Amosando publicacións coa etiqueta Van Morrison. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Van Morrison. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de febreiro de 2015

4th July Asbury Avenue (Sandy)

As orixes de Bruce Springsteen están influídas por dous factores: a condición de mozo de Nova Jersey, arraigado ó seu barrio e a música de Van Morrison. Desa combinación xorden os primeiros traballos do Boss, que se postulaba para seguir a senda que unha década antes emprendera Bob Dylan. Mentres outros lle cantaban ás ilusións románticas, a paisaxe que Springsteen pintaba nas súas composicións mostraba a realidade cotiá dos traballadores e a realidade exenta do glamour dun mundo idealizado. Pero o realismo social das letras casa cun lirismo que o Boss foi perfilando devagar ata ser un músico de referencia, acompañado sempre de The E Street Band. The Wild, the Innocent & the E Street Shuffle (1973) é o segundo álbum, onde aparece "4th July Asbury Avenue (Sandy)".

http://youtu.be/KgFHM8HMbWQ

Con toda seguridade, e así o deixa claro a crítica especializada, "4th July Asbury Avenue" vén sendo  unha herdeira directa de "Cyprus Avenue", a canción que Van Morrison incluíu en Astral Weeks (1968).

http://youtu.be/L8jPDdHd9y8

Pero a música de Bruce Springsteen xa tiña un aquel nos seus comezos, malia a que aínda estaba na procura dunha identidade propia que a distinguise de calquera outro novo compositor. A proba máis evidente disto é que The Hollies, xa uns veteranos na década dos setenta, sacasen unha versión de "4th July Asbury Avenue (Sandy)" en Another Night (1975), 

http://youtu.be/8S1t43j1I_g

Mesmo os grupos de heavy rock máis duros non se mostraron indeferentes co talento compositivo de Springsteen. Inspirándose na versión de The Hollies, Kiss fixo unha fonda revisión de "4th July Asbury Avenue (Sandy)" á que chamaron "Shandi" no álbum Unmasked (1980).

http://youtu.be/R71bWoZ__e0

xoves, 27 de novembro de 2014

Devils Haircut

O prestixio de Beck como músico aumentou despois da publicación de Mellow Gold (1994) e foi sen dúbida na década dos noventa onde a súa discografía viviu a etapa de maior esplendor, unha reputación que aínda se mantén na actualidade, pois os seus últimos traballos conservan esa chispa que xa se lle adiviñaba en Mellow Gold. Odelay (1996) continuou a boa estela do álbum anterior e é dos máis aplaudidos polos fans e pola crítica especializada. Trátase dun disco ecléctico, no que Beck recolle unha morea de estilos nas trece cancións que o compoñen. Quizais o máis rechamante sexa a influencia que exerceu para este traballo a banda de Van Morrison, Them, que está presente en varias cancións, como en "Jack-Ass", como xa tivemos ocasión de ver. Outra que tamén tirou do repertorio de Them é o segundo single, "Devils Haircut", das máis aclamadas do álbum e que, ademais de Them, Beck aproveita para recuperar unha das cancións do gran batería Pretty Purdie.

http://youtu.be/N3ZsKeX2_7A

Bernard "Pretty" Purdie lograra inculcar protagonismo á bateria, un instrumento fundamental no son, pero que sempre quedaba relegado na presenza doutros. Como xa vimos, creou unha secuencia que despois aparecería en cancións doutros músicos. Pero en "Devils Haircut" Beck rescata unha das cancións de Pretty Purdie, "Soul Drums", do álbum do mesmo título que publicou en 1967.

http://youtu.be/23ihawJKZcE

Them contribúe con dúas cancións para a elaboración de "Devils Haircut". As dúas pertencen ó segundo álbum, Them Again (1966). Unha delas é a versión que os norirlandeses fixeron do tema de James Brown "Out of Sight".

http://youtu.be/GLUYz-cbq5Y

Por certo, a versión orixinal de "Out of Sight" gravouna James Brown en 1964 con son de rhytm&blues.

http://youtu.be/xaOmCHMzXa8

A outra canción de Them é "I Can Only Give You Everything", un tema composto por Mike Coulter e Tommy Scott.

http://youtu.be/VH0G1o8xbt4

luns, 28 de xullo de 2014

Madame George

Co segundo disco en solitario, Van Morrison consagrábase definitavemente como un dos mellores músicos de folk rock do momento. Atrás quedaba xa a súa etapa con Them, á que conseguiría eclipsar coa súa brillante traxectoria. Se Blowin' Your Mind! (1967) supuxo unha sorpresa ó comprobar do que era capaz Van Morrison sen o acompañamento do nome dunha banda, Astral Weeks (1968) afondaba aínda máis na idea de estar ante un músico cuxo prestixio só podía ir aumentando cos anos. A combinación de folk, rock e blues queda patente nun traballo equilibrado que habería ser constante en cada álbum do artista irlandés. Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é "Madame George", unha sinxela balada, pero cargada dunha gran forza e beleza.


De todos é sabido a tremenda influencia de Van Morrison na música de Bruce Springsteen, como tivemos ocasión de comprobar algunha vez por estes lares. A crítica adoita sinalar que a canción do Boss "Burn to Run", pertencente ó album do mesmo nome editado en 1975, debe parte do seu son ós derradeiros acordes de "Madame George", aínda que de maneira indirecta, polo que as similitudes son practicamente nulas.

xoves, 6 de marzo de 2014

It's All Over Now, Baby Blue

Co quinto disco Bringing It All Back Home (1965), Bob Dylan afianzábase como un paladín do folk ó que non era doado facerlle sombra. O nivel compositivo e poético de Dylan chegara a un punto en que case calquera canción saída da súa man estaba á altura da poesía que se publicaba nese momento e a súas letras lograban emocionar a unha sociedade que sentía que os tempos estaban cambiando. A canción que pecha o disco, "It's All Over Now, Baby Blue", non tardou en ser versionada, como ben sucedía coa meirande parte das cancións de Dylan, e moitos teóricos atoparon un bo pasatempo conxecturando sobre a identidade dese Baby Blue á quen está dedicada a canción. Non obstante, Bob Dylan nunca se pronunciou sobre o particular, polo que o misterio aínda continúa hoxe.

http://youtu.be/Uz9BAE1FZGM

Sería difícil facer unha lista pormenorizada de tódalas versións que se gravaron de "It's All Over Now, Baby Blue", debido as excelentes interpretacións que hai, pero quizais haxa que quedar coa de Them, xa que a versión que a antiga banda de Van Morrison no álbum Them Again (1966) é das máis orixinais e deu lugar a novas versións da canción a partir desta.

http://youtu.be/OQiMxD4fvhw

E da de Them non só se derivaron novas versións, senón que tamén deu lugar a novas cancións totalemente novas, que xa pouco teñen que ver coa orixinal de Bob Dylan. A máis coñecida é a de Beck "Jack-Ass", pertencente ó álbum Odelay (1996).

http://youtu.be/2HMhfdfxR98

A outra tamén coñecida é a do grupo de hip hop Insane Clown Posse "Another Love Song", single tomado do álbum The Amazing Jeckel Brothers (1999) e que toma elementos da canción de Beck sen perder a referencia da de Bob Dylan.

http://youtu.be/YfxDhNysSpg

venres, 13 de setembro de 2013

Gloria

Non hai moito que lle dedicamos unha entrada a "Gloria" de Umberto Tozzi, así que xa lle tocaba tamén a quenda a outra canción do mesmo título que tamén conta cun lugar privilexiado no mundo da música. Falamos do tema composto por Van Morrison cando aínda era integrante da banda Them. A banda norirlandesa debutaba así en 1964 e un ano despois se convertería na canción estrela do álbum The Angry Young Them.


Cando Van Morrison xa era un artista cunha carreira en solitario consolidada, volveu gravar "Gloria" para algúns dos seus discos en directo. Asemade, outros artistas e grupos seguían o seu exemplo e "Gloria" converteuse nunha canción habitual nos concertos e de vez en cando, aparecía algunha versión nun disco de estudio dalgúns grandes, mais a versión que acadou un maior éxito despois da orixinal é a que Patti Smith incluíu no seu disco Horses de 1975, coa particularidade de que Smith variou algúns fragmentos da letra, mais aínda así, esta canción non renuncia á maxia inicial.

http://youtu.be/qBN5aaApg9Q

luns, 21 de xaneiro de 2013

Tupelo Honey

A canción que lle dá título ó quinto álbum en solitario do norirlandés Van Morrison Tupelo Honey, publicado en 1971 ten unha melodía bastante recorrente nalgunhas cancións do propio Van Morrison que non adoita afectar á creatividade deste xenio de Belfast. De feito, este truco valeulle nalgunhas ocasións a Van Morrison para entrelazar esas cancións nos concertos. Por orde cronolóxica, a primeira canción que estreou esa melodía é "Crazy Love", unha balada do disco Moondance, editado un ano antes ca Tupelo Honey.


O resultado de "Tupelo Honey" é o seguinte: http://www.goear.com/listen/ef853c5/tupelo-honey-van-morrison

E vinte anos despois, Van Morrison volveu botar man desta melodía en "Why Must I Always Explain?", do álbum Hymns to the Silence; a continuación precedida precisamente de "Tupelo Honey": http://www.goear.com/listen/b39aa23/why-must-i-always-explain-van-morrison

Pero "Tupelo Honey" destaca entre as demais por inspirar un dos grandes temas do gran Bruce Springsteen: "Racing in the Street", cun título que fai referencia á canción de Martha and the Vandellas. Está no álbum de 1978 Darkness on the Edge of Town.