Amosando publicacións coa etiqueta Pink Floyd. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pink Floyd. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de abril de 2016

Raise My Rent

Os membros de Pink Floyd sempre demostraron unhas grandes inquedanzas musicais, que se acabaron reflectindo en cada traballo da banda. Pero a súa creatividade extralimitaba moitas veces o proceso de elaboración dos traballos do grupo e iso levábaos a cultivar unha carreira en solitario pola súa conta, con experiencias que máis tarde enriquecerían de novo á banda. Á marxe de Syd Barret, David Gilmour decidiu probar en solitario cun álbum epónimo en 1978, que consta de nove cancións, varias delas totalmente instrumentais. Unha delas é "Raise My Rent", unha peza que excede os cinco minutos e da que Gilmour volvería botar man anos máis tarde.

http://k36.kn3.net/taringa/4/1/9/9/1/8/6/tama_m/01C.jpg?654https://youtu.be/eVdJCGUHL4A

Despois de varios anos que parecían dar por rematada a fantástica traxectoria de Pink Floyd, David Gilmour, xunto con Richard Wright, pero sen a colaboración de Roger Waters, con quen mantía unha relación nula, volveu pór de actualidade á banda coa publicación do álbum The Division Bell  (1994), onde se inclúe a canción "What Do You Want From Me?", que se construíu coa base de "Raise My Rent".

http://www.uofmusic.com/wp-content/uploads/2016/03/PINK-FLOYD-photo-94-Andy-Earl.jpghttps://youtu.be/_zsnGq4rvEM

luns, 8 de febreiro de 2016

Sam Stone

Unha das características dos cantautores de folk é o compromiso social que adquiren as letras das súas cancións, na que reflicten realidades que non sempre se abordan desde unha perspectiva lírica. John Prine estreouse cun álbum epónimo en 1971 onde unha das principais cancións é "Sam Stone". Sen falar directamente da guerra de Vietnam como facían outros músicos, Prine céntrase nunha das consecuencias devastadoras deste conflito, o consumo de estupefacientes por parte dos soldados que volveron da guerra. Esta canción, unida a outras como "Paradise" e "Your Flag Decal Won't Get You Into Heaven Anymore", fixo que John Prine fose un cantautor moi respectado entre os demais músicos, entre eles Johnny Cash, Joan Baez e John Fogerty, e moitos deles versionaron as súas cancións.


Outro músico que tamén sente admiración por John Prine é Roger Waters, cuxa canción "The Post War", pertencente ó álbum de Pink Floyd The Final Cut (1983), garda algún parecido.

martes, 22 de decembro de 2015

Goodbye Blue Sky

Pink Floyd asinou unha brillante páxina na evolución do rock progresivo cando se publicou o dobre álbum The Wall (1979). As vinte e seis cancións que forman parte del son verdadeiras xoias do rock que mostran á banda británica en todo o seu esplendor, cun Roger Waters inspiradísimo, que a pesar do bo momento en que se atopaban, ningún dos membros se esquecía de Syd Barret, a quen dedican algunha canción. A segunda parte do álbum comeza coa canción "Goodbye Blue Sky", un pefecto medio tempo, cuxa melodía influíu noutras bandas de rock.


A canción de Metallica "Fade to Black", pertencente ó álbum Ride the Lightning (1984) comeza cuns acordes que recordan moito á canción de Pink Floyd.


Parece que tamén Def Leppard se inspirou na melodía de "Goodbye Blue Sky" para elaborar "Hysteria", do álbum do mesmo nome que se publicou en 1987.

luns, 17 de agosto de 2015

The Nile Song

De cando en vez as bandas aproveitan os mesmos elementos, xa sexan riffs, pistas, etc. para compór máis dunha soa canción, aínda que o normal é que non se abuse moito dese recurso e só se empregue en dúas cancións, canto máis se estas van acabar formando parte do mesmo álbum. Isto é algo que se pode apreciar no terceiro disco de Pink Floyd, a banda sonora de More (1969), con dúas cancións, precisamente a que se elixiu como single de lanzamento "The Nile Song" e a que estaba estaba na súa cara B, "Ibiza Bar", que ocupa o corte 9 do álbum. Moi semellantes na súa execución, ámbalas cancións comparten tamén autores, malia que "The Nile Song" é exclusica de Waters.


E velaquí "Ibiza Bar" con pequenos trazos de "The Nile Song".

venres, 12 de xuño de 2015

Money

Volvemos con outro post temático, desta volta sobre unha das fontes de soños e desgrazas máis grandes que hai: os cartos. É que non son poucas as cancións que se fixeron sobre o vil metal e nunca está de máis facer un pequeno repaso sobre algunhas das máis coñecidas. Empezando como non, coa máis emblemática, a que Roger Waters escribiu para Pink Floyd no álbum The Dark Side of the Moon (1973), a famosa "Money", na que se fala do poder do diñeiro, aínda que xa se sabe que este non o pode mercar todo, empezando pola felicidade, e que hai xente tan pobre que só ten cartos... En fin, imos deixar os tópicos de momento e centrarnos na música. Esperamos que as seguintes cancións sexan do voso agrado. A primeira, como xa dixemos, "Money" de Pink Floyd.

https://youtu.be/JkhX5W7JoWI

Mais unha das primeiras cancións que se lle dedicaron os cartos foi a que Clyde McPhatter & The Drifters en 1953. Trátase de "Money Honey".

https://youtu.be/N8oNHMNCSjQ

En 1978 The Brains resumiron perfectamente o que cambian as cousas cando hai diñeiro de por medio en "Money Changes Everything", o único éxito que tivo esta banda.

https://youtu.be/zLWbp3w2eqM

Pero como xa se sabe, ás veces os cartos non son suficiente para o que se quere. Iso tívoo moi claro Mark Knopfler cando escribiu "Money for Nothing" e que aparece no álbum de Dire Straits Brothers in Arms (1985). A canción conta coa participación de Sting nos coros na última parte. Dese mesmo ano é a versión de Simply Red de "Money's Too Tight To Mention", que xa apareceu por aquí hai unhas semanas.

https://youtu.be/wTP2RUD_cL0

En 1988, Psychedelic Furs incluían no álbum All of This and Nothing a canción "All That Money Wants".

https://youtu.be/Gti22zo6sm0

A canción de Babylon Zoo "All the Money's Gone", primeiro single de King Kong Groover (1999), co que tentaba repetir o éxito de "Spaceman" do anterior álbum, tamén fala da tristura que se produce cando os cartos voan. Desafortunadamente, o título desta nova canción pareceu profético porque non se volveu saber nada máis de Babylon Zoo.

https://youtu.be/ZsDecygKK3w

E por último a canción de Chumbawamba "She's Got All the Friends that Money Can Buy", do álbum WYSIWYG (2000) sobre a cantidade de amizades que fan os cartos.

https://youtu.be/Ip04ssomt40

martes, 5 de maio de 2015

My Little Red Book

"My Little Red Book" é un éxito menor dentro da extensa andaina de Burt Bacharach e Hal David como compositores de grandes artistas. Cando as bandas británicas de pop e rock revolucionaron o panorama musical dos sesenta, este dúo considerou a posibilidade de colaborar tamén cos grupos emerxentes e un dos afortuandos foi Manfred Mann, que en 1965 recibiu a canción e gravouna para a banda sonora da película What's New Pussycat?, da que Bacharach e David se encargaban. De feito, os compositores serían candidatos ós Oscar pola canción que lle dá título a película e que interpetou Tom Jones. Non obstante, "My Little Red Book" tería unha nova vida na voz de Arthur Lee e da súa banda, Love, un ano despois.


Meses antes da publicación do sensacional álbum Da Capo (1966) Love debutaba cun primeiro disco epónimo onde ademais das composicións de Arthur Lee, predominaban a doutros autores, como a versión de "My Little Red Book" firmada pola prestixiosa parella formada por Burt Bacharach e Hal David.


Pink Floyd deformou o riff de guitarra da versión de Love ata case volvelo irrecoñecible nunha das partes de "Interstellar Overdrive", un dos temas da ópera prima da banda The Piper at the Gates of Dawn (1967).

luns, 2 de febreiro de 2015

Down by the River

Os discos que Neil Young publicou con The Crazy Horse son dos máis importantes na carreira do músico canadense tralo seu paso por Buffalo Springfield. Con Everybody Knows This Is Nowhere (1969), Young rodeouse dos componentes de Crazy Horse, e con esta banda habería de editar uns cantos álbums cos que se convetería nunha das figuras emblemáticas do rock. Nese álbum atopamos cancións coma "Cowgirl in the Sand", "Cinnamon Girl" e "Down by the River", que xustifican por si soas un dos traballos discográficos fundamentais de finais dos anos sesenta. Despois de escoitar no seu momento "Cinnamon Girl", hoxe dedicámoslle unha entrada a "Down by the River", que foi a encargada de presentar o disco. A duración deste single é de tres minutos, pero no álbum ronda os nove minutos, sen que en ningún intre dea a impresión de que sobren minutos.


 "Any Colour You Like", pertencente a The Dark Side of the Moon (1973) ten un son que parece tomado directamente da canción de Neil Young.

luns, 24 de novembro de 2014

Summer '68

Pink Floyd acaba de publicar novo álbum e iso sempre é motivo de celebración, aínda que no flamante The Endless River (2014) non participe Roger Waters e a meirande parte das cancións sexan os descartes de The Division Bell (1994). Pero dado que temos de volta a unha das grandes bandas da historia con material inédito, volvamos repasar algún dos seus vellos éxitos e nesta ocasión imos deternos no álbum Atom Heart Mother (1970), nunha canción que leva a autoría de Richard Wright, "Summer of '68", e único single que se extraeu do quinto disco de Pink Floyd. Richard Wright toma todo o protagonismo deste tema, xa que ademais de ser o autor interprétao el mesmo, algo que non pasa ningunha vez máis en todo o álbum, pois Atom Hear Mother é sobre todo un álbum instrumental.

http://youtu.be/uYLVbigYUfU

O son de "Summer '68" influíu de maneira indirecta nun dos temas de Fabrizio De André, un dos músicos italianos que máis se preocupou por promocionar as linguas minorizadas de Italia. No álbum epónimo que publicou en 1981, tamén coñecido coma L'Indiano polo debuxo da portada e no que se compara ó pobo sardo cos pobos nativos americanos, aparece o tema "Fiume Sand Creek". Nel, De André fala do famoso masacre de Sand Creek en 1864. A influencia de Pink Floyd está bastante presente no estilo.

http://youtu.be/PXhYK4j2d84

mércores, 16 de xullo de 2014

Burning Bridges

Para o acostumados que estaban os rapaces de Pink Floyd a ofrecer cancións longas que sobrepasaban amplamente os cinco minutos, Oscured by Clouds (1972) contén unha colección de temas en que a máis longa apenas chega ós seis minutos. Talvez debido a que nesa ocasión o álbum ía formar parte da película francesa La Vallée, David Gilmour, Roger Waters, Richard Wright e Nick Mason deixaron aparcados algúns dos proxectos cos que elevaban o rock progresivo á categoría de arte. De feito ó ano seguinte Pink Floyd editaría o colosal The Dark Side of the Moon (1973), unha verdadeira obra mestra. Pero tampouco se pode considerar que Oscured by Clouds sexa un traballo menor na discografía da banda británica, pois hai algunhas das mellores creacións formadas polo tándem Waters/Gilmour; e tamén algunha curiosidade. O corte 3 "Burning Bridges" ten unha melodía semellante a do tema instrumental que ocupa o corte 6 "Mudmen". 


Podería dicirse que "Mudmen" é a versión instrumental de "Burning Bridges" con novo nome. Agora que David Gilmour anuncia novo material para este mesmo ano, malia que estea baseado nas sesións de The Division Bell (1994) e Roger Waters non parece que vaia participar, é un bo momento para retomar algunhas das cancións anteriores.

martes, 18 de marzo de 2014

The Phantom of the Opera

Gaston Leroux é o autor dunha das obras literarias máis sobresaíntes de comezos do século XX, Le Fantôme de l'Opéra, novela que foi aparecendo por entregas en 1909 e que co tempo, se convertiu nun clásico da literatura universal, debido á forza dos seus personaxes, especialmente o protagonista, o célebre fantasma da ópera parisiense Garnier namorado dunha das sopranos. A historia de Leroux é tan desgarradora que deu para que se fixesen distintas adaptacións, tanto cinematográficas coma teatrais, onde non podían faltar os musicais, e neste eido, un dos máis importantes é o de Andrew Lloyd Webber, que se estreou en 1986. A canción que lle dá título ó musical está interpretada por Sarah Brightman e Michael Crawford, nos papeis de Christine Daaé e do atormentado Erik.


Pero o que ninguén podía esperar respecto ó tema central do musical é que aparecese un músico acusando a Webber de plaxio. Ray Repp, un cantautor que ata o momento da acusación non era coñecido para o gran público, afirmou por tódolos medios posibles que se trataba dun plaxio do seu tema "Till You", do álbum Benedicamus - The Song of the Earth (1978).


O caso acabou nos tribunais e sen fortuna para os intereses de Ray Repp, e iso que unha das probas nas que se baseou a defensa de Webber e que o tribunal acabou rexeitando, foi que "Till You" era á vez un plaxio doutra canción dun musical do propio Webber, "Close Every Door", pertencente a Joseph and the Amazing Technicolor Dreamcoat e que se representou por primeira vez en escena en 1968. En calquera caso, o son de "The Phantom of the Opera" bebería directamente dese tema orixinario.

http://youtu.be/I3JLQXvbApA

Por se fose pouco, a esta polémica sumouse tamén Roger Waters para indicar que se Andrew Lloyd Webber cometeu algún tipo de plaxio en "The Phantom of the Opera" foi do tema de Pink Floyd "Echoes", unha das cancións de Meddle (1971). É certo que a semellanza é bastante clara nalgúns momentos de "Echoes", pero quizais sexa unha esaxeración considerala un plaxio. De todos modos, ninguén de Pink Floyd fixo unha acusación formal contra Webber e Waters prefiriu vingarse facendo algunha referencia ó compositor nalgunha que outra canción.

 http://youtu.be/-KMpZaEF6g0       

Deixando xa de lado a polémica, hai que engadir que o encanto do Fantasma da Ópera atopou unha ampla acollida nas bandas de rock gótico. Malia que os primeiros en dedicarlle unha canción foron os Iron Maiden en 1980, a popularidade que acadou a canción de Andrew Lloyd Webber fixo que grupos coma Lacrimosa, Nightwish, HolyWell e Theatre of Tragedy, por citar algúns nomes, se animasen a versionala. Os mexicanos Anabantha, ademais, adaptárona ó castelán cun moi bo resultado. Inclúese no disco Letanías Capítulo II... La Pesadilla (2007).

http://youtu.be/0G466W8WnYg                   

Rufus Wainwright tamén mostrou a súa simpatía pola canción de Webber no seu tema "Between My Legs", que remata cos famosos acordes. Pertence ó álbum Release the Stars (2007).

 http://youtu.be/T1nNMTi6xdk

E tamén a melodía do comezo de "50 Ways to Say Goodbye" de Train, incluído en California 37 (2012), ten reminiscencias de "The Phantom of the Opera".

http://youtu.be/pf4aSxDvlPw

venres, 29 de novembro de 2013

You'll Never Walk Alone

Se hai unha canción que sobresaíu por riba de todas as do musical Carousel esa foi "You'll Never Walk Alone". Moitos artistas decidiron gravar unha versión, pero onde realmente "You'll Never Walk Alonde" se converteu en todo un himno foi nas bancadas dos campos de fútbol do Reino Unido. Os siareiros do Liverpool foron os primeiros en incorporala  ós cantos de ánimo ós seus xogadores en Anfield xa nos anos 60 e pronto outras afeccións seguirían o seu exemplo coma o Celtic de Glasgow, ata facer que hoxe a canción composta por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein estea máis asociado ó mundo do fútbol ca o dos musicais. Christine Johnson, a actriz de que daba vida a Nettie Fowler en Carousel, foi a primeira en interpretala, en 1945.

http://youtu.be/wlsUfOjVhrM

A pesar que conta cunha infinidade de versións, as máis emotivas sempre proceden das bancadas dos campos de fútbol, especialmente as de Anfield. Isto entendérono moi ben David Gilmour e Roger Waters, que non resistiron a tentación de engadir ese son único na canción "Fearless", do álbum Meddle (1971).

http://youtu.be/TeyHPAdxuy0

"You´ll Never Walk Alone" tamén está detrás da creación dalgúns éxitos de Queen. Seica tras un concerto, os fans puxéronse a cantala e iso lles deu a idea a Freddie Mercury e compañía de facer algunha canción co mesmo espíritu. De aí naceron dúas cancións tamén moi "futbolísticas" coma "We Will Rock You" e sobre todo, "We Are the Champions". Esta última aparece no disco News of the World (1977).

http://youtu.be/O71fetlkCZo

Tamén con numerosas versións, destaca a que fixeron en castelán La Unión no disco "Tributo a Queen" (1997).

http://youtu.be/SQedp1GOuP4

venres, 30 de novembro de 2012

Have a Cigar

Wish You Were Here, o noveno álbum de Pink Floyd, publicado en 1975, tan só contén cinco cancións, pero a súa brevidade non lle impide ser un dos grandes discazos do rock. Dalgún xeito, foi a posta en escena previa para o traballo discográfico que moitos consideran o mellor de Pink Floyd The Dark Side of the Moon. Pois ben, esas cinco cancións xiran  sobre todo arredor do sentimento de perda tralo abandono de Syd Barret; pero tamén se centran noutras cuestións que preocupaban ós demais membros da banda, como por exemplo, as prácticas que estaba levando a cabo a industria discográfica, que estaba convertendo o rock nun negocio moi rendible. "Have a Cigar" é unha das primeiras cancións que critica explicitamente unha situación que a mediados dos anos 70, especialmente trala crise de 1974 que prexudicara en gran medida ó sector, se estaba volvendo habitual, é dicir, a paradoxa que supuña a música rock convertida en negocio cando nas súas orixes era un movemento á marxe. 


Como case todas as cancións de Pink Floyd, "Have a Cigar" conta con notables versións como a de OneTwo e a de Foo Fighters, mais o riff de guitarra desta canción asinada por Roger Waters, tamén lle serviu de inspiración a Dream Theater para o comezo da súa canción "Metropolis: Part 1" do álbum Images and Words (1992).

xoves, 5 de xullo de 2012

Wish You Were Here

Cando Syd Barret abandonou Pink Floyd no momento en que este comezaba a acadar a fama, o resto da banda, Roger Waters, Nick Mason, Richard Wright e o substituto de Barret, David Gilmour non souberon reporse do oco que lles ocasionaba a ausencia de Barret. A pesar dos xeniais discos que ían editando, os problemas de saúde de Syd ían pesando como unha lousa e esa dor acabou manifestándose no noveno álbum de Pink Floyd Wish You Were Here (1975), un traballo dedicado ó líder da banda e alma máter do grupo, malia a separación. A canción que lle dá título o disco é sen dúbida, das máis fermosas compostas por Roger Waters en compaña de David Gilmour.


Versionada por outros artistas, sobre todo en concertos, non moitos se atreveron aínda a gravala nun estudio. A banda xermana Tangerine Dream lanzou en 2010 un álbum de versións Under Cover - Chapter One que se pechaba co tema de Pink Floyd.


Outro que nos últimos anos tamén realizou unha versión foi o ex membro de Fugees, Wyclef Jean no disco The Ecleftic: 2 Sides II a Book (2011), dándolle un aire de hip-hop, propio deste rapeiro.


martes, 22 de maio de 2012

Lucy in the Sky with Diamonds

É moi complicado quedar só cunha canción do excelente Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, o disco antolóxico dos Beatles de 1967 e que supuxo a culminación dun proceso que se vislumbraba dende Revolver e que converteu ós de Liverpool en algo máis que outra banda de pop rock británica á cabeza das listas de éxito en todo o mundo. "Lucy in the Sky with Diamonds", o terceiro corte do álbum, compúxoa John Lennon despois de ver un debuxo do seu fillo Julian que mostraba á súa amiga Lucy entre diamantes. Con todo, ó publicaren ó disco en plena efervescencia da psicodelia, moitos malpensados creron que as iniciais do título da canción facía referencia ó LSD e polo tanto era unha apoloxía das drogas; unha lenda máis que envolve todo o relacionado con The Beatles.


A maioría das versións que se fixeron deste tema aparecen en recompilatorios dedicados a The Beatles, pero  un dos primeiros que se animou a gravar "Lucy in the Sky with Diamonds" foi Elton John en 1974.


Mesmo Pink Floyd fixo unha referencia a esta canción de The Beatles no single "Let There Be More Light" do álbum A Saucerful of Secrets (1968).

http://www.goear.com/listen/43cff04/let-there-be-more-light-pink-floyd

E antes de seguir con "Lucy in the Sky with Diamonds", cómpre indicar que a canción de Pink Floyd sentou a base para un dos éxitos de Placebo. Concretamente, "Taste in Men", do álbum Black Market Music (2000).

http://www.goear.com/listen/1765b36/taste-in-men-placebo

"Lucy in the Sky with Diamonds" tamén está na base doutras cancións que irremediablemente lembran a orixinal. É o caso de Hyde, cantante xaponés que en 2003 publicou o seu segundo álbum 666 onde está incluído "Horizon".