Amosando publicacións coa etiqueta Fugees. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fugees. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de agosto de 2015

Angel

O álbum de Aretha Franklin Hey Now Hey (The Other Side of the Sky) (1973) traía algunhas sorpresas, como a participación da propia Aretha na produción xunto co gran Quincy Jones, pero tamén o estreno da súa filla Carolyn Franklyn coma compositora dunha das cancións do álbum, que ademais foi a escollida como single de presentación, a fermosa balada "Angel", na que tamén colaborou canda Carolyn Sonny Sanders. Malia que o disco non acadou moi boas críticas no seu conxunto, "Angel" aínda conserva un bo recordo e a voz de Aretha Franklin segue soando fresca nesta canción pese os anos transcorridos desde a súa publicación.


Simply Red gravou unha das versións máis importantes que se fixeron de "Angel" no compilatorio de grandes éxitos Greatest Hits (1996). Para a ocasión, contaron coa participación de Fugees, que no momento da gravación estaban no punto álxido da súa carreira.

martes, 19 de maio de 2015

Can't Take My Eyes Off You

O carisma de Frankie Valli dentro de The Four Seasons pedía a berros un espazo propio, así que o seu salto como cantante en solitario era un paso natural. Pero mentres noutras bandas con este tipo de decisións xurdían conflitos e producíase algún que outro trauma, en The Four Seasons viuse como unha etapa máis dentro da banda, de tal xeito que o título do álbum en solitario con que Valli debutou foi The 4 Seasons Present Frankie Valli Solo (1967). Por se puidese quedar algunha dúbida do apoio que Frankie Valli recibiu dos seus compañeiros, a meirande parte das cancións están asinadas polos compositores habituais da banda, Bob Crewe e Bob Gaudio, polo que a idea de que no fondo non deixa de ser outro de The Four Seasons acentúase. A carreira en solitario de Frankie Valli non puido empezar con mellor pé; o single "Can't Take My Eyes Off You" tivo unha gran acollida e é unha das máis versionadas da historia do pop.


Resulta moi difícil escoller unhas poucas versións entre tantas boas que se fixeron deste tema de Crewe e Gaudio. Unha das que máis sorprende é a que gravaron Manic Street Preachers na cara B dun dos singles do álbum Everything Must Go (1996). A versión de "Can't Take My Eyes Off You" só se editou en Australia.


Nas últimas décadas, a versión que fixo Lauryn Hill no seu álbum en solitario The Miseducation of Lauryn Hill (1998) gozou dunha gran popularidade. É unha das máis recordadas e deulle unha nova volta á canción.


Tampouco Muse se resistiu ó encanto de "Can't Take My Eyes Off You". A banda de Matt Bellamy gravouna na cara B dun dos singles do compilatorio Hullabaloo Soundtrack (2001).

https://youtu.be/HIdIOXNzlRw

venres, 27 de marzo de 2015

Ooo La La La

A historia da música está chea de casos de artistas e grupos ós que só se lles recoñece unha soa canción, unha coa que lograron un certo renome e xa puidemos comprobar nalgunhas entradas deste blog, que esas cancións moitas veces permanecen vivas debido en parte a súa utilización por parte doutros, que en certa medida as reciclan evitando así un máis que probable esquecemento. Esa é tamén a historia de Teena Marie, que incluíu no seu oitavo disco, Naked to the World (1988), o seu maior éxito, "Ooo La La La", que se situou no primeiro posto da lista de R&B do Billboard ó pouco de editarse. Pero se aínda hoxe esta canción lle resulta coñecida a un público máis novo é por que aínda hai quen aproveita a letra do retrouso.


Foi sobre todo grazas a The Fugees, que no single de lanzamento de The Score (1996) "Fu-Gee-La", a canción de "Ooo La La" volveu á actualidade. Contén a  melodía do retrouso da canción de Teena Marie.


O último en recuperar o "Ooo La La La" foi  Trey Songz na canción "Na Na" do álbum Trigga (2014) segue o exemplo de The Fugees e incorpora no retrouso a melodía da canción orixinal de Teena Marie.

martes, 22 de outubro de 2013

Boadicea

En 1986 a BBC preparou unha serie documental sobre os celtas. A encargada de pórlle banda sonora á produción The Celts recaeu nunha compositora irlandesa que inauguraba con ese traballo unha fulgurante carreira marcada por un estilo único que foi acollido con entusiasmo pola xeración new age. Foi dese xeito como Enya irrumpiu na escena musical do momento. En The Celts ofrécenos quince cancións con son celta. Das que perviven na memoria colectiva dese disco, destaca "Boadicea", malia non ser talvez a mellor canción. A súa melodía calla facilmente no oínte, coma un besbexo, o que seguramente fai que "Boadicea" teña ese encanto peculiar por riba das demais.


Tan envolvente resulta "Boadicea" que a melodía se prestaba doadamente como trampolín para novas cancións. Os primeiros en fixa-la súa antención nela os rapaces de Fugees que a partir de "Boadicea" crearon "Ready or Not", un dos singles de máis éxito do seu debut The Score (1996). Non lle pediron permiso a Enya, o que anoxou bastante á cantante irlandesa.

http://youtu.be/bA1PAkKD3Q4

Xa nos últimos tempos, Mario Winans recuperou a "Bodicea" no seu tema "I Don't Wanna Know", no álbum Hurt No More (2004).

http://youtu.be/frvg9hfJYBo

A canción de Mario Winans tamén contén un sample da canción "You're a Customer", de EPMD, que está incluída no disco Strickly Business (1988).

mércores, 28 de agosto de 2013

No Woman No Cry

O álbum Natty Dread de 1974 supuxo un momento de transición para Bob Marley. Por primeira vez, o disco editábase baixo o nome Bob Marley & The Wailers, resaltando así o carisma e a importancia que Marley exercía por onde pasaba. Por outro lado, tamén influíu neste cambio de nome a marcha doutros dous componentes de peso coma Bunny Wailer e Peter Tosh. E postos a innovar, Natty Dread tamén é o primeiro disco de Bob Marley que conta coa participación do trío en que cantaba a súa muller Rita, I Trees. Con todos estes cambios, o lanzamento de Natty Dread levantou unha gran expectación no selo Atlantic, pois Chris Blackwell, o produtor e dono da discográfica, non sabía como ía responder o público maila crítica, pero Natty Dread contiña un temazo, que habería de quedar para a posteridade como un dos grandes himnos da carreira de Marley: "No Woman No Cry".


Un ano despois, Bob Marley & The Wailers publicaron o disco en directo Live! con algunhas das súas mellores cancións, onde non faltaba "No Woman No Cry". A publicación da versión en concerto pronto acadou cotas de popularidade superiores á da versión no estudio, e de feito, hoxe practicamente só soa á versión en directo:  http://youtu.be/SV2hshsChlk

Das versións que outros artistas gravaron no estudio para un álbum, a que máis repercusión tivo foi a de Fugees' no seu exitoso primeiro disco The Score (1996), onde Wyclef Jean fai unha interpretación marabillosa.

http://youtu.be/n8G1oADtHcQ

Baseada no son de "No Woman No Cry" atopamos unha das cancións máis famosas de The Police, "So Lonely", pertencente a Outlandos d'Amour (1978). A base está tan ben camuflada que é complicada notar o parecido na primeira escoita.

http://youtu.be/fz0DFefft2E

"No Woman No Cry" tamén está na base dunha das cancións que Andrés Calamaro gravou no álbum Honestidad Brutal (1999).


xoves, 5 de xullo de 2012

Wish You Were Here

Cando Syd Barret abandonou Pink Floyd no momento en que este comezaba a acadar a fama, o resto da banda, Roger Waters, Nick Mason, Richard Wright e o substituto de Barret, David Gilmour non souberon reporse do oco que lles ocasionaba a ausencia de Barret. A pesar dos xeniais discos que ían editando, os problemas de saúde de Syd ían pesando como unha lousa e esa dor acabou manifestándose no noveno álbum de Pink Floyd Wish You Were Here (1975), un traballo dedicado ó líder da banda e alma máter do grupo, malia a separación. A canción que lle dá título o disco é sen dúbida, das máis fermosas compostas por Roger Waters en compaña de David Gilmour.


Versionada por outros artistas, sobre todo en concertos, non moitos se atreveron aínda a gravala nun estudio. A banda xermana Tangerine Dream lanzou en 2010 un álbum de versións Under Cover - Chapter One que se pechaba co tema de Pink Floyd.


Outro que nos últimos anos tamén realizou unha versión foi o ex membro de Fugees, Wyclef Jean no disco The Ecleftic: 2 Sides II a Book (2011), dándolle un aire de hip-hop, propio deste rapeiro.


xoves, 8 de setembro de 2011

Killing Me Softly With His Song

A finais da década de 1960, Lori Lieberman, unha moza californiana, compuxo un poema titulado "Killing Me Softly With His Blues" tras asistir a un concerto de Don McLean. Nese concerto, Lori quedara impresionada coa interpretación que o cantante do famoso "American Pie" fixo do tema "Empty Chairs". O poema non pasou inadvertido para os compositores Charles Fox e Norman Gimbel, que se basearon nel para escribir en 1971 o que posteriormente sería unha canción mítica. A propia Lori Lieberman, que daquela trataba de abrirse paso no mundo da música e acababa de firmar un contrato con Capitol Records, foi a encargada de pórlle voz á versión que Fox e Gimbel fixeron do seu poema. En 1972, aparecía no mercado o disco homónimo de Lori Lieberman onde estaba recollido "Killing Me Softly With His Song", que gravara un ano antes.


Pero sería en 1973, ó incluir a cantante de soul Roberta Flack unha versión deste tema no seu álbum que levaba precisamente o título de Killing Me Softly, cando esta canción acadaría a popularidade de que goza. Roberta Flack conseguiu varios Grammys con este tema e de feito, hoxe en día, moita xente pensa que a versión orixinal é dela.


E coma toda canción cun éxito sen precedentes, comezaron tamén a circular novas versións nas décadas posteriores. Frank Sinatra, Carly Simon, Toni Braxton e máis recentemente Alicia Keys son claros exemplos. Mais talvez a versión máis popular tras a de Roberta Flack sexa a dos Fugees, con Lauryn Hill á cabeza xunto con Wyclef Jean, no seu álbum de 1996 The Score.


En español, tamén se levaron a cabo versións de "Killing Me Softly". En México, destaca a versión de Pandora, que titularon "Matándome Suavemente Con Su Canción", no seu álbum Ilegal (1992).

 http://www.goear.com/listen/4891f05/matandome-suavemente-pandora

En España, a versión máis libre correspondeulle ó xenial Tino Casal no seu derradeiro álbum Histeria (1989), co título "Tal Como Soy".

 http://www.goear.com/listen/d818da6/tal-como-soy-tino-casal