martes, 14 de abril de 2015

(At Your Best) You Are Love

De tódalas cancións que se fixeron dedicadas ás nais, a de The Isley Brothers "(At Your Best) You Are Love" é sen dúbida, das máis sentidas. Pertence ó album número catorce do grupo de soul e funk Harvest for the World (1976) e malia que na actualidade é unha das cancións máis coñecidas da discografía de The Isley Brothers, no momento da publicación do álbum non se considerou escollela como single, talvez debido a que se trata dun tema lento, que non encaixaba moi ben cos outros temas bailables do disco, que tiñan máis posibilidades de triunfar.


Posiblemente a versión de Aaliyah no seu álbum de debut Age Ain't Nothing but a Number (1994) é a máis coñecida, e case vinte anos despois da publicación da orixinal, axudou a que "(At Your Best) You Are Love" seguise sendo coñecida para os novos seguidores do R&B e do soul.


Drake foi sempre un namorado da música de The Isley Brothers, como demostra algunha das reinterpretacións que fixo dos temas do grupo, pero para "Unforgettable", pertencente a Thank Me Later (2010), o álbum do seu debut, serviuse da versión de Aaliyah de "(At Your Best) You Are Love" para as primeiras notas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario