mércores, 1 de abril de 2015

Bleeding Heart

Aínda cando o rock and roll lograra situarse como un xénero musical de primeira orde nos sesenta, as novas composicións de blues seguían a ser fonte de inspiración para os rockeiros, que se seguían fixando sobre todo nesa arte de tocar a guitarra que todos os músicos de blues parecían posuír. Nese contexto, Elmore James, digno herdeiro de Robert Johnson, era unha especie de mestre para as novas xeracións rock, pois cada single que sacaba tiña case o mesmo eco que calquera outro cos novos sons. Na ampla discografía deste músico de Chicago brilla con luz propia "Bleeding Heart" (1965), single póstumo de Elmore James, que o gravara dous anos antes do seu pasamento. Tiveron que pasar outros dous anos para que se publicase, pero a influencia de Elmore James seguía moi viva entre os seus admiradores.


E un deses admiradores tan devotos de Elmore James foi o gran Jimi Hendrix, que adoitaba interpretar algunha das súas composición nos concertos, co que a sona de James medrou considerablemente. No álbum póstumo de Hendrix Valleys of Neptune (2010) recóllese unha versión de "Bleeding Heart" que xa aparecera no compilatorio Blues (1994).

Ningún comentario:

Publicar un comentario