Amosando publicacións coa etiqueta The Killers. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Killers. Amosar todas as publicacións

xoves, 27 de agosto de 2015

Smalltown Boy

Na convulsa era da new wave cunha manchea de novos grupos irrumpindo na escena, non parecía doado que toda aquela efervescencia musical pervivise trinta anos despois. Mentres que a obra enteira de moitas bandas se consagrou á categoría de clásica dos oitenta, outras teñen a fortuna de ter deixado para a posteridade tan só unha canción, un éxito imperecedeiro que fará que o nome do grupo perviva co paso do tempo. Isto pode aplicarse a Bronski Beat, unha banda de electropop procedente de Londres, que só publicou dous discos antes de volver a intentalo cun terceiro a mediados dos noventa. O que máis éxito tivo foi o primeiro, The Age of Consent (1984), grazas sobre todo a un trallazo como "Smalltown Boy", onde os membros de Bronski Beat reivindican a súa condición homosexual nunha sociedade aínda tremendamente homófoba. Non lograron repetir o éxito de "Smalltown Boy" e pouco despois o vocalista, Jimmy Sommerville, formou The Communards, cos que lle iría algo mellor.


Paradise Lost foi a primeira banda en facer unha versión de "Smalltown Boy" en clave métal. Pechaba o noveno álbum da banda, Symbol of Life (2002).


Outra versión diferente, en clave sinfónica, é a de Sharon Corr no seu primeiro álbum en solitario, Dream of You (2010).


No último álbum en solitario de Brandon Flowers, The Desired Effect (2015), atópase a canción "I Can Change" baseada na de Bronski Beat.

venres, 4 de outubro de 2013

Feel Again

OneRepublic saltou á fama mundial da man do produtor Timbaland que en 2008 era un especie de rei Midas, xa que a meirande dos artistas que traballaban con el acadaban os primeiros postos das listas de vendas sen dificultades. Así "Apologize", que era a canción estrela da ópera prima destes mozos de Colorado, colocou a OneRepublic como unha das promesas da música contemporánea con máis expectativas de futuro. Non obstante, desde aquela, a carreira de OneRepublic volveuse un tanto irregular e non volveron a acada-las cotas coas que chegaron con Dreaming Out Loud (2007). Este mesmo ano, lanzaron o seu terceiro disco Native, cuxo primeiro single foi "Feel Again".


Sen dúbida, o primeiro que chama a atención é a influencia de Florence + The Machine nesta canción. Vese de maneira evidente que o tema de OneRepublic ten moitas semellanzas con "Dog Days Are Over", do álbum de debut da banda de Florence Welch Lungs (2009). E é que a irrupción de Florence + The Machine na escena musical dos últimos anos non deixou indiferente a ninguén.

http://youtu.be/ny4deVFsYuo

Pero na canción de OneRepublic aínda hai outra influencias, malia que non tan claras coma a de Florence + The Machine. Moitos críticos apuntan directamente a The Killers e sinalan que a canción "All These Things I've Done", do álbum de debut Hot Fuss (2004) como unha peza clave na construción do son de "Feel Again".

http://youtu.be/sZTpLvsYYHw


martes, 15 de maio de 2012

Thunder Road

O terceiro disco do gran Bruce Springsteen, Born to Run (1975) está considerado un dos grandes na carreira do compositor de Nova Jersey e polo tanto,  non cómpre dicir que para calquera artista admirador do Boss este supón toda unha fonte de influencia, dende a primeira canción ata a última, malia a que só contén oito cancións, todas elas coa esencia da música de Springsteen e a E Street Band.  Born to Run ábrese con este delicioso "Thunder Road", un dos temas máis versionados.


Un dos discos onde máis se nota a presenza de Bruce Springsteen é no segundo de The Killers. A banda de Brandon Flowers acababa de conseguir situarse no mapa musical cun excelente debut Hot Fuss (2004) e para o seu segundo traballo necesitaban confirmar as expectativas que se levantaran en torno a eles. Así que dous anos despois vía a luz Sam's Town, un álbum que se podería calificar de rock clásico, debido as influencias de Springsteen e U2."When You Were Young", o single de lanzamento, parece unha canción asinada por Springsteen que podería pertencer tranquilamente a Born to Run. Mentres agardamos un novo traballo de The Killer tras os discos en solitario de Brandon Flowers e de Ronnie Vannucci, quedamos con un dos seus mellores temas.