Amosando publicacións coa etiqueta Radio Futura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Radio Futura. Amosar todas as publicacións

xoves, 1 de outubro de 2015

I Heard It Through the Grapevine

Marvin Gaye era unha das xoias da coroa da Tamla Motown nos esplendorosos anos sesenta e na discográfica de Detroit coidaban de aproveitar todo o seu inmenso talento, primeiro como solista e logo tamén como parte de dúos con Mary Wells, Kim Weston e sobre todo con Tammi Terrell, con quen gravou algunha das cancións máis populares na andaina de ambos. Deste xeito, Gaye compaxinaba dúas carreiras e non sorprendía atopar nun mesmo ano dous discos seus, ás veces mesmo publicados no mesmo mes. Iso foi o que ocorreu no mes de agosto de 1968, coa edición de You're All Need xunto a Tammi Terrell, e a de In the Groove, tamén chamado I Heard It Through the Grapevine, o álbum en solitario de Marvin Gaye, tras dous anos, o que lle engadía maior atractivo. "I Heard It Througn the Grapevine" é unha das cancións máis coñecidas do álbum.


Creedence Clearwater Revival fixo unha excelente versión de "I Heard It Through the Grapevine" no álbum Cosmo's Factory (1970) que pasa por ser unha das mellores da canción de Marvin Gaye.


Con simplemente cambiarlle a letra, pero mantendo a mesma melodía e son, Queen Latifah ofrece no álbum Order in the Court (1998) a canción "Paper", que no fondo, non deixa de ser unha revisión da de Marvin Gaye. 


Varios anos despois de ter rematada a aventura de Radio Futura, Santiago Auserón volveuse unir ó seu irmán Luis para sacar un novo álbum conxunto co nome Las malas lenguas (2006), co que rendían tributo a clásicos do rock and roll e do soul adaptándoos ó castelán. A canción que lle dá título é a versión de "I Heard It Through the Grapevine".

martes, 3 de febreiro de 2015

Semilla Negra

Radio Futura comezou como unha banda de rock da Movida pero non tardou en introducir paulatinamente os sons latinos na súa música desde moi cedo, o que lle conferiu un estilo propio, diferente das propostas das outras bandas da mesma xeración. Unha das primeiras achegas neste terreo foi "Semilla Negra", unha canción que aparece por primeira vez no segundo disco da banda dos irmáns Auserón La ley del desierto / La ley del mar (1984) e que habería de funcionar moi ben, tanto que vai decantar as preferencias do grupo, cada vez maiores, cara ós xéneros de fusión. Nun primeiro momento, esta canción estaba pensada para Miguel Bosé, pero este rexeitouna, así que se incorporou ó repertorio de Radio Futura con tan boa sorte, que ía ser unha das favoritas da banda.


"Semilla Negra" adoita estar en calquera recompilatorio de Radio Futura como no álbum en concerto que editaron en 1989. Logo tamén se habería incorporar ó disco Tierra para bailar (1992) con lixeiros cambios que haberían culminar na versión do recompilatorio Memoria del porvenir (1998), onde se acentúa o son funk e rockeiro.


No álbum tributo á Radio Futura, Arde la calle (2004) Marlango fai unha versión de "Semilla Negra" que nada ten que ver coas anteriores dos irmáns Auserón.

xoves, 18 de outubro de 2012

Ballrooms of Mars

Nos últimos anos dos 60 xa se comezaba a respirar novos aires no rock, que seguía evolucionando de forma constante, e así, en Gran Bretaña unha serie de artistas novos como David Bowie, Bryan Ferry e Marc Bolan ían a abandeirar un novo estilo dentro do rock: o glam onde a estética cobraba unha importancia que ata daquela apenas tiña cabida dentro do movemento musical. Precisamente, Marc Bolan formou unha das bandas máis representativas do glam rock: T. Rex, que se non chega a ser pola imprevista morte de Bolan en 1977, seguramente que aínda hoxe habería de encabezar a vangarda do rock. O seu maior éxito é "Get It On", pero T.Rex tamén nos deixou outras enormes canción como "Ballroom of Mars", do sétimo disco de estudio The Slider (1972).


Malia que non é unha das cancións máis populares de T. Rex, "Ballrooms of Mars" ten unha versión en castelán que Radio Futura gravou en 1980. Daquela a banda dos irmáns Auserón estaba dando os seus primeiros pasos na música nun momento de gran axitación artística; eran os anos fortes da Movida, que estaba deixando de ser un movemento meramente xuvenil para gañar repercusión e chegar a ser un fenómeno cultural transcendente nun país que loitaba por modernizarse e estar á altura do resto de países europeos. A letra de "Divina", que así se chama a versión de Radio Futura, non ten moito que ver coa orixinal escrita por Bolan, pero é a homenaxe que Santiago e Luis Auserón e Enrique Sierra lle renden a Alaska, a artista que en certo sentido, puxo en marcha a revolución que supuxo a Movida sendo unha adolescente. As referencias a ela están explícitas cando se menciona directamente a Kaka de Luxe, a primeira banda de Alaska na que coincidiu con Enrique Sierra. "Divina (Los Bailes de Marte)" foi un dos singles do álbum de debut de Radio Futura Música Moderna (1980).

xoves, 16 de febreiro de 2012

Annabel Lee

En 1987  Radio Futura, unha das bandas que logrou sobrevivir á Movida e se convertiu en todo un referente do pop-rock en España, publicou o seu cuarto traballo discográfico La Canción de Juan Perro. Un dos singles que se publican é "Annabel Lee", unha adaptación bastante fiel do poema homónimo de Edgar Allan Poe e que constitúe a única canción que non leva a firma de Santiago Auserón. O videoclip, realizado polo programa de televisión La Bola de Cristal, reflicte a mesma atmosfera que impregna o poema e representa talvez, a mellor homenaxe a Poe da música española.


En 2004 apareceu o disco Arde La Calle. Un Tributo a Radio Futura onde as principais voces do pop-rock en España versionaban as cancións dos irmán Auserón e compañía. "Annabel Lee" tocoulle a outro grande, Bunbury, ex líder de Héroes del Silencio.


 http://youtu.be/-H--oC39y2U

Curiosamente, en maio de 2011, Stevie Nicks publicou un novo álbum en solitario, In Your Dreams, que contiña a súa propia adaptación do poema de Poe. A música está composta por Stevie Nicks e Waddy Wachtel.

 http://youtu.be/chlD_LDYlHQ