xoves, 15 de xaneiro de 2015

Cocaine

JJ Cale é un dos músicos, que sen facer demasiado ruído mediático e centrado só na súa música, deixou unha pegada imborrable no rock. Comezou a finais dos anos cincuenta gravando singles ata que en 1972 lanzou o primeiro álbum de longa duración. Para entón  xa era un artista respectado que xa contaba no seu haber con cancións coma "After Midnight", pero o gran público haberíao de coñecer sobre todo, cando a Eric Clapton se lle deu por versionar algunhas das súas cancións, o que fixo que en moitas ocasións servise para centrarse na figura daquel compositor que non renunciara a gravar as súas propias cancións. Sen que a sona se lle subise á cabeza, en 1976 publicou Troubadour, o cuarto disco, que contén unha canción inmortal como é "Cocaine", hoxe considerada unha das máis grandes do rock. 


Mestre para boa parte dos músicos dos anos 60 e 70, posiblemente foi Eric Clapton quen mellor soubo renderlle tributo a JJ Cale coas súas versións. A de "Cocaine" foi das que máis éxito tivo. Pertence a Slowhand (1977), polo que é unha das versións temperás de "Cocaine" e co tempo a popularidade que acadou chegou a superar á orixinal.


Gretchen Wilson débelle parte do éxito da súa canción "Work Hard, Play Harder", de I Got Your Country Right Here (2010) ó parecido que ten con "Cocaine", mais tamén debido a que os irmáns Robinson, de The Black Crowes, pensan que a canción de Gretchen Wilson ten parte da estrutura de "Jealous Again", tema do álbum Shake Your Money Maker (1989).


E para que non nos quede atrás, velaquí a canción de The Black Crowes pertencente ó debut da banda dos irmáns Robinson, que curiosamente, a pesar do título, non incluíron ningunha versión da canción de Elmore James que vimos hai uns días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario