mércores, 16 de maio de 2012

I Got a Name

Jim Croce non tivo unha carreira moi longa. Por desgraza, a súa morte, en estrañas circunstancias, privounos dun compositor que lograra facerse un oco no panorama musical americano entre os anos 60 e 70 en plena efervescencia da música pop e rock e que a traxedia levou por diante como a outros  artistas tan novos coma Janis Joplin, Jimi Hendrix e Jim Morrison, entre outros. En decembro de 1973 publicábase o seu disco póstumo I Got a Name, tan só tres meses despois do seu pasamento e que sería o quinto na traxectoria deste cantautor que nos deixou con só trinta anos. Nese álbum a canción que lle dá título contén un riff que haberíamos de encontrar posteriormente.



E sería vinte anos despois, en 1994, cando o grunge estaba no seu apoxeo. A banda de San Diego, Stone Temple Pilots, liderada por Scott Weiland, publicaba o seu  segundo disco Purple que os catapultaría á fama en todo o planeta, grazas a cancións como "Interstate Love Song", o segundo single, onde moitos viron que o riff de guitarra que se empregaba neste tema era moi semellante ó de Jim Croce. En calquera caso, coma sempre, sexa cal sexa o grao de semellanza, podemos desfrutar de dúas boas cancións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario