de 2013

Needles and Pins

Unha das primeiras mulleres que se dedicaron ó rock foi Jackie DeShannon. A finais dos anos 50, cando a maioría das cantautoras facían temas soul, DeShannon lanzouse na procura dun son que estaba facendo furor en bandas compostas principalmente por mozos. Comezou sacando singles ata que en 1963 saíu o seu primeiro LP Jackie DeShannon, pero sería ó ano seguinte cando Jackie DeShannon acadaría maior sona, grazas sobre todo ó single "Needles and Pins", composta por Jack Nitzsche e Sonny Bono, e que finalmente aparecería no LP Breakin' It Up on The Beatles (1964). Ese mesmo ano Jackie DeShannon colaboraba nun programa de radio dedicado exclusivamente ós Beatles, o que lle serviu para coñecer ós catro de Liverpool, pero para entón "Needles and Pins" xa contaba con algunha versión de importancia.

http://youtu.be/SSbM_Zmx9kA

A principal versión que se fixo de "Needles and Pins" e que chegou ós primeiros postos nas listas de vendas foi a de The Searches tamén en 1964. A nova versión tivo tanta repercusión co son beat que serviu de base a novas cancións.

http://youtu.be/ypv1lZlW1WY

A primeira desas cancións apareceu un ano despois do éxito de "Needles and Pins" da man de The Byrds. O single "I'll Feel a Whole Lot Better", que se inclúe no álbum Mr. Tambourine Man (1965) contén o seu riff de guitarra.

http://youtu.be/GaYqfI_tCkM

Pero antes de ir coa outra canción, unha curiosidade. O tema de The Byrds tamén conta cunha boa dose de versións, aínda que quizais a máis orixinal sexa a do arxentino Charly García, cunha letra adapatada ó español titulada "Me siento mucho mejor", do álbum Filosofía Barata y Zapatos de Goma (1990).

http://youtu.be/5oInx4_FkGE

Volvamos pois á versión de "Needles and Pins" de The Searchers. Esta reprodúcese ó comezo da canción de Megadeth "Use the Man", do álbum Cryptic Writings (1997).

http://youtu.be/gpW9MvgGXoU

mércores, 9 de xaneiro de 2013

So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star

O cuarto álbum de The Byrds Younger Than Yesterday (1967) ábrese coa canción "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star", unha das máis populares da banda composta por Roger McGuinn, Gene Clark, David Crosby, Michael Clark e Chris Hillman. Co seu estilo habitual de mestura-lo rock coa psicodelia, The Byrds afondaban co seu cuarto traballo na procura dun son propio que os afastase da influencia  da música de Bob Dylan, que tanto marcara as orixes de The Byrds.

A principal versión que se fixo de "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star" atópase na voz de Patti Smith, que a gravou para o álbum Wave (1979), o cuarto traballo discográfico que publicou coa súa banda Patti Smith Group.

No mesmo ano en que Patti Smith sacaba a versión de "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star", a banda británica de rock Charlie publicaba Fight Dirty, que contén o tema "Killer Cut", con referencias sutís á canción de The Byrds.

martes, 17 de xullo de 2012

The Bells of Rhymney

Gwalia Deserta, obra do poeta galés Idris Davies inspirou boa parte da letra de "The Bells of Rhymney", unha das cancións que Pete Seeger incluiu no álbum Pete Seeger and Sonny Terry (1958) e que supuxo un dos maiores éxitos deste cantante cando aínda faltaban uns anos para que Bob Dylan puxese de moda o movemento folk. 


Uns cantos anos máis tarde, concretamente en 1965 debutaba a banda californiana The Byrds co álbum  Mr. Tambourine Man cuxo título debíase a unha das cancións de Bob Dylan que The Byrds versionaba xunto coa de Pete Seeger.


O riff de guitarra que The Byrds empregou para a súa versión de "The Bells of Rhymney" tivo un efecto inmediato para uns debutantes e volveu aparecer nunha canción dese mesmo ano. Nin máis nin menos que o propio George Harrison utilizouno para a canción de The Beatles "If I Needed Someone" do álbum Rubber Soul (1965).


O xovencísimo  Bryan McLean, que daquela contaba cuns dezasete anos, tamén se baseou no riff que Roger McGuinn empregara en "The Bells of Rhymney" cando compuxo "Orange Skies", un dos temas  que aparecería no segundo álbum de Love Da Capo (1967).


E seguindo coa canción de Love, o crítico musical Matthew Greenwald comprobou que "Orange Skies" serviulle de influencia a Stevie Wonder en "My Cherie Amour", do álbum do mesmo título de 1969.