xoves, 5 de febreiro de 2015

4th July Asbury Avenue (Sandy)

As orixes de Bruce Springsteen están influídas por dous factores: a condición de mozo de Nova Jersey, arraigado ó seu barrio e a música de Van Morrison. Desa combinación xorden os primeiros traballos do Boss, que se postulaba para seguir a senda que unha década antes emprendera Bob Dylan. Mentres outros lle cantaban ás ilusións románticas, a paisaxe que Springsteen pintaba nas súas composicións mostraba a realidade cotiá dos traballadores e a realidade exenta do glamour dun mundo idealizado. Pero o realismo social das letras casa cun lirismo que o Boss foi perfilando devagar ata ser un músico de referencia, acompañado sempre de The E Street Band. The Wild, the Innocent & the E Street Shuffle (1973) é o segundo álbum, onde aparece "4th July Asbury Avenue (Sandy)".

http://youtu.be/KgFHM8HMbWQ

Con toda seguridade, e así o deixa claro a crítica especializada, "4th July Asbury Avenue" vén sendo  unha herdeira directa de "Cyprus Avenue", a canción que Van Morrison incluíu en Astral Weeks (1968).

http://youtu.be/L8jPDdHd9y8

Pero a música de Bruce Springsteen xa tiña un aquel nos seus comezos, malia a que aínda estaba na procura dunha identidade propia que a distinguise de calquera outro novo compositor. A proba máis evidente disto é que The Hollies, xa uns veteranos na década dos setenta, sacasen unha versión de "4th July Asbury Avenue (Sandy)" en Another Night (1975), 

http://youtu.be/8S1t43j1I_g

Mesmo os grupos de heavy rock máis duros non se mostraron indeferentes co talento compositivo de Springsteen. Inspirándose na versión de The Hollies, Kiss fixo unha fonda revisión de "4th July Asbury Avenue (Sandy)" á que chamaron "Shandi" no álbum Unmasked (1980).

http://youtu.be/R71bWoZ__e0

Ningún comentario:

Publicar un comentario