xoves, 8 de xaneiro de 2015

Break On Through (To the Other Side)

O ano 1967 comezaba cunha agradable sorpresa musical. Acababa de irrumpir unha banda procedente de Los Angeles, que contraatacaban a invansión británica dos anos anteriores cun rock psicodélico que facía tremer. Respondían o nome de The Doors, un cuarteto composto polo batería John Densmore, o teclista Ray Manzarek, o guitarrista Robby Krieger e un cantante cun enorme poder de atracción coma Jim Morrison. En xaneiro presentaron o debut, The Doors (1967), hoxe todo un clásico polo inmenso nivel das once cancións que o forman, onde só dúas son versións, algo resaltable nun álbum de debut daquela, o que serve perfectamente para mostrar a seguridade coa que se presentaban The Doors. A canción que abre o álbum e que tamén foi o primeiro single, "Break On Through (To the Other Side)", é un tema orixinal pero que contén algunhas influencias que non se lles escaparon ós críticos.


Por exemplo, recorda moito nalgúns intres ó comezo do tema de Ray Charles "What'd I Say", do álbum do mesmo título que se publicou en 1959. De todas formas, cómpre lembrar que esta canción de Ray Charles é unha das máis influentes de todos os tempos e unha das favoritas de moitos artistas, só que The Doors souberon inspirarse nela dun xeito sibilino e ó mesmo tempo, claro.


Tamén se sinala que a versión que Paul Butterfield fixo de "Shake Your Moneymaker" dous anos antes no álbum The Paul Butterfiel Blues Band (1965) inspirou a Robby Krieger para os acorde de "Break On Through (To the Other Side)". En calquera caso, "Shake Your Moneymaker" ten a súa propia miga, que veremos proximamente.


Recentemente, The Raveonettes no álbum Pe'ahi (2014) empregaron parte da canción de The Doors, concretamente en "Endless Sleeper".

Ningún comentario:

Publicar un comentario