En plena voráxine da Invasión Británica formáronse uns cantos grupos estadounidenses que ó abeiro dos novos sons, ían moverse entre o folk e a psicodelia. Un dos máis representativos foi The Byrds, con Gene Clark e David Crosby á cabeza, que se presentaron en 1965 con Mr. Tambourine Man, un álbum de doce cancións onde algunhas eran versións de temas de Bob Dylan, como a que lle dá título ó disco; xa daquela o bardo do folk era unha referencia indiscutible no seu país e os novos adoitaban fixarse nas súas cancións, que normalmente garantían un éxito doado. Pero ademais diso, The Byrds presentaban composicións propias como "Here Without You", o corte cinco, escrito por Gene Clark, que se habería converter nunha das cancións máis importantes de The Byrds.
Ó ano seguinte da publicación de Mr. Tambourine Man e de Turn! Turn! Turn!, a continuación do debut, The Byrds publicaron Fifth Dimension (1966), onde avanzaban na súa proposta de combinar folk e rock psicodélico. Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é "Eight Miles High" e algúns críticos sinalan que os primeiros acordes do comezo son unha revisión dos de "Here Without You".
Ningún comentario:
Publicar un comentario