Amosando publicacións coa etiqueta Drake. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Drake. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de marzo de 2016

Summer Sixteen

O canadense Drake estreou este ano a presentación dun novo álbum que xa é o cuarto na carreira deste rapeiro. Views from the 6 (2016) preséntase con cancións coma "Summer Sixteen", no que Drake deixa claro que a súa voz é unha das máis importantes que xurdiron nos últimos anos na escena do R&B. "Summer Sixteen" ten todas as características propias do seu xénero, que consisten basicamente en introducir elementos de cancións alleas para formar unha máis ou menos orixinal. Malia que moitas veces isto pode considerarse unha eiva para un tema novo dependendo de como vaian ensambladas as pezas, a nova canción de Drake salva as dificultades deixando un bo sabor de boca, ó que contribúe o talento deste rapeiro.


Entre os produtores do novo álbum de Drake atópase Brian Bennett, antigo membro de The Shadows, quen logo desenvolveu a súa propia carreira en solitario, sobre todo escribindo música para bandas sonoras. A súa canción "Glass Tubes" (1975) sérvelle de apoio á "Summer Sixteen" formando un dos tres piares do tema de Drake.


Tamén o grupo de gospelThe Winans traballaron na produción da canción de Drake. A súa contribución está sobre todo na achega que lle fan do seu propio tema, "The Question Is".


Pero o sample que máis se deixa notar desde a primeira nota de "Summer Sixteen" é o sacado da canción de M83 "Midnight City", do seu celebrado álbum Hurry Up, We're Dreaming (2011). A canción do músico francés ensambla tódalas pezas que compoñen "Summer Sixteen" dándolle un carácter unitario.

martes, 14 de abril de 2015

(At Your Best) You Are Love

De tódalas cancións que se fixeron dedicadas ás nais, a de The Isley Brothers "(At Your Best) You Are Love" é sen dúbida, das máis sentidas. Pertence ó album número catorce do grupo de soul e funk Harvest for the World (1976) e malia que na actualidade é unha das cancións máis coñecidas da discografía de The Isley Brothers, no momento da publicación do álbum non se considerou escollela como single, talvez debido a que se trata dun tema lento, que non encaixaba moi ben cos outros temas bailables do disco, que tiñan máis posibilidades de triunfar.


Posiblemente a versión de Aaliyah no seu álbum de debut Age Ain't Nothing but a Number (1994) é a máis coñecida, e case vinte anos despois da publicación da orixinal, axudou a que "(At Your Best) You Are Love" seguise sendo coñecida para os novos seguidores do R&B e do soul.


Drake foi sempre un namorado da música de The Isley Brothers, como demostra algunha das reinterpretacións que fixo dos temas do grupo, pero para "Unforgettable", pertencente a Thank Me Later (2010), o álbum do seu debut, serviuse da versión de Aaliyah de "(At Your Best) You Are Love" para as primeiras notas.

luns, 6 de maio de 2013

Breakfrast in America

A música rock dos anos 70 non se chegaría a entender sen unha serie de bandas que ó longo desa década foron labrando a súa traxectoria. Unha delas cuxo nome vai ligado a esa época é Supertramp, que con cada disco que ía editando superábase. O sexto disco, Breakfast in America (1979) é posiblemente dos mellorciños que o grupo de Roger Hodgson sacou o mercado, aínda que para moitos o éxito do álbum está sobre todo no número de exemplares vendidos en todo o mundo, pois desde logo, Breakfast in America contén algunha das cancións máis populares de Supertramp, como "Logical Song", "Take the Long Way Home" e a que lle dá título ó disco "Breakfast in America", unha canción que Hodgson escribiu na súa xuventude e que rescatou para o sexto disco do álbumn coa colaboración do seu colega Rick Davies.

http://www.goear.com/listen/c03ad0f/breakfast-in-america-supertramp

Moitos anos máis tarde, Gym Class Heroes, o grupo que montou Travie McCoy e Matt McGinley, renovou a canción (aínda que para outros simplemente a estragou), ó incorporala como parte de "Cupid's Chokehold", tema no que participa o vocalista de Fall Out Boy, Patrick Stump, e que pertence ó álbum The Papercut Chronicles (2005).


Os artistas de hip-hop tamén se teñen fixado no estilo particular de Supertramp para engadilo ás súas creacións, e "Breakfast in America" aparece sampleada nalgúns temas, como no de Drake "Stunt Hard".

martes, 10 de xullo de 2012

Tom's Diner

Malia que Suzanne Vega escribiu "Tom's Diner" en 1981 non a gravou ata tres anos máis tarde para Fast Folk Musical Magazine e habería que esperar a 1987 para que aparecese nun álbum da compositora de Santa Mónica. Solitude Standing contén dúas versións desta canción; a última é unha versión instrumental. Mais o encanto deste tema reside en que é un dos poucos cantado a capella que obtén un enorme recoñecemento internacional, algo do que poden presumir moi poucos artistas, quizais tan só Norman Cook, que cos Housemartins, encumbraron o seu famoso "Caravan of Love" ás listas de éxito, tan só dous anos despois de que "Tom's Diner" vise a luz e un ano antes de que Suzanne Vega editase Solitude Standing.


O son rítmico da canción fixo que moitos rapeiros se fixasen nel e acabasen por samplealo, como por exemplo Drake, que o empregou de xeito evidente en "Juice".

Pero quizais sexa que canción de Adam Deacon, Bashy e Paloma Faith que gravaron para a película "4.3.2.2.1" titulada "Keep Moving" á que mellor lle fai xustiza.