Amosando publicacións coa etiqueta Sam Cooke. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sam Cooke. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de febreiro de 2015

Cupid

Sam Cooke tivo unha prolífica carreira, que seguramente nos proporcionaría moitas outras grandes cancións se non perdese a vida tan novo. Malia editar os seus primeiros singles en 1957, cinco anos despois ía xa polo terceiro compilatorio que recollía boa parte do material publicado ata daquela. En The Best of Sam Cooke (1962), ademais dos grandes éxitos, Cooke incluíu algún tema inédito que lle serviu para promocionar o disco e facer de gancho para os fans. Desde logo non se trata de ningunha canción menor, pois "Cupid" é unha das máis recordadas se temos en conta as numerosas versións que fixeron desde a súa publicación. Así que a continuación tendes unha pequena mostra dalgunhas das versións máis coñecidas de "Cupid". A ver cal é a vosa favorita.


No álbum tributo que se lle fixo a Sam Cooke We Remember Sam Cooke (1965) The Supremes interpretaron "Cupid" e que supón unha das primeiras versións.


Como gran coñecedor da obra de Cooke, que cantou numerosas veces, Otis Redding tamén gravou "Cupid", difirindo lixeiramente a súa versión das anteriores.


A pesar de que non foi a primeira que a gravou en clave reggae, Amy Winehouse fixo unha das mellores versións dos últimos anos. A dela é de 2007 e pertence a unha edición especial de Back to Black.


"Cupid" tamén serviu para adornar e darlle lustre á canción de Carly Rae Japsen "Tiny Little Bows", que abre o segundo álbum desta moza, Kiss (2012), e co que tanta sona acadou.

mércores, 12 de marzo de 2014

Yeah Man

Despois das distintas sensacións que deixara Sam Cooke no álbum Ain't That Good News onde o músico choraba a morte do seu fillo, pero onde había un atisbo de esperanza, ninguén podería imaxinar que ese sería o derradeiro disco publicado en vida. En marzo de 1964 as tendas de música colocaban nos estantes das novidades ese fantástico disco que había de engaiolar ós seguidores máis incondicionais de Cooke e tamén lle faría gañar novos adeptos. Non obstante, no mes de decembro dese ano a traxedia cebábase coa música soul ó arrebatarlle dunha forma cruel a un dos mellores músicos do momento. Daquela Sam Cooke acababa de remata-la gravación do seu seguinte álbum Shake, que se publicou apenas un mes despois do pasamento. Era xaneiro de 1965 e as tendas volvían colocar un novo disco de Sam Cooke no estante das novidades, pero nesa ocasión, coa conmoción que supuña saber que aquel fantástico compositor e músico nunca máis volvería escribir música nova coa que encher os estantes das tendas. "Yeah Man" é unha das cancións dese álbum.


Exactamente dous anos despois de que se desen a coñecer as cancións póstumas de Sam Cooke, Arthur Conley publicaba o álbum Sweet Soul Music (1967). A canción que lle dá título está baseada na de Sam Cooke, e en realidade é toda unha homenaxe á música soul onde se mencionan algunhas das cancións máis coñecidas deste xénero.

venres, 10 de xaneiro de 2014

Another Saturday Night

En 1963 editábase o single de Sam Cooke "Another Saturday Night", adianto do álbum Ain't That Good News, que se publicaría nos primeiros meses de 1964. O título do álbum é un bo indicador do estado de ánimo de Cooke trala perda do seu fillo, pero o que tampouco podería adiviñar ninguén e que ese ía ser o derradeiro traballo musical que Sam Cooke publicaba en vida. Sen dúbida, un dos seus mellores discos, co anticipo de "Another Saturday Night" xa se intuía que a pesar dos problemas persoais que atravesaba, Sam Cooke estaba nun gran momento compositivo. Hoxe é un dos seus temas máis versionados.


Unha das primeiras versións que tamén acadou os primeiros postos nas listas de vendas foi a que gravou Cat Stevens en 1974 e que pechaba o primeiro recompilatorio de grandes éxitos do cantautor británico. The Greatest Hits de Cat Stevens publicouse en 1975 tivo unha gran acollida precedida polo éxito da versión do tema de Sam Cooke.


O cantautor francés Claude François mantiña unha boa amizade con Stevens tras adaptar ó francés "Wild World" e decidiu facer o mesmo con "Another Saturday Night", que así se transformou en "La vie d'un homme" en 1975.



venres, 21 de setembro de 2012

Chain Gang

O soul e o rhythm & blues consolidáronse nos anos 60 como dous estilos alternativos ó rock cunha boa acollida dun público que aínda vibraba coa voz de Ray Charles, Fats Domino e Sam Cooke. Este último editou no verán de 1960 o single "Chain Gang", unha das súas composicións que máis éxito tiveron no seu momento tras "Wonderful World", a canción máis recordada do malogrado cantante de Chicago.


Moitos críticos sinalaron que a canción de Cooke inspirou de maneira notable a Chrissie Hynde para compoñer "Back on the Chain Gang", un dos grandes éxitos de The Pretenders, lanzado en 1982 e que se incluiría no disco Learning to Crawl (1984).

http://www.goear.com/listen/efba440/back-on-the-chain-gang-the-pretenders

"Back on teh Chain Gang" tamén foi gravada en español pola cantante texana Selena co título "Fotos y Recuerdos". A nova versión, adaptada ó castelán por Ricky Vela aparece no disco Amor Prohibido (1994) e é un bo exemplo de ritmos latinos a base de cumbia e salsa; un xiro radical para unha melodía que bebe do R6B.

http://www.goear.com/listen/0afe671/fotos-y-recuerdos-selena