É moi complicado quedar só cunha canción do excelente Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, o disco antolóxico dos Beatles de 1967 e que supuxo a culminación dun proceso que se vislumbraba dende Revolver e que converteu ós de Liverpool en algo máis que outra banda de pop rock británica á cabeza das listas de éxito en todo o mundo. "Lucy in the Sky with Diamonds", o terceiro corte do álbum, compúxoa John Lennon despois de ver un debuxo do seu fillo Julian que mostraba á súa amiga Lucy entre diamantes. Con todo, ó publicaren ó disco en plena efervescencia da psicodelia, moitos malpensados creron que as iniciais do título da canción facía referencia ó LSD e polo tanto era unha apoloxía das drogas; unha lenda máis que envolve todo o relacionado con The Beatles.
A maioría das versións que se fixeron deste tema aparecen en recompilatorios dedicados a The Beatles, pero un dos primeiros que se animou a gravar "Lucy in the Sky with Diamonds" foi Elton John en 1974.
Mesmo Pink Floyd fixo unha referencia a esta canción de The Beatles no single "Let There Be More Light" do álbum A Saucerful of Secrets (1968).
E antes de seguir con "Lucy in the Sky with Diamonds", cómpre indicar que a canción de Pink Floyd sentou a base para un dos éxitos de Placebo. Concretamente, "Taste in Men", do álbum Black Market Music (2000).
"Lucy in the Sky with Diamonds" tamén está na base doutras cancións que irremediablemente lembran a orixinal. É o caso de Hyde, cantante xaponés que en 2003 publicou o seu segundo álbum 666 onde está incluído "Horizon".
Ningún comentario:
Publicar un comentario